Mostrando entradas con la etiqueta aventuras. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta aventuras. Mostrar todas las entradas

27/6/14

EXPOSICIÓN DE GRANDES AVENTUREIROS RECOMENDADOS PARA O VERÁN


Pois si, como reza o cartel, invitamos a que os leades en verán e vos deixedes acompañar por estes grandes aventureiros que estivemos promocionando nos último meses deste trimestre. 

Expostos están aínda, en espera de que elixades os que vos resulten máis atractivos! 
É un magnífico e refrescante xeito de comezar as vacacións! 
Eu teño que confesar que estou enganchada a Blueberry!





BO TEMPO DE ESTÍO!!!!

19/6/14

GRANDES AVENTUREIROS DE ONTE E DE HOXE: TINTÍN.



Que podemos dicir de Tintín que non estea dito?!

TINTÍN, O INFATIGABLE XORNALISTA

Poucos afeccionados haberá que poñan en dúbida que Tintín é o personaxe da banda deseñada europea máis importante e influínte do século XX, e do que levamos de XXI. Trátase dun fenómeno único no mundo do cómic, que acadou traspasar a barreira xeracional e mais as fronteiras políticas, para chegar ó público de case tódolos países e ser traducido a máis de trinta idiomas.

Su creador foi o debuxante belga George Rémi (1907-1983) máis coñecido como Hergé, que algúns anos antes dera vida a Totor, un boy-scout idealista, que ten moitas características en común co que logo sería Tintín. A primeira aventura de Tintin levouno en 1929 á Unión Soviética (Tintin no Pais dos Soviets) para facer unha denuncia conservadora, e ás veces algo tópica, do “paraíso comunista”. Esta primitiva historia publicouse en branco e negro en “Le Petit Vingtième”, suplemento xuvenil dun xornal belga. A segunda aventura terá como escenario o Congo, e nela Hergé describe a realidade africana do colonialismo co punto de vista e os prexuizos habituais dos europeos da época.

Pero a partir de Tintín en América as historias empezan a cambiar. Hergé deixa menos espazo á improvisación, os argumentos son cada vez mais sólidos, aparecen outros personaxes secundarios que enriquecen a serie, e ademais de aventura podemos atopar algúns bosquexos de crítica social. Por exemplo, neste mesmo episodio farase alusión á influencia dos gángters na corrupción política (cousa que continúa nos nosos días), o racismo contra os indios ou a rapacidade do capitalismo americano.
 Moi cedo vemos como Hergé se toma cada vez máis en serio o seu personaxe, chegando case a ter unha obsesión pola documentación, para dotar de realismo ás súas historias. Leía gran cantidade de libros de viaxes, chegou a estar suscrito ó National Geographic, recopilou moreas de fotografias, utilizaba maquetas para debuxar os barcos, avións, etc, e ata entrevistaba a informantes de primeira man sobre os temas que trataba, como se fixera unha espécie de “traballo de campo”.
Así nunha das súas mellores historias, O Loto Azul(1934), esforzouse por superar os estereotipos acerca dos orientais, e contou coa colaboración dun seu amigo chinés para aprender o idioma e para que os ideogramas que aparecen nos debuxos tiveran significado. O cómic reflicte moi ben o clima prebélico do momento, e o expansionismo do Imperio nipón, o que lle valeu a Hergé as protestas do embaixador xaponés.


Durante a ocupación alemana de Bélxica, Hergé seguiu a debuxar as aventuras de Tintin para Le Soir, un xornal proclive ós invasores, o que logo lle acarreu moitos problemas. Nesta época publicou A Illa Negra (historia que transcorre en Escocia e que foi redebuxada e versionada en tres ocasións distintas), O cetro de Ottokar (curiosamente unha alusión á ocupación nazi de Polonia, que puido pasar a censura. Hergé chegou a inventar o país de Sildavia, todo un prodixio de imaxinación narrativa), O caranguexo das tenaces de ouro...

 Nestas aventuras vemos como Tintín se transforma nun infatigable viaxeiro, en compaña doutros personaxes secundarios, que chegan a ter case tanto protagonismo como el na serie: o can Milú, Hernández e Fernández, o capitán Haddock, o profesor Tornasol...

