30/4/16

EXPOSICIÓN PAPEL DE MULLER

O alumnado de 1º de Historia, de 2º de Historia e de Cidadanía, de 3º de Física, de 4º de Ética, de Música, foi quen elaborou os traballos sobre o papel das mulleres en diferentes épocas e diversas disciplinas, profesións, artes, ciencias, investigacións, etc. 
Tiveron que elixir unha muller que lles resultara significativa ou interesante, buscar información fiable, contrastala, nomear as fontes informativas, reelaborar e sintetizar esa información a destacar, evitando cortar e pegar, presentalo nun procesador de textos no ordenador, montalo guiándose pola ficha tipo para unificar todas as fichas expostas e envialo por correo-e á dirección indicada.
Foi importante facelo así, pois nos dimos conta de que o bo uso da información e do medio informático non é o debido a estas alturas, e presentan carencias no coñecemento destes procedementos, sendo conscientes deles e aprendendo na práctica as pautas dun bo uso. Estiveron motivadxs e foi gratificante ver ao final que tiñan interese en ver o seu traballo formando parte da exposición, que fixemos posible grazas a elxs. Ademáis de aprender moitas referencias sobre un montón de mulleres que ao longo da historia foron protagonistas, viviron e aportaron cousas de interese e das que descoñecían os seus nomes e feitos.


Desta vez quixemos expoñelos intencionadamente no corredor diante da Biblioteca colgando cada ficha de Papel de Muller con tanza, como se estiveran no aire, a diferentes alturas, para "tropezar con elas" como se dalgún xeito provocaramos telas presentes, rozando as nosas testas, os nosos ollos, poder lelas, saber delas, nomealas, coa idea de reparar o invisibles que as fixeron en cada época, por esta razón agora quixemos visibilizalas dun xeito evidente.
Procuramos expoñelas no lugar que menos molestias puidera causar, e así foi como as localizamos no corredor de entrada á biblioteca esperando que se entenda o seu significado.

 Poderiamos pedir disculpas polas molestias ocasionadas no deambular cotiá por este "bosque de mulleres", pero creo que non debemos, porque é a nosa intención facelo así para reivindicar no posible o "incómodas e incomodadas" que deberon sentirse cada unha delas todas as veces que non as valoraron o debido e as silenciaron...


28/4/16

DOCENCIAS DE DINAMIZACIÓN DA BIBLIOTECA ESCOLAR E DE EDUCACIÓN DOCUMENTAL NO IES VALADARES DE VIGO

Este curso tivemos a satisfacción de ser requeridas, unha vez máis, polo CEFORE de Vigo para impartir varias Docencias de Organización e Dinamización da Biblioteca Escolar, e de Formación de Usuarios da BE e Educación Documental. Desta volta foi no IES Ponteareas e no IES Valadares de Vigo onde compartimos experiencias coas compañeiras e compañeiros dos equipos de Biblioteca. Atopamos receptividade e intercambiamos pareceres sobre o funcionamento e a dinamización das súas Bibliotecas, onde xa levan facendo un traballo ben interesante.


Das docencias que fixemos en Ponteareas xa deixamos constancia nun post anterior, e agora o facemos con Valadares, para agradecerlles a todxs ter confiado en nós e ter aprendido xuntxs. Alí estivemos, os días 24 de febreiro e 19 de abril, Mercedes Yáñez Gil e Paula Fernández Bañuelos.


27/4/16

A EX-ALUMNA LORENA PÉREZ NO TAMÉN LEN

O pasado martes 26 estivo connosco a antiga alumna Lorena Pérez para ler uns capítulos de "Ollos de auga" de Domingo Villar, lectura que elixiu ela mesma por considerar que é un libro entretido para recomendar, ademais de traerlle gratas lembranzas daquela visita do autor hai anos. 











A través do coloquio posterior puidemos comentar aspectos ben interesantes da vida desta moza, que dende pequena, cando ía en 3º de Primaria, enganchouse ao BALONMÁN para sempre. Comezou a xogar na escola e dalí acabou formando parte do Club Balonmano Porriño, co que entrena todos os días un par de horas (entre as 22h e as 24 h da noite), pero iso non lle impediu estudar Comercio Internacional e Marketing, tendo agora unha beca. Tenta ter tempo para todo o que quere facer.
Di que o balonmán non dá para vivir, alomenos en Porriño; é máis doado para os homes que para as mulleres poder vivir del. É duro adicarse a este deporte, pero é moi gratificante xogar, competir, aprender a convivir, o compañeirismo, coñecer a moita xente boa de todas partes, etc. 

