Mostrando entradas con la etiqueta alfabetización informacional. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta alfabetización informacional. Mostrar todas las entradas

7/5/16

AUDIOVISUAL: "A NOSA HISTORIA EN 2 MINUTOS"


Estamos traballando este documento dende as aulas de Ética de 4º, de Valores Éticos de 3º, de Cidadanía de 2º e ASL de 4º PDC. Como houbo alumnado que pediu telo a man, decidimos colgalo no blog.

O meu obxectivo é servirnos dun documento, neste caso un audiovisual, que relata a "historia do mundo en 2 minutos", para dar unhas pautas básicas de comprensión, análise e comentario que servan para achegarse á información e recoñecer que tipo de documento é, se é unha fonte fiable; que conta? como o conta? quen o conta? para que? por que o conta?; tentar discernir o punto de vista, se é obxectivo ou subxectivo, dende onde se constrúe esta historia en rápidos flashes de imaxes; se estamos ante un traballo científico ou de difusión viral, etc. En definitiva, aprender a ser crítico e reflexivo ante a información e ante a nosa historia, ante o que nos mostra e como o mostra...
A verdade é que o procedemento resultou positivo e atractivo e estamos a sacarlle moito xugo aos comentarios.

30/4/16

EXPOSICIÓN PAPEL DE MULLER

O alumnado de 1º de Historia, de 2º de Historia e de Cidadanía, de 3º de Física, de 4º de Ética, de Música, foi quen elaborou os traballos sobre o papel das mulleres en diferentes épocas e diversas disciplinas, profesións, artes, ciencias, investigacións, etc. 
Tiveron que elixir unha muller que lles resultara significativa ou interesante, buscar información fiable, contrastala, nomear as fontes informativas, reelaborar e sintetizar esa información a destacar, evitando cortar e pegar, presentalo nun procesador de textos no ordenador, montalo guiándose pola ficha tipo para unificar todas as fichas expostas e envialo por correo-e á dirección indicada.
Foi importante facelo así, pois nos dimos conta de que o bo uso da información e do medio informático non é o debido a estas alturas, e presentan carencias no coñecemento destes procedementos, sendo conscientes deles e aprendendo na práctica as pautas dun bo uso. Estiveron motivadxs e foi gratificante ver ao final que tiñan interese en ver o seu traballo formando parte da exposición, que fixemos posible grazas a elxs. Ademáis de aprender moitas referencias sobre un montón de mulleres que ao longo da historia foron protagonistas, viviron e aportaron cousas de interese e das que descoñecían os seus nomes e feitos.


Desta vez quixemos expoñelos intencionadamente no corredor diante da Biblioteca colgando cada ficha de Papel de Muller con tanza, como se estiveran no aire, a diferentes alturas, para "tropezar con elas" como se dalgún xeito provocaramos telas presentes, rozando as nosas testas, os nosos ollos, poder lelas, saber delas, nomealas, coa idea de reparar o invisibles que as fixeron en cada época, por esta razón agora quixemos visibilizalas dun xeito evidente.
Procuramos expoñelas no lugar que menos molestias puidera causar, e así foi como as localizamos no corredor de entrada á biblioteca esperando que se entenda o seu significado.

 Poderiamos pedir disculpas polas molestias ocasionadas no deambular cotiá por este "bosque de mulleres", pero creo que non debemos, porque é a nosa intención facelo así para reivindicar no posible o "incómodas e incomodadas" que deberon sentirse cada unha delas todas as veces que non as valoraron o debido e as silenciaron...


21/4/16

FICHAS DE PAPEL DE MULLER

Xa temos montadas un bo feixe de historias de mulleres significativas. O traballo foi elaborado polo alumnado de varios niveis e varias materias e coordinado dende a Biblioteca: Física de 3º, Ética de 4º, Cidadanía de 2º, Música, Historia de 1º e 2º...
Quedan unhas cantas por entregar, revisar e plastificar, para pasar a colgalas, con tanza, do teito do corredor para "tropezar" con elas no ar.

A través desta actividade puidemos dar a coñecer ao alumnado á importancia do papel das mulleres nas diferentes épocas e realidades, aínda sendo relegadas, secundarias, invisibilizadas... as máis das veces. Pero, sendo importante o contido ao que se achegaron, non deixa de ser tamén moi importante o proceso de alfabetización informacional e dixital practicado; pois serviu para darnos conta de que entre a mocidade hai falta de formación ou de bo uso do tratamento de textos e de imaxes no ordenado, ademais da necesidade de aprender a buscar a información fiable, contrastala, seleccionala, sintetizala e reelaborala con boa expresión e ortografía e, como non, citar as fontes consultadas. 

