Mostrando entradas con la etiqueta letras galegas. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta letras galegas. Mostrar todas las entradas

18/5/17

Avelino González e Carlos Casares




Avelino González é  actor, tradutor,  humorista ,narrador oral. 

Con motivo das celebración das Letras Galegas, contamos coa súa visita no mes de maio. O martes 16 contou para os de 3º e 4º ESO e o xoves 19 para os de 1º e 2º ESO.

En ambas sesións,  Avelino contou, en clave de humor,  parte da vida de Casares, esa que non está escrita nos libros nin na súa biografía literaria. Nunha hora de duración, aproximadamente, contou feitos, sucesos  e anécdotas vividas e escoitadas por Casares, focalizándoas dentro das súas obras e narrándoo de forma moi amena e  divertida.  Deunos a coñecer ese Casares persoa, humano,  que facía trasnadas de mozo, que namoraba, que se divertía cos amigos, que xogaba, que tiña vicios, que escoitaba á xente... amosando como, ademais de un gran escritor, era un referente na cultura,nas novas tecnoloxías e que, ao mesmo tempo, facía entenderse por calquera.

En ambas contadas, ademais de introducir as anécdotas de Casares, fíxolles entender ao alumnado, con ironía e humor, que os valores humanos son tan importantes como os académicos, Tocou temas transversais e valores tan importantes como a tolerancia, a igualdade entre sexos, os perigos das novas tecnoloxías, a xenofobia, a humildade, a importancia de ler... todos presentes nos libros de Casares e que Avelino soubo transmitirlle aos alumnos/as a través das súas palabras, xestos, e sentido do humor.

O resultado foi positivo, o alumnado quedouse con moitas desas anécdotas que el lles contou. Unha forma divertida, amena e diferente de coñecer ao homenaxeado das nosas Letras. Quedaron ganas de  ler os contos de Carlos Casares polo que o obxectivo principal, cumpriuse!

8/6/16

RECITAMOS POEMAS DE MANUEL MARÍA

Comezamos o fermoso mes de Xuño, no recreo do seu primeiro día, co RECITAL DE POEMAS DE MANUEL MARÍA, da man dos Siareiros da Palabra, do noso Club de Lectura, que sempre se animan ante a poesía, que tan bos resultados dá para ler ante o público, vencer timideces e temores, aprender a recitar sen presas, proxectando a voz, meténdose no sentido dos versos e modulando a voz co que queren dicir...



Quedamos satisfeitas do resultado todas as persoas que participamos, porque procuramos elixir os textos do autor que máis atractivos nos pareceron e que máis podían gustar á mocidade; e porque foi moi variado, con lecturas serias, introspectivas, alegres, divertidas ou comprometidas... Tivemos ademais o ingrediente de comezar con "O carro", versos de Manuel María musicados por Suso Vahamonde, moi populares; interpretada esta canción pola entrañable voz de Isabel Vázquez de 4ºC e as guitarras de Dani Peroja e Brais Barcala de 4ºA. Para o final reservamos a festiva "O cuco" tamén musicada por Suso Vahamonde, que a modo de karaoke cantamos todos a unha. 






28/5/16

PERSOAS-ANUNCIO. ACTIVIDADES DE FIN DE MAIO: TAMÉN LEN E RECITAL DE MANUEL MARÍA.




Como vedes, saímos ao recreo o venres pasado para anunciar as actividades que temos programadas para esta semana, grazas ás PERSOAS-ANUNCIO que achegaron a información dun xeito divertido e eficaz.

Así pois, todas as persoas interesadas estades invitadas a vir á Biblioteca no recreo: 

-o martes 31 para participar no Tamén Len con dous antigos alumnos invitados, 
-e o mércores 1 de xuño para disfrutar, nas voces dos Siareiros da Palabra, do Recital de poesía de Manuel María, escritor a quen se lle adica este ano o "Día das Letras Galegas", ademais de preparar varios cantos moi populares baseados nos seus poemas.

CONTAMOS CONTIGO!!

17/5/15

MARCAPÁXINAS DE DANIEL CAXIGUEIRO. Para conmemorar as Letras Galegas.

Navegando por Facebook, atopei este documento creado a partir da obra do poeta e artista plástico galego, Daniel Caxigueiro (Mondoñedo, 1955), quen compartiu con todxs os seus seguidores este vídeo para conmemorar o Día das Letras Galegas 


Gustoume especialmente este xesto e decidín pedirlle permiso para poder publicalo neste blog e dalo a coñecer. Agradecemos a súa amabilidade para poder difundilo.

