Mostrando entradas con la etiqueta historia e patrimonio local. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta historia e patrimonio local. Mostrar todas las entradas

9/2/16

HOMENAXE AOS MÁRTIRES DE SOBREDO.



Todos os anos temos un compromiso coa historia local, coa nosa memoria, cuns feitos que exemplifican o movemento agrarista de principios do século XX e, en concreto, os feitos do 28 de novembro de 1922 en Sobredo, onde varios campesiños e unha campesiña embarazada perderon a vida loitando pola Redención dos foros, en definitiva, por mellorar e deixar de pagar as cargas que tiñan cos donos das terras que traballaban e poder facerse con elas.

Organizámolo como un acto de convivencia entre o CEP Altamira, o IES San Paio de Tui, o IES Perez Tizón de Tui e o noso IES Pedras Rubias, onde ten cabida a comprensión e lembranza do feito histórico, o recitado de poesía e textos alusivos, a música en directo, un completo evento cívico, que adoitamos facer coincidir ao redor do 28 de novembro para todos os cursos de 4º ESO, tendo a  6º de Primaria como invitado especial. O domingo máis cercano é cando se fai o acto oficial de homenaxe por parte do Instituto de Estudos Agrarios Mártires de Sobredo (IEAMSO), no que están presentes tamén diversas autoridades locais comprometidas, e se adoita invitar a algún historiador especialista no tema. Este ano, en concreto, foi tamén invitado o profesor Xoán González Leirós, quen fixo un pormenorizado relato da nosa aportación ao longo de tantos cursos. Para mostra deixamos o enlace a dito video e ao texto escrito para este 93 aniversario, colgados no sitio:
-http://martiresdesobredo.blogspot.com.es/2015/11/o-video-dos-actos-do-93-aniversario.html
-http://martiresdesobredo.blogspot.com.es/p/93.html

E, como non, quede constancia tamén da participación do noso alumnado nunha actividade relacionada co noso pasado histórico, coidando a memoria e coidando a lectura de textos e o recitado de poesías de diversos autores galegos significativos:













11/1/15

UN PASEO POLA HISTORIA, A ARTE E A CULTURA A TRAVÉS DAS VISITAS AO CAMIÑO DE SANTIAGO, AOS PAZOS DE SALCEDA E A HOMENAXE AOS MÁRTIRES DE SOBREDO.


         Como o curso pasodo estivemos a traballar seguindo a senda que nos marcaron as Viaxes, pensamos que sería boa idea realizar no blog da BE un relato sobre as Saídas ou Actividades Complementarias e Extraescolares, que se fixeron dende diferentes Departamentos e que están moi arraigadas.

Que non poideramos facelo antes non é obstáculo para deixar constancia de actividades que funcionan moi ben todos os anos e que permiten a relación coa contorna e o achegamento ao noso patrimonio histórico-artístico. Ademais de estar en débeda co alumnado que participou daquela. Publicamos ao mesmo tempo estas 3 últimas entradas sucesivas e relacionadas.


         Destacamos pola súa importancia, boa dinámica, aproveitamento e interese para o alumnado, tres actividades que dalgún xeito nos levan a viaxar ao pasado e dende hoxe a comprender e valorar feitos históricos e artísticos que forman parte da nosa cultura. Sexa o caso do CAMIÑO DE SANTIAGO ou, a nivel local, o caso da visita aos PAZOS DE SALCEDA DE CASELAS e a HOMENAXE AOS MÁRTIRES DE SOBREDO.

         Os motivos didácticos e pedagóxicos que nos levan a organizar actividades complementarias e extraescolares para o alumnado son:

         -Contribuír ao desenvolvemento integral da persoa.
         -Potenciar as capacidades específicas de cada alumno/a,
          complementando as actividades curriculares.
         -Favorecer a convivencia, non só entre o alumnado, senón tamén entre
          alumnado-profesorado e coa contorna.

