23/2/22

23 DE FEBREIRO DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO

Hoxe lembramos o nacemento de Rosalía de Castro e facemos no noso centro unha pequena homenaxe a esta escritora a cal encheu de vida a nosa lingua a través das súas poesías. Dende a publicación dos seus Cantares Gallegos en 1863 converteuse xa nun símbolo para Galicia. 

Naceu un 23 de febreiro de 1837 nunha casa do Camiño Novo que daquela pertencía ao Concello de Conxo (hoxe Santiago de Compostela). Filla da fidalga María Teresa de la Cruz de Castro y Abadía e do sacerdote José Viojo é criada polas tías paternas ata que pasa a vivir coa súa nai en Santiago. Casa con Manuel Murguía en 1858 de cuxo matrimonio nacen sete fillos. Morre prematuramente aos 48 anos en 1885.

O 17 de maio de 1863 publica Cantares Gallegos e será este o motivo que leve á escolla deste día (17 de maio) para a celebración do Día das Letras Galegas sendo ela a primeira homenaxeada en 1963. 

Deixamos aquí unhas imaxes da nosa pequena homenaxe coa que pretendemos mostrar como pervive ao longo do tempo e como a súa figura está presente en moitos dos nosos momentos cotiáns: cando portamos unha xoia, un bolso, unha camisola, cando escribimos ou mesmo cando nesta época actual de pandemias portamos unha máscara. Non esquezamos que mesmo outras culturas tan afastadas á nosa como a xaponesa senten interese, coñecen e espallan a obra rosaliana tal como fixo o profesor xaponés Takekazu Asaka que vén de finalizar a tradución ao xaponés de Follas Novas como xa fixera previamente cos Cantares Gallegos. 





Daquelas que cantan as pombas i as frores,
todos din que teñen alma de muller.
Pois eu que n'as canto, Virxe da Paloma,
¡ai!, ¿de qué a teréi?

                    Follas Novas, 1880




Dende "Onda Raia" tamén tivemos unha programación especial coa entrevista a Xoán Eiriz e Suso Díaz, cantante e poeta respectivamente, que veñen de presentar un disco sobre a nosa autora, "Amada Rosalía".

22/2/22

DÍA DA MULLER E DA NENA NA CIENCIA (11 DE FEBREIRO)

Fixemos unha lembranza de todas esas mulleres científicas que moitas veces quedaron invisibilizadas e que pouco a pouco van ocupando o lugar que merecen. As nosas profes de Bioloxía e Xeografía e Historia luciron así de ben as camisolas en homenaxe á muller científica e ás nenas que no futuro tamén o serán. Parabéns. 




CURSO 2021-2022

Ola de novo. Tras unha parada obrigada por motivos alleos á nosa vontade recuperamos actividade e saudamos de novo a toda a comunidade educativa do noso centro e tamén a todos e todas os/as que seguen o noso blog. A nosa biblioteca vai collendo forzas de novo e pouco a pouco retomamos actividade. Volvemos este curso contar cos nosos clubs de lectura e engadimos un novo dedicado ao mundo da banda deseñada e do manga. Lembramos conmemoracións como o Día da muller e da nena na ciencia (11 de febreiro) ou o Día de Rosalía de Castro (23 de febreiro) e facemos caso á nosa Meca neste entroido tentando cumprir os mandados que diariamente nos fai ao longo desta semana. Este curso traballamos na biblio co lema XEOGRAFÍAS LECTORAS porque queremos achegarnos a través da lectura a outros lugares próximos e non tan próximos polo que lembraremos títulos  como A volta ao mundo en oitenta días de Jules Verne e traeremos títulos novos que nos achegan a lugares da nosa contorna galega como Ons, Guitiriz ou Cans de Carlos Meixide. O noso desexo é gozar da lectura con todos e todas vós e calquera achega será benvida. Feliz Entroido!!!!