    Marcapáxinas de Daniel Caxigueiro (poesía e imaxe),
    música de Erik Satie, vídeo de Nachok.

Daniel Caxigueiro é un autor do norte de Lugo, que está a traballar en San Martiño de Mondoñedo (Foz), onde ten un estudo e sala de exposicións nun lugar dun gran atractivo natural; porque ademais de ceramista, escultor, fotógrafo e poeta, é un experto xardineiro e botánico nese lugar chamado ESPAZO CARITEL. Perto del está a importante basílica románica de San Martiño de Mondoñedo, así que por ambos os dous motivos merece visitarse.

Non podo deixar de lembrar a reflexión que facía o gran artista mallorquino Joan Miró, cando dicía "yo trabajo como un hortelano...", porque o que quería expresar era que o traballo realizado por un pintor, escultor, ceramista, etc, non deixa de ser similar a calquera outro traballo, non ten unha aura divina diferente de calquera obra ou útil realizado con destreza pola man do ser humano, que tamén requiren do pensamento para fabricalos e facer un determinado uso deles; ademais de nacer a obra artística dunha relación entre o local e o universal, entre o que nos inflúe da nosa cultura e "o que sucede" na época que vivimos e. como non, en relación coa natureza
Así nas creacións de Caxigueiro tamén transcende esta idea, que alimenta esa comunicación entre diversas linguaxes: cerámica, escultura, fotografía, vídeo, instalacións, textos poéticos, natureza...; que non fan nin máis nin menos que interactuar para acadar unha mensaxe de compromiso coa realidade, cos sucesos..., que se traduce nun ton poético que emana non só da palabra, senón do uso de cada material ao que dá forma e significado o artista.





Alguns textos sobre o traballo de Daniel Caxigueiro, pero tedes máis información nos enlaces recomendados arriba:

 "A súa obra reflexiona sobre cuestións que condicionan o desenvolvemento vital, tanto individual coma colectivo. Dende 1990 interésase pola instalación, aínda que a miúdo tamén se expresa a través doutras disciplinas (escultura , fotografía, poesía etc). A mestura de diferentes linguaxes, o interese por narrar, a importante presenza da cerámica, xunto a unha actitude crítica e claramente periférica, serven de ponto de partida para achegarse a un persoal xeito de entender a Arte". (www.caxigueiro.com)


"Unha constante presente na súa produción é a utilización da linguaxe plástica como un medio de comunicación ao servizo da defensa das culturas minoritarias, das agresións que a diario se realizan contra as liberdades, a protección ao medio natural e a denuncia dos abusos de poder. (Antonio Garrido Moreno)

Os versos enténdense coas construcións plásticas porque o espírito e a materia forman parte da mesma sensibilidade; uns e outras condensan o mesmo trasfondo humano, as mesmas inquietudes, nacen do mesmo desacougo. Aqueles Guerreiros de principios dos anos noventa iniciaron un capítulo implicado, o do compromiso. Despois viría a serie Europa: terapia puntual, funestos nichos que interpelan ao espectador nunha alegoría interpretada por iconografías actuais; metáfora na que se presente a idea da morte; o esqueleto ou a caveira protagonistas da Danza macabra renacentista personificados agora pola declamación do contemporáneo. Igualmente, A linguaxe da memoria, O bosque das ausencias e Xeografías manteñen o fío temático do social, suscitan reflexións e aportan interrogantes. A vida e a morte entrecrúzanse continuamente na súa obra, conviven loitando “nun mundo onde todo é posible” e rematan dando rostro ás súas propostas. ¿Pervive o triunfo efémero da vida ou quizais se impón o inquebrantable da morte? Para Méndez Ferrín: “O artista é aquel / que se resiste á morte”; Caxigueiro chama unha e outra vez coa solidez das súas mensaxes á resistencia". (Mercedes Rozas).

22/5/14

MARATÓN DE LECTURA. JULES VERNE. VINTE MIL LEGUAS BAIXO DOS MARES


2014. Maio. Maratón Lectura. from biblosvivos on Vimeo.

Este venres 16  de Maio, véspera do DÍA DAS LETRAS GALEGAS, quixemos facer o MARATÓN DE LECTURA, que este ano adicamos a JULES VERNE; xa que nos pareceu unha boa opción en relación ao lema da BE deste curso: "Viaxes reais Viaxes imaxinadas"; ademais de conmemorar así as LETRAS GALEGAS.