Non esquezamos que é xogadora de División de Honor de Balonmano Porriño, leva catro anos xogando en 1ª división e ascenderon á máxima categoría. Contounos a experiencia de participar no "Torneo de la Copa de La Reina", que se xogou en Porriño en abril. Non adoitaban pasar de cuartos e este ano chegaron a semifinais. Aínda que non hai moitos seguidores en Porriño, esa fin de semana si que houbo moito público e repercusión nos medios informativos.



Para nós foi moi gratificante coñecer as súas experiencias e inquedanzas e agradecemos a súa presenza e a súa colaboración para promocionar a lectura entre a mocidade.


23/4/16

PRINCE

Prometín facer unha entrada en lembranza de Prince para dalo a coñecer entre alumnos e alumnas que non adoitan escoitalo e para a maioría dos cales xa non é un referente ou incluso é un descoñecido.
 Tamén cadra que é o post número 400 deste blog: disfrutemos e saúde...


http://elpais.com/elpais/2016/04/21/album/1461258740_343853.html#1461258740_343853_1461259089
Prince Rogers Nelson foi un cantante, compositor e multiinstrumentista de rock, soul, funk e new wave estadounidense. Usou o nome artístico de Prince, aínda que tamén foi coñecido baixo un símbolo impronunciable, que utilizou entre 1993 e 2000, no que aunaba os símbolos masculino e feminino, que ben podedes ver levado tamén á forma da guitarra da foto. https://es.wikipedia.org/wiki/Prince

Que dicir dalguén que podemos considerar músico xenial de gran talento sen medo a esaxerar e que era dabondo "xoven" para desaparecer da escena?

Eu o teño claro, o teño entre os meus favoritos, porque vivía a música a tope e facía que vibraramos con ela nun sen fin de emocións; porque era un músico cunha gran destreza para tocar calquera instrumento, pero en especial a guitarra: Un dos grandes!!!!; porque era todo un espectáculo e coidaba todos os detalles; porque se acompañaba e actuaba case sempre con bandas moi boas e moi potentes de mulleres; porque foi innovador, rompedor, provocador, era quen de asumir o dual, os polos masculino e feminino, o branco e o negro, o novo e o vello das súas mellores influencias (Hendrix, James Brown, Led Zeppelling, The Jackson 5...) porque naqueles anos 80 e 90 tivemos vivencias como a da súa actuación en directo na Coruña en 1990, gravada pola TVG, que foi extraordinaria...

-Nude Tour in La Coruña, 1990:




Formou parte de nós, as novas xeracións xa non o viven igual. Era unha época que prometía cousas mellores, moito mellores, por iso nos afecta máis e nos sume na melancolía..., pero seguirá a estar connosco porque seguiremos a disfrutar coa súa maravillosa música.

-En 2004 na homenaxe a Georges Harrison, Prince magnífico coa guitarra:

-Etta James interpreta Purple Raind de Prince:

-Patti Smith interpreta When doves cry de Prince:

-Sinead O'Connor interpreta Nothing compares 2 U de Prince:

DÍA DO LIBRO - 23 Abril.





Hoxe, aínda que en sábado, facemos a nosa particular homenaxe no Dia do Libro, mostrando citas e estes documentos que invitan a ler a quen así o desexe. 

Pero non se trata de calquera documento, senón que a  Biblioteca Nacional de España pon a disposición dos lectores esta versión dixitalizada da primeira edición orixinal conservada nos seus fondos do "Ingenioso Hidalgo Don Quijote de La Mancha", para lelo pincha no seguinte enlace:

       Boa lectura dende o castelá do século XVII !!

