31/1/13

Tamén len con... Sara Hermida


O xoves 24 visitounos Sara Hermida, unha benquerida exalumna e fantástica lectora, que fixo desta sesión do Tamén len toda unha declaración de principios ao elixir compartir con nós o discurso que Steve Jobs dera na Universidade de Stanford.

Carlos Pérez fixo ás presentacións e os alumnos Lois Martínez (3ºC) e Marta Dauzón (2ºC) deleitáronons cunha peza musical. 

Despois da lectura, Sara tivo a ben responder as preguntas do público interesado en coñecer anécdotas do seu paso polo noso centro, as súas recomendacións literarias, os estudios que cursa na actualidade e o motivo polo que escollera este discurso. Sara rememorou certa historia relacionada cuns botonciños on/off para apagar e acender aos pais (non imos dar máis detalles :)) e explicounos que a idea principal que nos quería deixar con este discurso era a de mostrar que o máis importante cara ao futuro é amar o que fagamos, ter inquietudes e loitar polo que se quere. Non se me ocorre mellor consello. 

Deixámosvos aquí o video do discurso en inglés con subtítulos en castelá e a versión traducida ao galego pola propia Sara. 






Sariña, folga dicir que es e serás sempre benvida neste centro e na nosa Calixtina. Grazas.

22/1/13

Cantaruxando por amor


Neste curso comezamos a preparar as actividades para o día dos namorados ben cedo, xa que o entroido está á volta da esquina e xa sabemos o que iso significa, sobre todo aquí en Salceda.

Os MQs adornaron o centro con pentagramas amorosos e vos propoñen dúas opcións para participar/celebrar con música e sentimento esa data especial do mes de febreiro: por unha banda, podedes facer dedicatorias de cancións que escoitaremos pola radio escolar no recreo do día 14 e por outra, podedes animarvos a participar no concurso "Cantaruxando por amor"

As bases para participar no concurso son as seguintes:

1- Debes poñerlle letra ao retrouso dunha melodía escolmada por ti. A letra debe ser orixinal pero non a música, que podes tomala prestada de calquera canción coñecida.

2- Escribe o teu retrouso nun corazón (pídello a Begoña) e cólgalo no pentagrama que tes na entrada engadindo o teu pseudónimo.

3- Entrega na biblioteca un sobre que teña por fóra o teu pseudónimo e por dentro o teu nome, apelidos e curso. Anota tamén a canción da que tomaches prestada a melodía.

4- O prazo de entrega remata o 28 de febreiro.

5- Os MQs e o equipo de biblioteca elixiran aos finalistas e os convocarán a unha sesión en directo onde se elixirá o gañador/a do concurso.

6- O premio será un vale para unha cea romántica para dúas personas.

16/1/13

Unha historia da música ilustrada

Veño de coñecer este divertido vídeo da man da miña antigua profesora de cello. Unha historia da música (occidental, iso si) condensada en menos de sete  minutos. 

12/1/13

A catástrofe do Prestige dez anos despois



A última semana de aulas do 1º Trimestre fixemos algunhas actividades ao redor  do 10º  aniversario da catástrofe do Prestige. Cos diferentes niveis da ESO, plantexámonos algunhas cuestións importantes despois de ver unha montaxe documental que emitira a cadea de televisión Tele 5 daquela e o documental “Marea blanca” feito pola cineasta Isabel Coixet, onde destaca a participación desinteresada de tantas persoas voluntarias que viñeron de fóra, de moi diferentes lugares, sensibilizadas ante o desastre ecolóxico de toneladas de fuel (chapapote) verquidas ao mar.



Paralelamente montouse unha pequena exposición coa intención de mostrar algúns gráficos e datos publicados na prensa do momento explicando o accidente, a solución dada, as negativas consecuencias económicas e sobre o medio ambiente, o xurdimento espontáneo dun movemento cidadá chamado “Nunca Maís” e as actividades que se fixeron coa colaboración de músicos, artistas, escritores..., e sobre todo dende a escola, destacando a experiencia extraordinaria da “Cadea Humana” na Costa da Morte.