                           -------------------------- * ---------------------------

         -O CAMIÑO DE SANTIAGO é unha actividade organizada no 1º Trimestre para o nivel de 3º ESO, dende os Departamentos de Educación Física, Relixión e contando coa colaboración de CC.SS. É unha saída voluntaria de 2 días, fóra do horario lectivo, facendo dúas etapas do Camiño e a visita ao teito da Catedral de Santiago de Compostela.

         -A visita aos PAZOS DE SALCEDA DE CASELAS é unha actividade pensada para 4º ESO, que todos os anos visitan os Pazos de Picoña, Avalle e Pegullal, da man do Departamento de CC.SS. 

         -A HOMENAXE AOS MÁRTIRES DE SOBREDO trátase duha actividade interdisciplinar de 4º ESO, que serve de marco de convivencia porque é compartida cos  institutos de Tui: San Paio e Indalecio Pérez Tizón, e co alumnado de 6º do CEP. Altamira de Salceda. Ademais de ser organizada polos Departamentos de CC.SS. e Lingua Galega dos Centros mencionados, xa que se trata dun acto histórico-literario, onde están presentes textos e poemas alusivos e comprometidos coa situación do campesiñado e do agro galego.

Visitar os Pazos e Sobredo é un perfecto complemento e sírvenos para destacar a importancia do estudo da situación do campesiñado suxeito a foros e ao redor do papel da fidalguía, os señores dos Pazos; que traballamos neste 1º trimestre e permite entender uns feitos históricos relacionados entre si, e que conformaron a sociedade e a economía do lugar nun pasado cercano.


4º ESO VISITA OS PAZOS DE SALCEDA


PICOÑA, AVALLE E PEGULLAL


         Todos  os anos, no IES Pedras Rubias, organizamos unha actividade complementaria que consiste nunha visita aos Pazos de Picoña, Avalle e Pegullal, unha actividade que quedou fixada dada a súa importancia para o coñecemento directo do patrimonio monumental, cultural e histórico-artístico de Salceda de Caselas.
Está destinada ao alumnado de 4ºESO, organizada polo Departamento de CC.SS. e traballada na materia de Historia Contemporánea en relación ao tema da fidalguía, da propiedade da terra e das explotacións agrarias na Galicia moderna e contemporánea. Así mesmo permite un achegamento práctico ás formas da arquitectura barroca galega aplicada a estas construcións rurais pacegas, ou Casas Grandes.


A súa posible realización debemos agradecela á amabilidade das familias propietarias de cadanseu pazo, e ao papel de intermediario e de guía excepcional do mestre Manuel Prego Español, que cada ano –incluso xubilado- ten unha resposta afirmativa para nós e é quen de acompañarnos e sorprender ao alumnado coa súa información privilexiada, procedente do traballo de investigación sobre os pazos locais da súa autoría, que foi publicado polo Concello. ("Unha ollada á Historia de Salceda de Caselas")
O sentido da visita é activo e participativo por parte dos alumnos/as que teñen que cubrir in situ os datos dunha Ficha de Traballo elaborada polo propio Departamento de CC.SS., que lles permite fixar a atención e facer o seguimento das explicacións que lles van desvelar o significado de escudos e linaxes, formas arquitectónicas e escultóricas, tipo de explotación, modos de vida, pervivencia e actual función destas propiedades, estado de conservación, etc.
O achegamento ao outro lado destes muros, descobre para eles unha realidade fascinante e exclusiva, tanto no caso da “deconstrución” do Pazo da Picoña, obxecto da herdanza repartida (partixas) que levou á súa deteriorización e á aplicación de materiais propios do “feísmo galego” pemitidos ao longo do tempo; como no caso do coidado estado de conservación e uso dos Pazos de Avalle e Pegullal, que son mostra do aproveitamento para explotacións de vide ou de kiwi, respectivamente. Como nos comentaba a actual propietaria de Avalle, cando a súa familia decidiu comprar este pazo coas súas terras, o que lle deixaron foi un novo modo de vida, que valora extraordinariamente e ao que se adaptou encantada.



