Mostrando entradas con la etiqueta educación documental. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta educación documental. Mostrar todas las entradas

30/4/16

EXPOSICIÓN PAPEL DE MULLER

O alumnado de 1º de Historia, de 2º de Historia e de Cidadanía, de 3º de Física, de 4º de Ética, de Música, foi quen elaborou os traballos sobre o papel das mulleres en diferentes épocas e diversas disciplinas, profesións, artes, ciencias, investigacións, etc. 
Tiveron que elixir unha muller que lles resultara significativa ou interesante, buscar información fiable, contrastala, nomear as fontes informativas, reelaborar e sintetizar esa información a destacar, evitando cortar e pegar, presentalo nun procesador de textos no ordenador, montalo guiándose pola ficha tipo para unificar todas as fichas expostas e envialo por correo-e á dirección indicada.
Foi importante facelo así, pois nos dimos conta de que o bo uso da información e do medio informático non é o debido a estas alturas, e presentan carencias no coñecemento destes procedementos, sendo conscientes deles e aprendendo na práctica as pautas dun bo uso. Estiveron motivadxs e foi gratificante ver ao final que tiñan interese en ver o seu traballo formando parte da exposición, que fixemos posible grazas a elxs. Ademáis de aprender moitas referencias sobre un montón de mulleres que ao longo da historia foron protagonistas, viviron e aportaron cousas de interese e das que descoñecían os seus nomes e feitos.


Desta vez quixemos expoñelos intencionadamente no corredor diante da Biblioteca colgando cada ficha de Papel de Muller con tanza, como se estiveran no aire, a diferentes alturas, para "tropezar con elas" como se dalgún xeito provocaramos telas presentes, rozando as nosas testas, os nosos ollos, poder lelas, saber delas, nomealas, coa idea de reparar o invisibles que as fixeron en cada época, por esta razón agora quixemos visibilizalas dun xeito evidente.
Procuramos expoñelas no lugar que menos molestias puidera causar, e así foi como as localizamos no corredor de entrada á biblioteca esperando que se entenda o seu significado.

 Poderiamos pedir disculpas polas molestias ocasionadas no deambular cotiá por este "bosque de mulleres", pero creo que non debemos, porque é a nosa intención facelo así para reivindicar no posible o "incómodas e incomodadas" que deberon sentirse cada unha delas todas as veces que non as valoraron o debido e as silenciaron...


28/4/16

DOCENCIAS DE DINAMIZACIÓN DA BIBLIOTECA ESCOLAR E DE EDUCACIÓN DOCUMENTAL NO IES VALADARES DE VIGO

Este curso tivemos a satisfacción de ser requeridas, unha vez máis, polo CEFORE de Vigo para impartir varias Docencias de Organización e Dinamización da Biblioteca Escolar, e de Formación de Usuarios da BE e Educación Documental. Desta volta foi no IES Ponteareas e no IES Valadares de Vigo onde compartimos experiencias coas compañeiras e compañeiros dos equipos de Biblioteca. Atopamos receptividade e intercambiamos pareceres sobre o funcionamento e a dinamización das súas Bibliotecas, onde xa levan facendo un traballo ben interesante.


Das docencias que fixemos en Ponteareas xa deixamos constancia nun post anterior, e agora o facemos con Valadares, para agradecerlles a todxs ter confiado en nós e ter aprendido xuntxs. Alí estivemos, os días 24 de febreiro e 19 de abril, Mercedes Yáñez Gil e Paula Fernández Bañuelos.


25/1/14

FORMACIÓN DE USUARIOS DA B.E.

Este curso canalizamos, unha vez maís, a Formación de Usuarios da B.E. na hora de PRINT, en 1º ESO. Acabamos por aceptar dende a práctica, que era máis efectivo facernos cargo directamente desta hora algún dos integrantes do Equipo de B.E. Asi que é a coordinadora da B.E. quen se ocupa de impartir esta hora en cada un dos 3 grupos de 1º. 

Comprobado está que para acadar unha aprendizaxe permanente e unha boa dinamización da biblioteca escolar, é necesaria non só a alfabetización lecto-escritora, senón tamén unha formación de usuarios da B.E. que se complemente coa alfabetización dixital e informacional. Todos estes conceptos que nos poden parecer un pouco confusos, forman parte da educación documental. Grazas a ela pretendemos ser capaces de manexar a información de forma autónoma, buscándoa, seleccionándoa, utilizándoa, transmitíndoa, avaliándoa e creando coñecementos, no día a día do traballo dos xóvenes, dende a biblioteca e xunto aos departamentos didácticos en cada centro escolar. A "Sociedade da Información" na que vivimos demanda este "aprender a aprender" como competencia necesaria para saber manexarse entre a enorme variedade de recursos e medios que temos a man, para poder ser uns usuarios informados e críticos.

O noso plan é traballar as 3 partes en que dividimos os contidos:

-Formación de usuarios- Unidade Didáctica I. (1º trimestre).
-Educación documental. Unidade Didáctica II. (2º trimestre)
-Alfabetización dixital. Unidade Didáctica III: Caderno de Bitácora.(2º/3º trims.).

Para aplicar a un:

Traballo de investigación ou proxecto interdisciplinar que permita desenvolver as habilidades para achegarse á información. (3º trimestre)






Estes procedementos nos permiten acadar o obxectivo principal que é formar como ususario e dar unha educación documental de base que poidan aplicar a calquera tarefa que implique unha busca de información por parte do alumnado. ademais de fomentar a lectura e o uso dos diferentes recursos da B.E., sen esquecer que se establecen as liñas de base para aprender a investigar e saber distinguir o que é fiable e o que non. Trátase de navegar e facelo con bo rumbo, como soemos dicir.

O contacto que se establece coa B.E. a través desta formación, dende o primeiro curso que os alumnos e alumnas chegan ao noso centro, soe ser moi fructífero e sempre nos serviu para facer canteira e atraer a colaboradores da B.E., a novos socios do Club de Lectura, etc.; en definitiva, a un alumnado que demanda e mantén vivo o espazo bibliotecario.

Os materiais que elaboramos e usamos na Formación de usuarios e na Educación documental están colgados no apartado correspondente da columna dereita deste blog. O Caderno de Bitácora (alfabetización dixital e informacional) está colgado na páxina web do IES Pedras Rubias.

Soemos establecer como actividade a elaboración dun "Catálogo de libros imaxinados" feito polos alumnos/as, clasificados onde corresponde segundo a CDU e etiquetados, que queda exposto na B.E.