17/3/16

PAPEL DE MULLER: FICHA TIPO





>> ENVIAR OS TRABALLOS A: 
 bibliopedrasrubias@gmail.com
------------------------------------------------


Explicar que este que vedes sería o modelo a seguir para elaborar cada ficha cos datos da muller elixida por cadaquén. Ocuparía unha cariña ou dúas como moito, constaría o nome xeral da exposición no lateral dereito: PAPEL DE MULLER,  o título de cada ficha: NOME DE CADA MULLER E CRONOLOXÍA, o corpo ou texto co máis salientable da súa vida e obra, e ao final só queda nomear as fontes de información que consultáchedes e poñer os vosos nomes (lembrade que se pode traballar só ou por parellas). 
O importante é atopar a boa información e despois destacar o esencial desa muller, sabendo expresalo correctamente coas vosas propias palabras e corrixindo os erros ortográficos e de expresión en galego.
Como vedes, na parte última especifícase o tipo de letra e tamaño, cores a utilizar, sen esquecer citar as fontes consultadas e facer constar o nome/s do alumnado autor da ficha. Unha vez buscada a información que queirades destacar sobre cada personaxe, resumida no esencial, expresada en galego e revisada a ortografía, tedes que envialo ao correo arriba indicado: bibliopedrasrubias@gmail.com
O prazo de presentación é ata a semana do 11 ao 15 de Abril. Seremos varias profes,  quen nos ocupemos de maquetar ou revisar o resultado final.

Lembrade que xa están colgados neste blog algúns post con información de páxinas fiables que podedes consultar e que vos servirán como orientación para contrastar coas páxinas que atopedes pola vosa conta. 

Tamén tedes no corredor, na entrada da Biblioteca Calixtina, a EXPOSICIÓN DE LIBROS RELACIONADOS: "PAPEL DE MULLER", coas diversas actividades ou traballos feitos por mulleres ao longo da historia e en diversos campos, que forman parte do fondo da nosa biblioteca e que están a vosa disposición para consultar.

Agradecemos a colaboración de todxs vós!!








9/3/16

PAPEL DE MULLER: Albumes de Mulleres.

Iremos deixando material diverso para que poidades consultar á hora de buscar información, para realizar as vosas fichas de mulleres que foron significativas en diferentes actividades e oficios; como unha maneira de dalas a coñecer, ademais de contribuír co voso traballo a elaborar o material para a exposición PAPEL DE MULLER, que deixaremos para Abril, dado que este trimestre non deu para máis.

Queremos ilustrar este post con esta magnífica imaxe dunha muller fotógrafa recoñecida: Dorothea Lange, que remove o noso pensamento, está no imaxinario colectivo de todxs e que forma parte da nosa historia occidental; esa nai migrante como tema no contexto da Gran Depresión en EEUU nos anos 30, pero que conecta coa realidade da nosa Gran Crise actual, mostrando problemáticas semellantes de paro, pobreza, etc.

Foto de Dorothea Lange. Nai migrante, Gran depresión anos 30 en EEUU.

-Album de Mulleres. culturagalega.org:

-100 Mulleres galegas.(autora: Reme Budiño, mestra):

-Cervantesvirtual.com. Escritoras españolas:

-Directoras de cine españolas:

-Web para visibilizar as fotógrafas de todo o mundo:

-Documentais sobre mulleres galegas:


Mulleres votando en Vigo o 19 de novembro de 1933. (Hoxe Museo MARCO)
Gañado o dereito a voto feminino na época da II República, Constitución de 1931.

19/9/15

LEMA DA BIBLIOTECA ESCOLAR: IMAXINA QUE...

"Imaxina que..."
Este curso decidimos que podería ser un bo lema facer xirar as nosas actividades ao redor desta idea, de imaxinar como poderían ser as cousas, o noso mundo, a nosa realidade, as nosas iniciativas, e, como non, os nosos soños... En definitiva, imaxinar a mellor das vidas, imaxinar para descubrir cousas novas, para experimentar; pero sabendo que para iso, tamén para imaxinar, é necesario aprender, saber, indagar, curiosear, investigar, cuestionar, buscar... para encontrar e para que o noso maxín sexa movido e o vexamos bulir, rebulir, burbullar... por mil e unha ideas e coñecementos, como base da aprendizaxe e da creatividade de cadaquén.



                                 Arte no Barrio Oeste de Salamanca. Foto de Paula F.B.