Queremos compartir con vós esta viaxe ao pasado da nosa localidade e difundila como actividade que reporta un desenvolvemento de competencias básicas a partir do coñecemento e valoración da realidade cercana.
Achegamos a Ficha de Traballo e un resumo da información relativa a cada pazo.



HOMENAXE AOS MÁRTIRES DE SOBREDO




   A HOMENAXE AOS MÁRTIRES DE SOBREDO trátase duha actividade interdisciplinar de 4º ESO, que serve de marco de convivencia porque é compartida cos  institutos de Tui: San Paio e Indalecio Pérez Tizón, e co CEP. Altamira de Salceda. Ademais de ser organizada polos Departamentos de CC.SS. e Lingua Galega dos Centros mencionados, xa que se trata dun acto histórico-literario, onde están presentes textos e poemas alusivos que evidencian a problemática situación vivida polo campesiñado e o agro galego, ao que lle adicamos un par de horas dunha fría mañá de outono.

         Todos os anos, coincidindo coa data do 28 de novembro, facemos unha lembranza dos feitos acontecidos a poucos quilómetros de nós, nun día 28 de novembro do ano 1922, relacionados coas loitas agrarias de comezo do século XX, que demandaban a Abolición ou a Redención dos Foros e que provocaron diversas represións co resultado, neste caso, da morte de tres campesiños/as e numerosos feridos, conmemorada cun MONUMENTO aos Mártires de Sobredo levantado en 1932 na época da II República por iniciativa das Sociedades de Agricultores e Gandeiros e os Sindicatos Labregos e Obreiros, demolido na represión falanxista no contexto da Guerra Civil de 1936, e recuperado en 1987 coa chegada da democracia. Espazo onde nos reunimos e relatamos o noso respecto ás vítimas da represión. Dita conmemoración permite á mocidade participar nun acto singular, nun lugar da memoria popular, nun acto de loita pola dignidade das persoas e por un mundo maís xusto e solidario.
            Tamén nos acompañan o mestre Paco González e Darío Vila Costas, o tesoreiro do Instituto de Estudos Agrarios Mártires de Sobredo (IEAMSO), que porta o estandarte da parroquia de Parderrubias, o único que se conserva do municipio. Data de 1913 e pertencía a Sociedade obreira e agrícola de Parderrubias e foi doado por un emigrante do lugar en Río de Xaneiro. Dende 2012 temos un acordo de colaboración co citado IEAMSO, aprobado en Claustro.

         Serve para saber que pasou e recuperar a nosa memoria histórica, como era a vida dos nosos devanceiros, como era a política e a sociedade do momento, cales eran as condicións de vida e o esforzo colectivo que fixeron. E o recordamos mediante textos históricos, poemas, música e flores, nun acto sinxelo pero cheo de significado.
         Están as palabras e versos de Rosalía de Castro, de Ramón Cabanillas, de Luís Seoane, Curros Enríquez, Álvarez Caccamo, Antón Avilés de Taramancos, Manuel Rivas, Manuel Portela Valladares, Tomás Rodríguez Sabio, e incluso os versos dun antigo alumno do IES Pedras Rubias: Brais González.



         O remate consta dunha ofrenda floral onde cada un de nós deixamos un caravel  ao son da Marcha do Antigo Reino de Galicia, interpretada en directo para a ocasión por un grupo de alumnos/as que tocan gaitas, tambores, pandeiros, panderetas, etc. Seguidamente é interpretado e cantado con solemnidade por todas as persoas presentes o Himno de Galicia.
Pero aínda queda un momento para disfrutar da charla e do intercambio de pareceres facendo a homenaxe culinaria ás exquisitas roscas das que damos conta nun pispás.



2013-11. 016. Rosa dos ventos. Sobredo 067 from biblosvivos on Vimeo.



2013-11. Sobredo. 066 from biblosvivos on Vimeo.



2013 Sobredo 068 from biblosvivos on Vimeo.



2013-11. Sobredo. from biblosvivos on Vimeo.



2013-11 Sobredo. from biblosvivos on Vimeo.