21/12/22

ENCONTRO COA ESCRITORA EVA MEJUTO

O luns 19 de decembro tivemos no centro á escritora e xornalista Eva Mejuto durante as dúas sesións da tarde.

Na primeira sesión, reuniuse co alumnado de 2º ESO, xa que estes leran durante a 1ª avaliación a novela 22 segundos; na segunda, o encontro foi co alumnado de 3º ESO, que fixera a lectura de A ladroa da biblioteca de Meirás.

Resultou un fermoso encontro no que a escritora, ademais de responder a todas as preguntas que inquietaban ao alumnado, lles contou como desenvolve o seu labor de escritora, e lles falou de diferentes temas como a memoria histórica, a transexualidade...





NOVA EDICIÓN DE TAMÉN LEN: Fernando Fernández González

 O 20 de novembro tivemos a sorte de contar no Tamén len con Fernando Fernández, da editoral de Galaxia, ou Fernando da Picoña, como a el lle gusta que lle chamen, posto que é orixinario desta parroquia salcedense.

Para este encontro Fernando optou pola lectura dunha lenda de orixe liberiana titulada “O bastón feito dun rabo de vaca” do libro de lendas africanas Naiyakay, para facer unha reflexión final na que lle transmitiu ao alumnado a importancia de lembrar as persoas da familia e manter sempre vivo o seu recordo.

A continuación, Naira, alumna de 4º ESO, quixo pór a proba a Fernando e comprobar se realmente é picoñés de pura cepa facéndolle preguntas sobre o lugar, proba da que podemos afirmar que saíu bastante ben parado.

Agradecemos a súa presenza e a reflexión que compartiu con nós a través desta experiencia lectora.




19/12/22

ENCONTRO CON RAQUEL CASTRO

 O xoves 15 de decembro tivemos no centro á escritora e profesora de Lingua Galega Raquel Castro. Reuniuse co alumnado de 1º ESO xa que estes leron dúas das súas obras teatrais: Dormente e A formiga fóra do carreiro. Foi un fermoso encontro no que Raquel nos falou sobre o seu labor como escritora e tamén fixo unha pequena dramatización dalgúns fragmentos das obras cos alumnos e alumnas que se converteron en actores e actrices improvisados pero cun talento excelente. Moitas grazas Raquel pola túa visita e por inculcarnos o teu amor pola literatura e en especial polo teatro. 



13/12/22

RECOMENDACIÓNS MES DECEMBRO



 Neste último mes do primeiro trimestre temos xa algunhas recomendacións. Desta volta son dunha alumna de primeiro ESO e da nosa profe Loli, a cal nos achega un clásico universal que, tal como ela di, deberiamos ler e reler todos e todas. Adiante esas lecturas!!!!!

 


RECOMENDACIÓNS LECTORAS MES DE NOVEMBRO

 Deixámosvos aquí as recomendacións lectoras que nos deixaron algúns alumnos e alumnas no mes de novembro. Animádevos a descubrir as historias que elas e eles vos presentan. Cada mes iremos presentando novas recomendacións para que poidades ir aumentando as vosas lecturas.


 





29/11/22

25 de Novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller

 Outro ano máis sumámonos aos berros de NIN UNHA MENOS! NIN UNHA MÁIS! neste 25 de novembro onde reclamamos unha sociedade máis igualitaria, tolerante e respectuosa que trate a todos e todas por igual e que non permita a violencia de xénero NUNCA MÁIS. Dende a biblio fixemos unha pequena exposición con obras que chaman á reflexión. 



RECOMENDACIÓNS LECTORAS

    Comezamos as nosas recomendacións lectoras. Esta vez unha das nosas alumnas de 1º BACH (Lucía) e dous dos nosos integrantes do equipo de voluntariado da biblioteca (Vero de 1º ESO e Adrián de 2ºESO) fannos as súas achegas. Seguiremos en breve con novos títulos. Aquí vos deixamos as tres recomendacións desta ocasión:







15/11/22

MAGOSTO E SAMAÍN TERRORÍFICOS


O venres 11 de novembro celebramos un ano máis o noso magosto e samaín. Parabéns ao Equipo de Dinamización Lingüística polo seu labor. Xenial coma sempre. Dende a biblioteca colaboramos con moito gusto no evento. Aquí van unhas fotos da xornada co noso expositor de literatura terrorífica e das cabazas e receitas de outono que participaron nos concursos. Parabéns a 1º ESO C que resultou a aula gañadora. E tamén parabéns a todos os profes e alumnado que participou. 💪










3/11/22

TAMÉN LEN: VOLVEMOS

Tras dous cursos de parada obrigatoria a causa da pandemia, por fin volvemos pór en marcha a nosa actividade "Tamén len". Como en ocasións anteriores contamos coa presenza dalgunha persoa da contorna próxima que vén compartir a súa experiencia lectora e facer recomendacións para animarnos a ler e gozar coas historias que se agochan nos libros. Nesta ocasión tivemos o pracer de recibir a Verónica Tourón, alcaldesa de Salceda de Caselas. Presentou e leu un fragmento da obra Anagnórise de María Victoria Moreno, un clásico da literatura galega de principios dos 90 que naquel momento atrapou a Verónica. Animounos a ler, a loitar polos nosos soños e a atopar o camiño certo tal como lle ocorreu a ela tras a lectura da obra. Agradecemos a súa presenza e o tempo que dedicou a compartir con nós esta experiencia lectora. 







27/10/22

NOVA ANDAINA DO NOSO CLUB DE LECTURA

 Arrancamos un novo curso no noso club de lectura, Seareiros da palabra. A primeira sesión tivo lugar o 24 de outubro, coincidindo co Día das Bibliotecas. Nela presentamos os libros que imos ler e aos integrantes deste curso, tanto profesorado como alumnado. Contamos con dous grupos de 1º e 2º ESO e un grupo de 4º ESO e agardamos que se sumen novos membros ao club de cómic e manga que arrancou o curso pasado. 

Este curso o lema da biblio é "A biblioteca escolar ten a palabra" polo que nas lecturas escollidas veremos como o poder das palabras está presente na resolución de conflitos e na descuberta de emocións. Deixamos aquí unha fotiño dalgúns dos títulos que se lerán. 

















24 OUTUBRO: DÍA DAS BIBLIOTECAS

Hoxe luns 24 conmemórase o Dia Internacional das Bibliotecas, que busca promover e celebrar a importancia destes edificios para a cultura humana, as súas crenzas e os seus escritos. Desde 1997 xorde esta iniciativa da man da Asociación Española do Libro Infantil e Xuvenil, en lembranza da destrución da Biblioteca de Saraxevo que puido ser reconstuída e aberta de novo en 2014. No noso IES decidimos crear este pequeno espazo no que colocamos roliños de papel que conteñen fragmentos de textos de diferentes autores e autoras (Domingo Villar, Rosalía de Castro, Pablo Neruda...), para agasallar a todos e todas os que quixeron coller un e gozar da súa lectura. Esperemos que así se animasen a seguir descubrindo e lendo. Ademais dende a radio e organizado polo Equipo de Dinamización Lingüística, tivemos un programa especial dedicado a este día onde o noso alumnado leu fragmentos da obra de Francisco Feernández del Riego, o autor homenaxeado en 2023 no Día das Letras Galegas. Grazas a todos e todas.Os andeis da biblioteca agárdanvos cheíños de historias e soños. Deixamos aquí unha mostra do traballo feito. 






                            




18/10/22

XA COMEZOU UNHA NOVA ANDAINA


NOVO CURSO 2022-23 E NOVOS PROXECTOS. A nosa Calixtina comeza outra vez a súa andaina e vén cheíña de ilusión e ganas de facer cousiñas. Imos devagariño mais tentaremos ir presentándovos as novas adquisicións e actividades que nos agardan. Lembrade que un libro agocha mil historias e que é un bo compañeiro de viaxe. Nunca deixedes de soñar. Deixamos aquí un brevísimo pero intenso  poema de Yolanda Castaño para ir adentrándonos na maxia das palabras. Este ano o noso lema será "A biblioteca escolar ten a palabra" así que encheremos de letras a nosa biblio e iremos conformando historias con elas que nos farán gozar e sentir. 

