20/12/11

Tamén len con... Quico

Na última sesión do noso Tamén len de 2011 tivemos o pracer de contar cun exalumno, Quico, que se atopa actualmente cursando o Ciclo Superior de Música na Coruña pola especialidade de Percusión. Quico é integrante da Banda Municipal de Música de Salceda e da Orquestra Xove da Sinfónica ademáis de tocar noutros grupos no seu tempo de lecer.

Como prólogo, Mar de 2ºC, deleitounos cunha peza ao clarinete.

Mar toca na presentación do Tamén len de Quico from biblosvivos on Vimeo.

O relato "Un saxo na néboa" do libro "Que me queres amor?" de Manuel Rivas foi o escollido para esta sesión tan músical. A continuación, coma sempre, veu o turno das preguntas que resultou ben animado e interesante. Quico falounos do que é para el a música, do sacrificio que require pero tamén da recompensa de facer algo que lle gusta, das súas experiencias no extranxeiro , do poder da música para unir persoas e deixounos con ganas de ler "Musicofilia", de Oliver Sacks, o seu libro favorito.

Moitas grazas por acompañarnos, Quico, foi un pracer!

16/12/11

Entrada 200: Libros e librerías

Aínda que con demora por problemas técnicos, por fin publicamos esta entrada para falar das características e circunstancias das Librerías que soemos frecuentar en Vigo e Pontevedra, onde nos surtimos dos libros que utilizamos na nosa B.E.

Para facer esta homenaxe, nada mellor que estas datas, pois o venres 25 de Novembro celebrouse o Día das Librerías por primeira vez en toda España (agás en Catalunya), onde se promoveron descontos e organizaron diversos actos festivo-literarios, con moito público asistente.

Por outra banda, resta dicir que con ésta, celebramos a entrada 200 no noso blog.

¡Noraboa por todo este traballo!


A coordinadora da BE.
LIBROS E LIBRERÍAS

View more presentations or Upload your own.

13/12/11

A Biblioteca Nacional de España cumpre 300 anos!




A BNE está de aniversario, nada máis e nada menos que trescentos aniños!! Para celebralo, aquí vos deixamos unha presentación cun breve resumo da súa historia e dos actos de celebracion que van organizar ao longo de todo o 2012.


MOITÍIIIIIIISIMAS FELICIDADES!!! 
tricentenario da BNE

5/12/11

1ª Reunión do club de lectura "O Anel de Palova"


Quen pense que é fácil poñer data para reunir aos vinte profes que formamos parte do club de lectura equivócase. Tras un cruce intensivo de mensaxes para acordar data, horario, lugar, menú (as xuntanzas pretenden ser gastronómico-literarias) e posibles actividades complementarias, finalmente nos reunimos o martes 29 no restaurante do Museo do Mar en Vigo, ben cerquiña do mar. Por suposto, no menú non faltaron os mexillóns.

1/12/11

No Día Mundial contra a SIDA recomendamos Futuro Imperfecto


O día 1 de decembro é a data na que celebramos O Día Mundial da Loita contra o SIDA. Na presente edición o lema é "Chegar a cero: cero novas infeccións por VIH, cero discriminación e cero mortes relacionadas coa SIDA". Oxalá que o lema se converta en realidade moi pronto!


E non quero deixar pasar esta data sen facervos unha recomendación literaria sobre o libro de Xulia Alonso "Futuro imperfecto". 

Xulia cóntanos en primeira persoa a súa historia e a da súa parella que morreu de SIDA hai anos e, por extensión, a historia dunha xeración que despertou á xuventude estreando democracia, que descubriron as drogas como un acto máis da liberdade que estaban a inaugurar e que se atoparon de pronto cunha enfermidade terrible e descoñecida que os diezmaba en medio da ignorancia e a discriminación. 

O texto reflicte a necesidade de Xulia de non esquecer e a arela de poder transmitirlle á súa filla a memoria do seu pai e da súa historia en común. 


É, sen dúbida, unha historia conmovedora que non sensiblera sobre os vínculos (familia, amor, amistade) que son os grandes alicerces que nos manteñen en pé e polos que merece a pena seguir adiante.