Limos en varias linguas "VINTE MIL LEGUAS BAIXO DOS MARES", en galego, portugués, francés, castelá, inglés, e incluso un fragmento en árabe, que leu Ettohami, e outro fragmento en italiano, que leu José Luis, o noso mestre xubilado, pero sempre activo para apoiarnos e axudarnos nas nosas actividades culturais. Agradecemento dende esta páxina, a el e tamén a todas as persoas que participaron na lectura e na organización do evento, especialmente á nai, pertencente á ANPA, que se achegou tamén a compartir a lectura con nós.


Apuntar que en Vigo, promoveuse nos últimos anos a creación da "Sociedad Verniana de Vigo" que nace en 2012, formada por escritores, periodistas, profesores, etc, coa finalidade de ter a Jules Verne e a súa obra, en concreto "Vinte mil leguas baixo dos mares" como refente para promocionar a cidade de Vigo e difundir as referencias que o autor fai na súa novela desta bahía e do afundimento dos galeóns de Rande; e as visitas que Verne fixo ao lugar en dúas ocasións, que saibamos. 




13/5/14

DÍA DAS LETRAS GALEGAS CON XOSÉ MARÍA DÍAZ CASTRO

Difundimos algúns documentos para achegármonos a Xosé María Díaz Castro:

                 7 poemas de díaz Castro, recitados por varios escritores galegos.

                       Traballo do Obradoiro de Plástica do IEs  As Barxas.

Documental realizado polo CPI dos Dices-Rois sobre o poeta Díaz Castro. Nel inclúense entrevistas con Alonso Montero, Alfonso Blanco, Armando Requeixo, Darío Xohán Cabana, Xaquín Campo Freire, Margarita Ledo Andión, Rosa Aneiros...


Unha melodía coñecida para uns versos por descubrir. A nova proposta do IES Poeta Díaz Castro de Guitiriz.


Debate Na Encrucillada 29M. Praza de Sta. María (Lugo). Mini e Mero interpretan Penelope, acompaña Eduardo Corbelle ao violín.

 Exprés. Boletín de Novas da CGENDL (Nº 2)


10/6/13

"Mutis polo foro" con Roberto uve be




O día 31 de Maio, no IES Pedras Rubias, fixemos unha homenaxe a Roberto Vidal Bolaño, representando algunhas das súas obras:  “Laudamuco, señor de ningures” e “Ladaíñas pola morte do Meco” foron fundidas para levalas a escena, ambas as dúas tratan o tema do abuso de poder; “Saxo tenor”, fala de xóvenes de barrio marxinal; “Animaliños”, está escrita en clave de comedia de veciñanza; e “Oé, oé”, obra de Maxi Rodríguez, foi traducida  por Vidal Bolaño ao galego para ser adaptada polo seu grupo de teatro no seu momento, aínda que é unha tradución non publicada.
As obras representadas son unha mestura de fantasía e realidade, comedia e traxedia. que nos convidan a rir, pasar un bo momento e compartir o espírito crítico do autor.

Así, este ano no teatro participamos unha boa chea de alumnos e alumnas enfeitizados pola transformación nosa nos outros, e pola carga de personaxes ben particulares en nós.

Tanto David Carbó, como Javi Enríquez, com eu mesmo, David Gómez, estamos cos nervios a flor de pel ante o público, a quen desexamos que se divirta con nós.

Ah!. E grazas a Fernando e Juan Carlos, polo seu aguante e entusiasmo para sacar adiante con todos nós este empeño.

Que xa van varios anos de teatro con Mutis polo foro”!!!!

23/6/11

Resultado da "Infusión de versos"



Con motivo da celebración das Letras Galegas, o departamento de Lingua Galega propuxo "sacar" os poemas de Lois Pereiro dos libros. Esta idea de liberar os poemas foi tirada do propio autor como xa vos contaramos na entrada de "Infusión de versos".

Como resultado dos vosos traballos organizamos a "frikiexposición" que está enfronte da biblioteca e das que vos deixamos aqui algunhas fotografías.

Esperabamos orixinalidade e, certamente, déstenos o que pedimos.

Grazas pola vosa colaboración.
Elisa, xefa do departamento de Lingua Galega.