A conexión tamén está servida co lema que se vai traballar dende a Asesoría de Bibliotecas Escolares este ano: 

"Biblioteca escolar, Base de exploracións"


Partindo destas ideas pretendemos acadar as destrezas e as competencias clave para mellorar a lecto-escritura, a capacidade de comprensión da información que manexamos, o diálogo, o debate, ampliar a nosa cultura, entender a sociedade na que vivimos e implicármonos coas diferentes realidades que nos rodean, darlle ao proceso educativo e á escola o valor de servirnos para formarnos como persoas que vivimos nunha colectividade, onde poidamos, dun xeito ou doutro, contribuír a mellorala e facela máis xusta e libre. 

-Tendes estes enlaces a varios documentos: a unha noticia de prensa sobre a desigualdade en Europa e o aumento da pobreza, que quizá sexa do voso interese para comezar a achegarvos á información e ás problemáticas que nos rodean:

-Este outro enlace sobre unha app para reivindicar a importancia histórica das mulleres:

-Este enlace fala do que pasa nos países de onde saen persoas que chegan a Europa escapando de situacións de conflito:

-Compartes a opinión de José Mujica? Sabes quen é este personaxe? Quizá che interese buscar información sobre el e contrastala.



24/3/15

FALADOIRO DE ACTUALIDADE. Sexo e xénero. A situación da muller no mundo actual.

Os días 18 e 19 de marzo, inauguramos unha nova actividade -o Faladoiro de Actualidade- pensada en orixe para dinamizar a Sala de Prensa, pero que superou a idea inicial porque ao final foi na sala da Biblioteca onde realizamos esta exitosa primeira "saída á palestra" do alumnado de 3º e 4º. 

Dende Dinamización de Biblioteca, e coa inestimable colaboración do Dpt. de CCSS, pensouse a mellor maneira de organizar un ciclo de debates 
mensuais, repartidos en varios recreos ao longo dunha semana, onde o protagonismo absoluto o tivera o alumnado, para falar e analizar temas de actualidade que fosen do seu interese. Para tal fin, procedeuse a repartir información a cada alumno/a de 3º e 4º, explicando en que consistía a actividade, que sería voluntaria, aínda que se valoraría a participación nela para as materias de historia, xeografía e ética; ademais serían eles quen elixirían os temas a tratar, dunha lista orientativa que lle proporcionamos e na que tiñan que engadir os que considerasen do seu gusto. Un bo número de alumnxs mostrouse atraído dende o principio -contamos coa participación de 62 persoas- elaboramos o listado de temas e empezamos polo máis votado por elxs: "Sexo e xénero. A situación da muller no mundo actual". 


Decidimos organizalo repartindo primeiro un dossier con documentos relacionados co tema a tratar,  escollendo a 4 alumnxs de 4ºESO para preparalo a fondo e presentalo ante o resto dos compañeirxs. Un deles guiaría a presentación xeral, outra compañeira faría de moderadora, pero tamén puntualizaría cada punto destacado dándolle pé a intervir ao compañeiro e á compañeira que asumirían os roles enfrontados -pro e contra- como procedemento que axudaría a dinamizar o debate e a saber atopar os argumentos requeridos; namentres que o público podería intervir sempre que o considerase, procurando respectar sempre o turno de palabra, sabendo falar e escoitar.


A pesar de que se retrasou por mor das avaliacións, dos resfriados e de encontrar o mellor momento, por fin nos lanzamos a esta nova aventura para aprender a debater e a coñecer e analizar a apaixonante e complexa realidade que nos rodea. Na primeira sesión os nervios estiveron a flor de pel, pero na segunda parte xa estaban todxs afeitos a esta dinámica que nos descubriu dotes de comunicadores, de polemistas, de reflexións e argumentos ben acaídos, e do logro dun ambiente propicio para a dialéctica. 






Noraboa e grazas a todxs pola vosa actitude 
e pola vosa participación!!





1/2/15

PRINT: "EN PÉ DE IGUALDADE". ACTIVIDADES REALIZADAS.

"EN PÉ DE IGUALDADE" é o lema que guía as actividades e labouras de aprendizaxe que este curso levamos facendo dende a Biblioteca Calixtina na hora do PRINT, nos 3 grupos de 1º ESO, coa Formación de Usuarios e a Educación Documental e Dixital.


Comezamos cun achegamento á nosa Biblioteca, á súa organización, a aprender a moverse por ela e a ter información de todas as actividades que nela podemos facer todxs participando abertamente. Sempre hai alumnado de 1º ESO que se brinda para colaborar voluntario nos recreos e quen tamén nutre as filas do Club de Lectura.

Sensibilizamos ante aspectos e circunstancias que consideramos de base para formar parte da nosa sociedade, coas súas complexidades, e para aprender a entender a realidade; pero sobre todo, o noso obxectivo é basear as actividades ou investigacións que fagamos na consecución da igualdade e o respecto entre homes e mulleres, entre grupos sociais, entre diversas culturas, na busca dunha convivencia positiva en liberdade.