Tamén nesta época Hergé empeza a contar con colaboradores, outros debuxante que lle axudaron a cumplimentar as historias. O primeiro fora Edgar P. Jacobs, que colaborou con el en O cetro de Ottokar. Despois da guerra creouse o Studio Hergé onde traballaron Jacques Martin, Bob de Moor e Roger Leloup, que darían logo orixe á chamada Escola de Bruselas. Hergé, tras un período de cuarentena por “colaboracionista”, non só volveu a debuxar o seu famoso personaxe, se non que sacou adiante unha revista (“Tintín” en 1946) e acordou coa editorial Casterman a reedición das aventuras en formato libro. Había que darlle cor ós debuxos, redebuxar as historias máis antigas, porque a ambientación das orixinais quedárase desfasada, prestar máis atención ós detalles como as máquinas, os automóviles, as arquitecturas, etc.

A serie de Tintín forma un corpus de 24 aventuras (máis unha que quedou inconclusa) e na maioría delas Tiníin e os seus amigos realizan unha viaxe a algún recuncho do globo. É difícil escoller entre estas historias, pero para non facer demasiado longa esta entrada, imos centrarnos nalgunhas delas, nas que a viaxe ten especial relevo:

-O Templo do Sol (1949): Destaca pola súa coidada ambientación do Pirú (paisaxes dos Andes, tipos humanos, arqueoloxía) e polo respecto co que Hergé nos amosa o pobo quíchua e a cultura precolombina dos Incas.

                                   Filme: As aventuras de Tintín. O Templo do Sol
                     
-Obxectivo a Lúa / Aterrizaxe na Lúa (1953-54) Nestas historias o globo terráqueo quedou-se pequeno para Tintín e os seus amigos, que chegan ó noso satélite 16 anos antes que Amstrong, nun cohete inspirado no V-2 de von Braun. A viaxe espacial é explicada dun xeito dabondo convincente nesta aventura.

-Tintín no Tibet (1960): Debuxada nunha época na que Hergé atravesaba unha depresión, algo desto se pode percibir na paisaxe dominada por unha abrumadora cor branca. Quixo inventar unha historia onde se ensalzara a amizade, na que Tintín non se enfronta a ningún inimigo humano. Hai tamén unha reivindicación do pobo tibetano, frente á recente invasión pola China de Mao.

-Tintín e os Pícaros (1976) A derradeira aventura publicada de Tintín, transcorre na república imaxinaria de San Theodoros (América do Sul), entre guerrilleiros e ditadores populistas, que gobernan seguindo os seus intereses e sen preocuparse pola miseria do pobo ( igual que  segue a acontecer nos nosos días).

                                                           (Nacho, profe de Plástica)


18/6/14

GRANDES AVENTUREIROS DE ONTE E DE HOXE: ALIX, O VIAXEIRO DO MUNDO ANTIGO




Jacques Martin foi un debuxante francés nacido en 1921 en Estrasburgo e finado en 2010, que dende neno tivo tres grandes paixóns: a arte clásica, a historia e a banda deseñada. Trasladado a Bélxica, compatibilizou os seus estudos de Inxeñería cos de artes e oficios, aínda que  a súa auténtica vocación era chegar a ser autor de banda deseñada.

Tras a segunda guerra mundial colaborou con Hergé, asimilando o estilo do mestre coñecido como a “liña clara” (gran precisión no debuxo e a recreación dos escenarios, menos importancia do sombreado) e empeza a publicar as súas historietas na revista “Tintín”, sendo a primeira delas Alix, o intrépido (1948). Logo seguirían outros personaxes, como Lefranc (ambientado no mundo contemporáneo), Jehn (na Idade Media) ou Keos (no Exipto dos faraóns).

Pero Alix será a súa creación mais importante. Sobre el o seu autor declarou: “Alix é o froito do meu amor pola Grecia e polo Mundo Antigo”. As súas aventuras configurarían unha saga que chegou a ser unha das mellores bandas deseñadas de ambientación histórica realizadas xamais en Europa, acadando gran favor entre o público e a estima dos especialistas, polo seu gran rigor e fidelidade na reconstrución dunha época.

O protagonista é Alix, un mozo galo adoptado por un patricio romano, que vive unha serie de aventuras nos tempos de Xulio César, acompañado por un amigo exipcio chamado Enak. O seu antagonista nas primeiras historias será o astuto grego Arbacés. No transcurso das súas viaxes polo mundo coñecido de entón, establecerá contacto con diversas culturas e civilizacións: Exipto, Grecia, Asia Menor, e incluso a India e China.
As súas historias teñen sempre unha sólida base argumental, fuxindo dos tópicos ó uso e do simple maniqueísmo que afronta ós “bos” cos “malos”. A civilización romana, nos seus aspectos benéficos, está vista con admiración, pero tamén aparecen as súas sombras. Vemos desfilar polas súas páxinas moitos personaxes históricos reais, como César, Pompeio, Vercinxétorix, Espartaco, etc.
O grafismo, nos comezos algo tosco, foi mellorando a medida que se sucedían os episodios, habendo un punto de inflexión en 1958 con “A tiara de Oribal”, que daría lugar ás súas mellores historias, tanto polo argumento como polos seus soberbios debuxos:
-“A Garra Negra (1959): Na que a persecución dunha secta cartaxinesa nos levará ó corazón do continente africano.
-“As lexións perdidas (1965): A espada de Vercinxétorix será o símbolo que utilice Pompeio para sublevar toda a Galia contra César.
-“O derradeiro espartano (1967): Tras un naufraxio en augas do Exeo, Alix descubre un bastión onde resisten os últimos gregos que, comandados por Alcidas, soñan con expulsar o invasor romano.
-“A Tumba Etrusca (1968): Durante a guerra civil que afrontou a César con Pompeio, uns sacrificios humanos poñen sobre o ronsel dunha conspiración que quere restaurar a monarquía.
-“O Deus Salvaxe (1970): Nunha cidade da costa africana, unha enigmática estatua do deus Apolo é desenterrada. A partir de aí teñen lugar unha serie de seísmos e outros estraños sucesos...


Aínda que os gustos do público cambiaron, e hoxe se levan máis as truculencias dun Frank Miller (300) ou dun Jean Dufaux (Murena), as bandas deseñadas de Alix non perderon vixencia e representan outro xeito de aproximarse ó pasado grecorromano, un mundo no que toda clase de aventuras eran posibles.
Como curiosidade dicir que Goscinny e Uderzo idearon en 1959 a primeira historieta de Astérix o galo como homenaxe e parodia do personaxe de Jacques Martin. Por exemplo, no lugar dun protagonista adolescente, preséntannos un home de mediana idade con mostachos, en vez de Enak temos a compaña do inseparable Obélix, os romanos son de seguido ridiculizados... Despois o novo personaxe gañaría en matices e independencia, para dar lugar á serie cómica que todos coñecemos, sendo tamén un gran viaxeiro como Alix; aínda que, ó contrario que neste último, os tópicos e a intención satírica sexan o ingrediente principal das súas historias.

                         (Nacho, profe de Plástica e bo coñecedor da BD)



28/5/14

GRANDES AVENTUREIROS DE ONTE E DE HOXE



Estes meses de primavera son un bo momento para pensar en AVENTURAS e lanzarse a elas, pero como sexa que temos que traballar e ir á escola, pode ser un bo xeito acompañar os grandes aventureiros da ficción literaria de onte e de hoxe.  

Menos mal que contamos con eles para ampliar o noso mundo e suavizar as nosas ansias!






De entre eles queremos destacar e presentarvos os nosos queridos TINTINBLUEBERRY e, como non, CORTO MALTÉS; que habitan a nosa biblioteca, pero a día de hoxe non son moi frecuentados. Quizá temos que pensar que non están de moda, que non van cos tempos, que non enganchan aos mozos e mozas de hoxe?



Facémonos cargo de que cada xeración ou cada época ten os seus heroes, o seu imaxinario, as súas referencias; pero tamén é certo que hai personaxes e historias que son imperecederas e ademais son obra de autores de gran valía, como Hugo PrattHergè ou Charlier and Giraud, só por nomear os que podemos considerar xa clásicos da BD de aventuras.
Quizá na actualidade e no mundo da BD, estes personaxes foron substituídos polos heroes do MANGA ou do ANIME xaponés, que son os que máis atraen e maís se solicitan en calquera biblioteca...

Dito isto, en diferentes entregas, imos falar un pouquiño deles, pois cremos que ás novas xeracións lles poden resultar interesantes e divertidos estes heroes humanos, tan humanos...



 ------------------------------------- * ---------------------------------------