21/3/23

DÍA DA POESÍA

Para conmemorar o Día da Poesía a Biblioteca do IES Pedras Rubias convocou un concurso de recitado de poemas.  A pesar de que o alumnado de 2º ESO está en Andorra e o de 1º de Bacharelato en Madrid o concurso tivo unha gran acollida e foron moitos os alumnos e alumnas que se animaron a participar.

Abriu o recital Esteban Oliveira de 3º A co poema “Moraima” de Celso Emilio Ferreiro; a continuación, foi a quenda de Fabio Mazzurco de 3º A que recitou un poema de Roberto Blanco Torres; seguidamente, Xoel Roque de 4º C declamou un fermoso poema da súa autoría titulado “Ángel en tierra”; despois, Vera Rodríguez de 1º D tamén recitou un poema creado por ela mesma e que leva por título “ Ao amencer”; posteriormente, un numeroso grupo de alumnas de 1º D cantou “Adiós ríos” de Rosalía de Castro; e para finalizar, Martina González de 1º C recitou un poema de Antonio García Teijeiro. 

Grazas a todas e todos por participar e por dar vida á poesía a través das vosas voces neste 21 de marzo. Parabéns aos gañadores e gañadora.

Aquí vos vai unha mostra gráfica do acto.



17/3/23

SEMANA DE ACTIVIDADES LECTORAS

   ESTA SEMANA TIVEMOS ACTIVIDADES LECTORAS MOI INTERESANTES:

O LUNS 13 RECIBIMOS A ANTÓN RIVEIRO COELLO PARA FALAR CO ALUMNADO DE 4º E DE 1º BACH SOBRE AS SÚAS OBRAS "O PARAISO DOS INOCENTES" E "AS RULAS DE BAKUNIN".  UN AUTOR CLÁSICO XA NA NOSA LITERATURA MÁIS RECENTE E QUE DEBEMOS LER. GRAZAS POLA SÚA CONVERSA TAN INTERESANTE.

O MÉRCORES 15 VOLTOU O NOSO "TAMÉN LEN", DESTA VEZ COA GRATA PRESENZA DE NOELIA VAQUEIRO, EX-ALUMNA DO CENTRO E GRAN AFECCIONADA Á LECTURA E ÁS VIAXES, RENDEULLE UNHA PEQUENA HOMENAXE A DOMINGO VILLAR COA LECTURA DUN FRAGMENTO DE "O ÚLTIMO BARCO" E VIAXAMOS CON ELA AOS DISTINTOS LUGARES QUE VISITOU NAS SÚAS VIAXES. 

SIGAMOS APAIXONÁNDONOS POLA LECTURA . AQUÍ VOS DEIXAMOS UNHA MOSTRA GRÁFICA.






9/3/23

8 DE MARZO: DÍA DA MULLER

Deixamos aquí unha mostra da exposición de libros que escollemos para conmemorar o Día da Muller e lembrar a importancia da loita necesaria a prol da igualdade para crearmos entre todas e todos unha sociedade máis xusta, na que non teña cabida ningún tipo de discriminación por causa de xénero. As mulleres do pasado e do presente puxeron e poñen as bases para que as mulleres do futuro poidan sentir que elas tamén contan. Seguiremos estes días con algunha outra actividade relacionada con esta data.