Mostrando entradas con la etiqueta lema anual da BE. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta lema anual da BE. Mostrar todas las entradas

19/9/15

LEMA DA BIBLIOTECA ESCOLAR: IMAXINA QUE...

"Imaxina que..."
Este curso decidimos que podería ser un bo lema facer xirar as nosas actividades ao redor desta idea, de imaxinar como poderían ser as cousas, o noso mundo, a nosa realidade, as nosas iniciativas, e, como non, os nosos soños... En definitiva, imaxinar a mellor das vidas, imaxinar para descubrir cousas novas, para experimentar; pero sabendo que para iso, tamén para imaxinar, é necesario aprender, saber, indagar, curiosear, investigar, cuestionar, buscar... para encontrar e para que o noso maxín sexa movido e o vexamos bulir, rebulir, burbullar... por mil e unha ideas e coñecementos, como base da aprendizaxe e da creatividade de cadaquén.



                                 Arte no Barrio Oeste de Salamanca. Foto de Paula F.B.

A conexión tamén está servida co lema que se vai traballar dende a Asesoría de Bibliotecas Escolares este ano: 

"Biblioteca escolar, Base de exploracións"


Partindo destas ideas pretendemos acadar as destrezas e as competencias clave para mellorar a lecto-escritura, a capacidade de comprensión da información que manexamos, o diálogo, o debate, ampliar a nosa cultura, entender a sociedade na que vivimos e implicármonos coas diferentes realidades que nos rodean, darlle ao proceso educativo e á escola o valor de servirnos para formarnos como persoas que vivimos nunha colectividade, onde poidamos, dun xeito ou doutro, contribuír a mellorala e facela máis xusta e libre. 

-Tendes estes enlaces a varios documentos: a unha noticia de prensa sobre a desigualdade en Europa e o aumento da pobreza, que quizá sexa do voso interese para comezar a achegarvos á información e ás problemáticas que nos rodean:

-Este outro enlace sobre unha app para reivindicar a importancia histórica das mulleres:

-Este enlace fala do que pasa nos países de onde saen persoas que chegan a Europa escapando de situacións de conflito:

-Compartes a opinión de José Mujica? Sabes quen é este personaxe? Quizá che interese buscar información sobre el e contrastala.



14/7/14

AS VIAXES AO REDOR DOS DIFERENTES DEPARTAMENTOS DIDÁCTICOS EN 200 DÍAS

Acabamos o curso, pero non queremos deixar atrás a ocasión de facer unha relación das diferentes actividades que se fixeron dende os diferentes departamentos ao redor da idea das viaxes, xa que, como sabemos, o lema que nos guiou estes meses foi "Viaxes Reais Viaxes Imaxinadas".

Praza do Palio en Siena, Italia, unha das máís fermosas, dou fe!!
Destacar a iniciativa que tivo Ana Rodríguez Sío, profesora que este curso se encargou de levar á práctica un interesante proxecto de informática co alumnado de 4º ESO. 

Na viaxe a Barcelona e PortAventura
Nada mellor que velo para valoralo neste enlace ao blog viaxesreaiseimaxinadas, que crearon para a ocasión, magnífico procedemento para aprender a darlle uso ás diferentes ferramentas, fontes, soportes ou formatos  dixitais. Mover se moveron, e viaxar viaxaron, tanto dun xeito imaxinario -quen de nós non soñou mil e unha veces en facer longas, exóticas ou perigosas viaxes?-, como dun xeito real -facendo crónica da viaxe a Barcelona que disfrutaron como excursión de fin da ESO con todos os compañeiros e compañeiras de 4º, da que lles quedou un magnífico e inesquecible recordo, ademais doutras viaxes que cada un deles tivo a sorte de experimentar e disfrutar e quixeron relatar. 
Ademais de estar a mellorar a competencia lingüística -que este ano foi un dos obxectivos de Centro- con todos os marabillosos relatos que deixaron escritos;  e de empezar o curso traballando tamén a alfabetización informacional dixital a través do "Caderno de Bitácora".

Xa ao principio do curso, dende a Biblioteca buscouse a colaboración do profe de Plástica, Nacho, para facer unha Rosa dos Ventos na entrada do instituto. Ademais, Nacho colaborou  redactando neste blog as entradas sobre os aventureiros de BD:Tintín e Alix

Dende os departamentos de linguas, promovéronse e traballaron lecturas relacionadas coa idea das viaxes, como por exemplo: Ámote Leo A de Rosa Aneiros, Noite de voraces sombras, Robinson Crusoe, A illa do tesourodiferentes novelas de Jules Verne, Bajarse al moro, Las bicicletas son para el verano, etc.

Dende as materias de CCSS, viaxamos no tempo cara ao pasado con lecturas como Agosto do 36 (que compartimos co Dpt. de Galego), o libro das Marabillas de Marco Polo, o Diario de Cristóbal Colón, etc. Ademais de colaborar co Ciclo de Cinema e Viaxes: Master & commamder, A quimera do ouro, El diablo sobre ruedas, A dilixencia...

Con 1º ESO, no Print, fixemos unha singular singradura aprendendo a navegar pola Rede, na busca de información fiable, a través das obras do pintor Urbano Lugrís, seguindo o rastro de diferentes naufraxios...

Dende o Club de Lectura recomendamos e comentamos Robinson Crusoe, que comparamos con Venres ou a vida salvaxe, e limos tamén A expedición do Pacífico. Ademais de ver o filme de Chaplin e o western Centauros do deserto.

E máis traxectorias interesantes que seguramente deixo no tinteiro ...