27/5/11

Maratón de lectura 2011


Como cada ano, o venres 20 de maio, levamos a cabo o maratón de lectura que forma partes das actividades de celebración do Día das Letras Galegas. Iniciou o maratón o alcalde de Salceda, Marcos Besada, e a continuación, en turnos de 5 minutos, foron lendo profesores/as, limpadoras e alumnos/as voluntarios. 


Tamén contamos coa participación dos mestres Español e José Luís,  xa xubilados pero que se conservan coma nenos, non hai máis que ver a seguinte foto!


O libro escollido nesta ocasión foi "Merlín e familia" de Álvaro Cunqueiro pois queríamos conmemorar o 100 aniversario do seu nacemento.

17/5/11

Certame literario "Pedras Rubias 2011"

Unha vez máis por estas datas, o departamento de Lingua Galega promove un Certame literario de relato breve para celebrar as Letras Galegas. Contamos coa vosa participación.


13/5/11

Infusión de versos

Procedencia da imaxe


Madrid, 1977. No interior dun café Manuel Rivas, Antón Patiño e Xosé Manuel Pereiro (irmán de Lois)  esperan a Lois Pereiro para pechar o terceiro número da Revista Laia
Entra Lois.

Xose Manuel: E ti? Trouxeches os textos que queres meter?
Lois: Trouxen, si.

Lois mete as mans nos petos do abrigo e comeza a sacar papeliños e máis papeliños deses que envolven as bolsiñas das infusións. Xosé Manuel non acredita no que ve, máis a Rivas e a Patiño failles graza e cóllenos para examinalos. Son do máis variado, hai de té, de boldo, de macela, de fiúncho, de malva, de herba Luísa...

Xosé Manuel: Pero iso que é?

Lois: (Emocionado) Atendede. Flaubert, cando escribía a Educación sentimental, dixo que tentaba meter o océano nunha botella...

Xosé Manuel: E que ten que ver iso cos...?

Lois: Eu non aspiro a tanto, só pretendo meter un poema nunha bolsiña de té e ...

Camareiro: Desexaba algo?

Lois: Si, unha infusión de versos.

Xosé Manuel, Rivas e Patiño sorrín, pero o camareiro, sen inmutarse, marcha. Eles, expectantes, agardan en silencio o seu regreso. O camareiro fala co seu compañeiro que está tras da barra e volve á mesa ante a curiosidade dos mozos.

Camareiro: (Moi serio) Síntoo, pero só temos té, macela ou menta.

Lois: Unha mágoa, a ver se na próxima ocasión a teñen; é exquisita.

Camareiro: (Sen perder a compostura) Que desexa tomar?

Lois: Tomarei un té.

Camareiro: Agora mesmo.

O camareiro volve á barra e os catro escachan coa risa. As súas gargalladas ecoan por todo o local e os dous camareiros ollan para eles con incredulidade: pensan que estes mozos galegos están un chisco tolos.
*******

Esta anécdota, recollida no libro de Marcos Calveiro, Lois Pereiro. Náufrago do paraíso. Biografía e antoloxía, serve como inspiración para o traballo proposto polo departamento de galego ao alumnado de 3º e 4º da ESO.

O traballo "Infusión de versos" consiste en escribir poemas de Lois Pereiro en obxectos insólitos que forman parte da nosa vida cotiá. Xa vos mostraremos o resultado!

11/5/11

Actividades para celebrar as Letras Galegas 2011

Procedencia da imaxe
Ao longo das vindeiras semanas o Departamento de Galego, a Biblioteca e o Centro levaremos a cabo distintas actividades para celebrar as Letras Galegas e para difundir e gozar da obra de Lois Pereiro, autor ao que se lle adican no presente ano.

Aquí vos deixo un adianto:
Procedencia da imaxe
  • Concurso de Marcapáxinas de Lois Pereiro para o alumnado de 1º e 2º da ESO. Os únicos requisitos esixidos son que deben figurar o distintivo Letras Galegas 2011, o nome de Lois Pereiro e incluír verso(s) dun dos seus poemas.
  • Certame literario "Pedras Rubias 2011" para todo o alumnado. O relato debe comezar co primeiro verso do Poema de luz e sombras de amor resucitado (II):                               "Calculou ben o impulso e deu o salto".
  • Infusión de versos: Traballo e exposición feito polo alumnado de 3º e 4º da ESO. A que ten un título ben suxerente? Falarémosvos deste proxecto máis polo miúdo no seguinte post.
  • Maratón de lectura que se celebrará o venres 20 de maio. O libro escollido nesta ocasión é "Merlín e familia" de Álvaro Cunqueiro para conmemorar o 100 aniversario do nacemento do autor.
  • Representación teatral o venres 13 a cargo do noso grupo de teatro "Mutis polo foro".
Agora, xa sabedes, a participar!

