29/3/22

NON ÁS GUERRAS

 Hoxe queremos lembrar a importancia de crear un mundo novo onde non haxa espazo para as guerras, onde as únicas armas sexan os libros e a palabra. Palabras como as que gardan os libros que aquí expoñemos nos que se amosa a dureza dos conflitos bélicos e das súas consecuencias. Amosamos aquí só unha pequena escolma de títulos como o Diario de Ana Frank, Agosto do 36 ou libros de banda deseñada como Maus que nos ofrecen historias duras pero reais como a vida mesma. Poderían estar moitos máis pero esperamos que a súa lectura axude a reflexionar sobre conceptos tan necesarios como respecto, paz, tolerancia, solidariedade ou empatía. Por todos e todas os que sofren esta tolemia dende a nosa biblioteca e o noso centro berramos un forte: NON ÁS GUERRAS.

9/3/22

8 DE MARZO DÍA DA MULLER


Como cada ano o noso centro súmase á celebración do Día da Muller, orixinalmente coñecido como Día Internacional da Muller Traballadora, conmemorado cada 8 de marzo e recoñecido pola ONU como unha xornada para reivindicar a igualdade e de facer balance sobre a situación das mulleres na sociedade,  Desde a nosa biblioteca e en colaboración co Departamento de Orientación quixemos pór de relevo a importancia das nosas mulleres próximas polo que convidamos ao alumnado a homenaxear no noso mural a aquelas mulleres da súa familia e contorna próxima con dedicatorias de cores baixo o lema "Mulleres que me inspiran". Homenaxeamos tamén ás mulleres galegas que fixeron historia, cunha pequena selección de entre moitas das que tamén deberían de estar. As primeiras camioneiras, futbolistas, científicas, regueifeiras, o primeiro matrimonio (Marcela e Elisa)...son só unha pequena mostra daquelas pioneiras que foron abrindo o camiño para conseguir unha sociedade máis xusta e igualitaria.