💜

"Ti e eu seremos sempre dúas liñas paralelas"

                                     

                                          Yolanda Castaño


4/6/22

CLUB LECTURA CURSO 2021-22

 Este curso, por motivos persoais da coordinadora da biblioteca, non lle demos moito pulo ao noso blog polo que queremos facer un pequeno resumo final a modo de memoria do que foron os clubs de lectura deste curso. É salientable a pouca afluencia de alumnado ao club este ano e esperamos que o próximo curso se retome con enerxía esta actividade lectora que axuda a compartir experiencias lectoras e a gozar e reflexionar en grupo con diferentes obras que se van presentando e seleccionando cada avaliación. Debido á escasa presenza de alumnado que formase parte do noso club dó foi posible contar cun club de 1ºda ESO reapartido en dous grupos a cargo respectivamente da profesora de galego Carme e da profesora de bioloxía Tania. Tamén contamos este ano como novidade cun club de manga e banda deseñada a cargo da profesora Cristina de inglés e do profesor Cristian de Educación Plástica. Neste caso comentáronse novidades e lecturas propias de alumnado e profesorado relacionadas co mundo manga, o anime e a banda deseñada. 

As lecturas realizadas no club de lectura de 1º ESO foron as seguintes: 

- Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta de Ledicia Costas e  Nata e chocolate de Alicia Borrás, no 1º trimestre.

- Vaiche boa! De Paul Jennings e Nata y chocolate invencibles de Alicia Borras, no 2º trimestre.

Nómades, unha novela gráfica de Xosé Tomás e Percy Jackson, el ladrón del rayo de Rick Riodan, no 3º trimestre.

Agardamos que no próximo curso poidamos seguir gozando do noso club e achegando novas propostas coas que descubrir novas historias que compartir entre todos e todas. Animádevos a participar!!!!

DIPLOMAS VOLUNTARIADO CURSO 2020-21

 Como xa é costume todos os cursos, nesta recta final de curso fixemos entrega dos diplomas ao equipo de voluntarios e voluntarias do curso 2020-21. Queremos agradecerlles o seu labor desinteresado como colaboradoras e colaboradores da nosa biblioteca e animar a todos e todas a seguir participando de xeito activo para que o noso espazo lector sexa un lugar inclusivo e central na vida do noso centro. Aquí deixamos unha pequena mostra gráfica do acto de entrega no que participaron, xunto ao equipo de voluntariado,  a nosa directora Chefa e Chus Martínez a nosa profesora de Lingua Galega e integrante do equipo da biblio á que tanto lle debemos. Grazas a todo o alumnado voluntario e parabéns!!!!



25/5/22

MÁIS NOVIDADES

 Seguimos presentando novas adquisicións, neste caso novidades editoriais tanto en galego como en castelán coas que vivir novas aventuras, descubrir as orixes dos libros.

--- Comezamos co novo título de Xavier Quiroga: 


Un afamado escritor, con problemas cardíacos e de creatividade, recibe un suposto agasallo en forma de historia por parte dun ancián moribundo co que comparte cuarto de hospital. O breve e intrigante relato, que aparentemente ten que ver con Castelao e con certos acontecementos tráxicos da posguerra galega, aviva a curiosidade do escritor, polo que iniciará unha investigación na que, en principio, non cre.Concibida como remate da Triloxía da Ribeira Sacra, «O baile dos estorniños» fusiona de xeito maxistral unha investigación actual, a cargo do escritor e mais dun personaxe con alma de detective, o Reina, cunha escura e sorprendente trama do pasado. Nela mestúrase con poderoso trazo a decadencia dunha familia fidalga (e a vida de criados, labregos e veciños que traballan arredor do pazo no que mora) coa persecución das partidas de fuxidos do sur de Lugo, o roubo de bebés e a represión do franquismo durante a Guerra Civil e a posguerra.Logo de varios anos de silencio, reaparece Xabier Quiroga na narrativa galega. Faino para, combinando realidade e ficción e apoiado nunha lingua vizosa de seu, mergullarnos no espazo épico da Ribeira Sacra (centrado esta vez no pazo de Tor, e co lugar de Albaredo, o mosteiro das Bernardas e o pantano de Bouzuás como elementos destacados) e ofrecernos unha historia dura e cativadora na cal ninguén é quen cre ser e case nada do que nos contaron coincide exactamente coa realidade.