9/5/11

Lois Pereiro, autor homenaxeado nas Letras Galegas 2011


A información empregada para facer a liña de tempo foi extraída, na súa meirande parte, do libro de Marcos Calveiro "Lois Pereiro. Náufrago do paraíso. Biografía e antoloxía".

Como ben sabedes, este ano as Letras Galegas están adicadas ao poeta de Monforte de Lemos, Lois Pereiro. Coñecido tamén como poeta maldito ou poeta punk, foi unha persoa da súa época, para o bo e para o malo. Coherente, comprometido, a súa poesía está impregnada de sinceridade, dolor e amor. Sempre é dificil separar a vida da obra dun poeta, neste caso resultaría imposible enterder a unha sen a outra.
Para saber máis podedes premer no enlace que está enriba do seu nome o co da Coordinadora ENDL.

5/5/11

Recital musicado de poesía de Lois Pereiro.

Grazas a Normalización Lingüística, o pasado venres tivo lugar no noso centro un Recital Musicado sobre a poesía de Lois Pereiro a cargo de Manu Clavijo (voz, guitarra e violín) e David Taboada (teclados).
Se os poemas de Lois Pereiro chegan a nós e nos tocan de xeito certero o acompañamento musical non fai máis que acrecentar esa sensación. Ao alumnado encantoulle e ata conseguiron que cantara David.

20/5/09

Batendo récord de idade na maratón de lectura




O pasado luns día 18 levouse a cabo a maratón de lectura do Día das Letras Galegas. Tomou a saída Marcos Besada, alcalde de Salceda, e foron collendo o relevo alumnos/as do Instituto. Tamén había profes e invitados do Colexio Altamira, pero sen dúbida a aparición estelar foi a de Fernando e o seu pequerrecho, Xián Telle, que estiveron connosco a través de videoconferencia (que modernos!). Paréceme que a Xián non lle gustou moito o relato de "A Pega rabilonga" porque terminou fungando. Xa sabes, Fernando, a inicialo no pracer da lectura!
A maratón continuou durante toda a xornada escolar e foi pechada pola nosa dire, Chefa, como debe ser. Todos os participantes recibiron o seu correspondente diploma pola súa participación. Foi un día moi especial.

Actividades Letras 2009 (I): Serafín Marcos e Ramón Piñeiro



O pasado mércores 13 de maio de 2009 o alumnado de 4ºESO acudiu á performance que realizou Serafín Marcos sobre Ramón Piñeiro. Buscando sorprender ao público, o artista permitiu que os asistentes lle cortasen o pelo, subiu polas cadeiras do salón de actos, cubriu a parte do público cun plástico... todo cun significado simbólico que logo explicaron os/as profes de galego nas súas aulas. Gustouvos??

12/5/09

Actividades arredor de Ramón Piñeiro

A biblioteca súmase ás actividades do Día das Letras Galegas 2009 dedicado a Ramón Piñeiro. O vindeiro luns día 18 de maio, como en anos anteriores, celebraremos o Maratón de lectura. O libro que imos ler este ano é "A pega rabilonga e outros relatos" de Álvarez Blázquez. Inaugurará o Maratón o alcalde de Salceda de Caselas, Marcos Besada, ás 9'00h. Despois, por quendas, representantes do alumnado do Instituto de cada curso acudirán á Biblioteca para participar na lectura ininterrompida da obra ao longo da mañá.

Esperamos contar con algunha participación inesperada que chegará por canle dixital...

Letras Galegas 2009: Ramón Piñeiro



O Día das Letras Galegas 2009 está dedicado a Ramón Piñeiro, galeguista, editor e ensaísta. Se queres saber algo máis del, velaí van algúns enlaces de interese:
http://www.letrasgalegas.org/
http://www.realacademiagalega.org/
http://www.gl.wikipedia.org/wiki/Ramón_Piñeiro
www.timerime.com/timeline/75480 (Aquí podes ver unha biografía visual protagonizada por un neno presente nos lugares máis significativos da vida de Piñeiro)