Para saber máis:

https://es.wikipedia.org/wiki/Miguel_de_Cervantes
https://es.wikipedia.org/wiki/Don_Quijote_de_la_Mancha
http://www.biografiasyvidas.com/monografia/cervantes/
http://www.muyhistoria.es/curiosidades/preguntas-respuestas/ishakespeare-y-cervantes-murieron-el-mismo-dia

21/4/16

FICHAS DE PAPEL DE MULLER

Xa temos montadas un bo feixe de historias de mulleres significativas. O traballo foi elaborado polo alumnado de varios niveis e varias materias e coordinado dende a Biblioteca: Física de 3º, Ética de 4º, Cidadanía de 2º, Música, Historia de 1º e 2º...
Quedan unhas cantas por entregar, revisar e plastificar, para pasar a colgalas, con tanza, do teito do corredor para "tropezar" con elas no ar.

A través desta actividade puidemos dar a coñecer ao alumnado á importancia do papel das mulleres nas diferentes épocas e realidades, aínda sendo relegadas, secundarias, invisibilizadas... as máis das veces. Pero, sendo importante o contido ao que se achegaron, non deixa de ser tamén moi importante o proceso de alfabetización informacional e dixital practicado; pois serviu para darnos conta de que entre a mocidade hai falta de formación ou de bo uso do tratamento de textos e de imaxes no ordenado, ademais da necesidade de aprender a buscar a información fiable, contrastala, seleccionala, sintetizala e reelaborala con boa expresión e ortografía e, como non, citar as fontes consultadas. 

12/4/16

EXPERIENCIA DE LECTURA.




  -Liches este libro?, díxome Paula na Biblioteca.
  -En galego; faime falta, non teño soltura, vaime levar tempo...

Luns, esa mesma tarde ás 19'00, xa na casa, tócame un pouco de descanso antes de comezar ás miñas horas de estudo (oposicións), pero collo un momento o libro e comezo...

As 3'00 da madrugada, remateino...

Sabede que non estudei onte, pero non me arrepinto sobre todo porque facía tempo que non sentía esta mestura de mágoa e ledicia. Comparto eses momentos desoladores, de tristeza, como nunca...
                         
                    Belén Gil Lago, profe de Física. Un día de Abril  de 2016

9/4/16

EXPOSICIÓN DE CALI-GRAMAS. BO AMOR

Con respecto aos traballos presentados en forma de CALI-GRAMA ao redor do tema do AMOR ben entendido, podemos dicir que houbo ideas moi interesantes, creativas, cunha reflexión de fondo e que nos puxeron dificil decidir cales destacar.

É un formato atractivo que facilita a diversidade de ideas e formas, e que queremos establecer como actividade a manter cada curso, relacionada con esta temática ou adaptándoa a outras que se fagan ao longo do curso, dabondo hai!!

Despois de ter en conta as valoracións de diferentes persoas da comunidade educativa, estes son os traballos destacados e premiados en cada nivel da ESO:

1- DNA. Tania Castro 4ºA.
2- HBIBA. Sana Ghoufri. 3ºD.
3- Winter 2. Uxía Barros. 2ºA.
4- Rosa e cartela. Diana Cerqueira. 1ºB.

5/4/16

BD (HISTORIETAS). IMAXINA QUE ... EXISTE UN MUNDO ONDE TODAS AS PERSOAS VIVEN EN PAZ

Este é o resultado do Concurso de BD, onde imaxinamos que poderiamos vivir nun mundo en PAZ, xa que na realidade non é así, pero imaxinalo posible sempre move a buscar esa posibilidade a través de diferentes formas de pensar e actuar...

A variedade de ideas e a creatividade son evidentes e agradecemos o traballo de todas as persoas que participaron; temos que recoñecer que a táctica de guiar dende as aulas as pautas para facelo e cualificalo como un traballo máis en diversas materias como Ética, Plástica, etc, dá bo resultado e enriquece e complementa a aprendizaxe académica con pautas que pretenden respectar a liberdade de expresión e creación, ademais de sensibilizarse ante temáticas de interese xeral e coa idea de compromiso social necesaria para coidar a convivencia nos diferentes aspectos.

Despois de reunir diversas valoracións de alumnas/os e profes, as Historietas de Banda Deseñada destacadas con premio son:

1- The pencil. Iago Ferreira. 3ºC.
2- Buchi. Alba Cabaleiro. 4ºB.
3- A pomba. Laura Besada. 2ºA.
4- London. Tamara. 2ºA. Mención especial.
5- Un mundo sen violencia? César Pascual. 4ºB. Mención especial.