--- É agora a quenda dun novo libro de Ledicia Costas:

Xulia é xornalista e acaba de separarse, polo que regresa a Galicia co seu fillo Sebas. O rapaz ten dez anos e está convencido de que a avoa Luz é o deus Thor porque nunca se separa do seu martelo. Malia que agoche polvoróns nas medias, beba Sansón ata ver dobre e diga mentiras sen parar, Sebas adora a súa avoa. Xulia non opina o mesmo. Para ela, volver á casa familiar supón enfrontarse a un pasado cheo de segredos que precisa desvelar. O narcotráfico na Galicia dos anos noventa, o mundo dos coidados e a procura da verdade envolven este melodrama, salvaxe e tenro, habitado por uns personaxes inesquecibles. Despois do éxito de «Infamia», Ledicia Costas regresa, dende o seu talento creativo, con «Golpes de luz», unha novela sorprendente e divertida.

--- Eloy Moreno é o autor da nosa seguinte suxestión lectora:
Unha obra emotiva que convida á reflexión e que narra a través dos ollos dun neno, que podería ser calquera de nós, unha vida que podería ter sido totalmente diferente só polo ocorrido nun día, con detalles que poden mudar unha vida. Unha historia que nos traslada a problemáticas sociais e a eses monstros que ás veces nos rodean ser darnos conta pero poden facer moito dano. O relato dunha infancia na que só debería ter existido a felicidade pero non sempre foi así. Un libro de sentimentos e emocións a través de breve scapítulos e unha prosa áxil na que se mesturan a dor, a incerteza e a rabia coa esperanza de que os mostros desaparezan algún día.

--- Dámos paso agora ao best-seller de Irene Vallejo: 


«O infinito nun xunco» é un libro sobre os libros. Os libros e a súa historia, os libros e o seu nacemento, os libros e o seu impacto social. Irene Vallejo condúcenos a través dunha fascinante viaxe pola historia dos libros, ese asombroso artefacto que atravesou o espazo e o tempo. Ao longo de trinta séculos, a fabricación dos libros botou man do fume, da pedra, do barro, dos xuncos, da seda, da pel, das árbores e, finalmente, do plástico. Esta é unha abraiante aventura colectiva protagonizada por miles de persoas que ao longo dos séculos fixeron e protexeron libros: narradoras orais, escribas, iluminadores, tradutoras, vendedores ambulantes, mestras, sabios, espías, rebeldes, monxas, escravos, aventureiras, lectoras e lectores... «O infinito nun xunco» é un libro orixinal, entretido, erudito; unha alfaia literaria que se le coma unha novela. Escrito cunha voz profundamente literaria, que conecta trinta séculos de historia, Irene Vallejo constrúe rutas que se deteñen na Vila dos Papiros, nos pazos de Cleopatra, nas primeiras librarías coñecidas e nos talleres de copia de manuscritos, nas fogueiras dos códices prohibidos, no Gulag, na biblioteca de Saraxevo e no labirinto subterráneo de Óxford en 2000. Son rutas que vencellan os clásicos co trepidante mundo contemporáneo, conectándoos cos debates actuais.


NOVAS ADQUISICIÓNS ESTE CURSO

 Pouco a pouco imos renovando fondos e queremos achegarvos algunhas das nosas novidades deste curso. Novas adquisicións en diferentes formatos que desexaredes ter nas vosas mans. A literatura non só é para ler, imaxinar e vivir historias senón tamén para gozar visualmente con propostas como as que aquí vos traemos, preciosas obras en formato pop-up como a deste clásico universal, neste caso en lingua castelá, El Principito que nos convida a experimentar e decubrir tras as lapelas as vivencias do pequeno príncipe:


Ao seu carón recomendamos un marabilloso libro-obxecto que nos levará a decubrir que agocha a misteriosa nota que vai pasando de man en man, cunha misteriosa mensaxe que vai estendéndose por todo o barrio. Unha emocionante e divertida historia en formato despregable, repleta de posibilidades creativas: 

Presentamos agora varios álbums ilustrados de libros formativos cos que aprender e coñecer a través do goce visual que ofrecen as súas páxinas cheas de ilustracións que convidan a pasar as súas follas unha e outra vez: