30/5/13

Espirais con música


Co gallo de que un dos obxectivos de Centro para este curso  é fomentar entre o alumnado o goce dos distintos estilos, xéneros, tendencias e culturas musicais, os vosos compañeiros de 3º da ESO fixeron uns traballos para a materia de Plástica, que agora están expostos preto da nosa Biblioteca Calixtina. 

Os mozos e mozas fixeron unha serie de portadas para discos (algunhas delas inspiradas en deseños coñecidos, outras en cambio inventadas de todo), baseándose para as súas composicións na estrutura dunha espiral sinxela.

Arestora, a xente mais nova non sempre se decata da importancia que tiveran no pasado as portadas dos discos, no desenrolo da cultura pop por exemplo, xa que daquela moitos grupos andaban á procura de imaxes abraiantes (fotografías, obras plásticas, fotomontaxes) que chamaran a atención e lles aseguraran un éxito de vendas. Hoxe en día, as cartelas dos CD son catro veces máis pequenas cas vellas portadas dos discos de vinilo e, aínda que seguen a ser un medio importante de atraer ao público, o seu rol é moito máis discreto.Todos os que temos certa idade lembramos a imaxe que acompañou o Sargent Peeper’s dos Beatles (logo parodiada por Frank Zappa) ou as que serviron de tarxeta de presentación ós discos dos Rolling Stones, a Creedence Clearwather Revival, Pink Floyd ou Iron Maiden.En moitos casos estas imaxes servían para identificar aos grupos ou os estilos musicais, e eran reproducidas arreo para facer gadgets (camisolas, pósters,etc.). Por exemplo, a estética futurista do tecno, ou os típicos esqueletos e criaturas infernais dos grupos heavy, ou a estética inspirada no expresionismo e o dadaísmo das portadas dos grupos punk. 

Do deseño das portadas encárganse artistas especializados, algúns deles de sona, como Roger Dean, ou o equipo Hipgnosis, e empresas adicadas en exclusiva a esta tarefa, como a británica G&L (“Garrod and Lofthouse”). Algunhas portadas foron obxecto de polémica no pasado, cegando a ser censuradas nalgúns casos, aínda que moitas destas imaxes hoxe nos resulten inocentes. Foi o que lle pasou a do disco “Two Virgins” de John Lennon e Yoko Ono, na que aparecían ambos artistas espidos. E tamén tiveron problemas ca censura outros músicos como Aero Smith, David Bowie, Prince, Scorpions ou Guns N´Roses. Moitas veces estes escándalos foran provocados a propósito polos músicos ou polas casas discográficas, como unha forma de chamar a atención e seica vender máis. De tódolos xeitos, non hai que xulgar un libro con só mirar a portada. O mesmo consello vale para os discos.

Nacho Ruíz.

25/5/13

Georges Moustaki, na lembranza

Sexa porque este é o ano da "Musica e as Letras" para nós, sexa porque este cantautor o merece sen máis motivo; queremos facerlle unha mención de honor a Georges Moustaki, quen coa súa voz encarnou unha época de recuperación das liberdades alí onde non as había, e de cambios proclamados por unha mocidade inqueda que defendía un  xeito de vivir e de relacionarse máis libre e menos convencional no social, pero tamén no político e na defensa da paz.

                                 
Na súa andaina vital levou por bandeira esa ansia de liberdade e a súa presenza e personalidade portaban como ninguén as brisas da riquísima cultura Mediterránea, que espallou dende a súa Alexandría natal, co aporte da súa ascendencia grega e xudea, ata o seu asentamento no París que protagonizaría o Maio do 68. Sería nese contexto onde as súas letras terían unha magnífica acollida. Porén, non deixou de amar outras culturas, como a brasileira ou a española, que tanta presenza terían na súa obra musical e poética.

Para nós, no medio da cerrazón cultural e sociopolítica do franquismo, as cancións dos máis importantes autores franceses do momento, xunto cos cantautores españois,  foron quen de canalizar as ansias de liberdade que comezaban a reclamarse neses anos. Era unha época de reivindicar poder expresarse en catalán, galego, euskera. Así foi como aprendimos de memoria letras tan significativas en calquera destas linguas, que acabaron formando parte da nosa idiosincrasia e da nosa apertura cara ao que estaba a pasar fóra das fronteiras, de tantas fronteiras.
Enlace á súa páxina oficial.

5/5/13

Outra Historia da Música en catro minutos



Vía Huffington Post, veño de atopar outro vídeo cunha Historia da Música resumida en catro minutos e cantada á capela polo grupo Pentatonix. Desde o canto Gregoriano ata Lady Gaga pasando polos Beatles, Aretha Franklin ou Ritchie Valens. Gústavos?

1/5/13

Maratón de lectura plurilingüe do Principiño na celebración do Día do libro

O venres pasado celebramos na biblioteca o Día do Libro cun maratón de lectura plurilingüe no que quixemos, ademais, render a nosa homenaxe ao libro "O Principiño" de Saint-Exupéry no seu 70 aniversario.

Decoramos a biblioteca con exemplares do libro en moi diversas linguas : galego, catalán, éuscara, castelán, francés, inglés, portugués, italiano, alemán, checo, tailandés e holandés... con variedade de formatos, incluíndo a edición pop-up e o minilibro, cadernos e postais.


Chefa, a nosa directora, deu comezo ao maratón e durante cinco horas ininterrompidas fóronse sucedendo os lectores (profes, alumnos/as, compañeiros que xa non están no Centro, persoal non docente) ao mesmo tempo que as linguas; neste caso o galego, castelán, francés, inglés, portugués e italiano, lingua coa que pechou a maratón o noso benquerido bibliotecario emérito José Luís.

Cabe destacar a gran acollida que esta actividade ten tanto entre o alumnado como no profesorado do noso IES. Sentimos que a limitación do tempo e/ou a incompatibilidade de horarios tivera deixado fóra algunhas das persoas que se tiñan ofrecido a participar e desde aquí vos damos a todos as grazas.

Deixámosvos coa lectura de Fernando, o noso Xefe de Estudos.


Maratón de lectura 2013 from biblosvivos on Vimeo.