No 1º Trimestre, cada grupo participou en 2 actividades:

1-Elaboración de ESLOGÁNS de creación propia que escribimos sobre pés de cores para poñer dende a entrada do instituto, todo seguido pola parede do corredor, ata a porta da Biblioteca, animando a usala e á lectura... Estas pegadas tan animosas acaban diante dun "MURO cun GRAFFITI para descubrir unha BIBLIOTECA que: le, ecoita, fala, comprende, coopera, abre, oferta recursos, colabora, escribe, visita, acolle, cuestiona, indaga, curiosea, debate, iguala, respecta...; sendo este un bo xeito de transmitirlles e analizar con eles os obxectivos e a identidade da nosa BE. Agradecemos a Nacho, profe de plástica a súa colaboración e creatividade para materializar os nosos desexos e visións.




2-Tamén traballamos en cada grupo, na creación dun lema ou motivo no que basearnos en contra dos malostratos e da violencia, e comezamos a idear unha posta en escena -coas cores significativas violeta e laranxa, trastocando roles, defendendo a igualdade e o respecto para acadar a liberdade persoal- para facer unha foto de grupo sensibilizándonos e defendendo o BO TRATO, pensando en positivo, para participar despois no mural onde serán expostas todas as fotos, as de cada grupo do Centro. Están feitas xa e procederemos a amplialas para poder expoñelas neste mes.







25/1/14

FORMACIÓN DE USUARIOS DA B.E.

Este curso canalizamos, unha vez maís, a Formación de Usuarios da B.E. na hora de PRINT, en 1º ESO. Acabamos por aceptar dende a práctica, que era máis efectivo facernos cargo directamente desta hora algún dos integrantes do Equipo de B.E. Asi que é a coordinadora da B.E. quen se ocupa de impartir esta hora en cada un dos 3 grupos de 1º. 

Comprobado está que para acadar unha aprendizaxe permanente e unha boa dinamización da biblioteca escolar, é necesaria non só a alfabetización lecto-escritora, senón tamén unha formación de usuarios da B.E. que se complemente coa alfabetización dixital e informacional. Todos estes conceptos que nos poden parecer un pouco confusos, forman parte da educación documental. Grazas a ela pretendemos ser capaces de manexar a información de forma autónoma, buscándoa, seleccionándoa, utilizándoa, transmitíndoa, avaliándoa e creando coñecementos, no día a día do traballo dos xóvenes, dende a biblioteca e xunto aos departamentos didácticos en cada centro escolar. A "Sociedade da Información" na que vivimos demanda este "aprender a aprender" como competencia necesaria para saber manexarse entre a enorme variedade de recursos e medios que temos a man, para poder ser uns usuarios informados e críticos.

O noso plan é traballar as 3 partes en que dividimos os contidos:

-Formación de usuarios- Unidade Didáctica I. (1º trimestre).
-Educación documental. Unidade Didáctica II. (2º trimestre)
-Alfabetización dixital. Unidade Didáctica III: Caderno de Bitácora.(2º/3º trims.).

Para aplicar a un:

Traballo de investigación ou proxecto interdisciplinar que permita desenvolver as habilidades para achegarse á información. (3º trimestre)






Estes procedementos nos permiten acadar o obxectivo principal que é formar como ususario e dar unha educación documental de base que poidan aplicar a calquera tarefa que implique unha busca de información por parte do alumnado. ademais de fomentar a lectura e o uso dos diferentes recursos da B.E., sen esquecer que se establecen as liñas de base para aprender a investigar e saber distinguir o que é fiable e o que non. Trátase de navegar e facelo con bo rumbo, como soemos dicir.

O contacto que se establece coa B.E. a través desta formación, dende o primeiro curso que os alumnos e alumnas chegan ao noso centro, soe ser moi fructífero e sempre nos serviu para facer canteira e atraer a colaboradores da B.E., a novos socios do Club de Lectura, etc.; en definitiva, a un alumnado que demanda e mantén vivo o espazo bibliotecario.

Os materiais que elaboramos e usamos na Formación de usuarios e na Educación documental están colgados no apartado correspondente da columna dereita deste blog. O Caderno de Bitácora (alfabetización dixital e informacional) está colgado na páxina web do IES Pedras Rubias.

Soemos establecer como actividade a elaboración dun "Catálogo de libros imaxinados" feito polos alumnos/as, clasificados onde corresponde segundo a CDU e etiquetados, que queda exposto na B.E.