22/3/24

FIN DE AVALIACIÓN CON ANTÍA YAÑEZ

Para rematar esta avaliación tivemos o pracer de recibir no centro a Antía Yáñez, autora de dous dos libros que leu a rapazada de 1º ESO: 

O misterio de Portomarín e O misterio do Torque de Burela. 

Contounos sousiñas moi interesantes de Portomarín e Burela, dos personaxes e do seu labor literario. Grazas pola visita e pasade pola biblio a ler os libriños se aínda non o fixestes, viviredes moitas aventuras.







13/3/24

TAMÉN LEN DE MARZO CON SANTI VELOSO

 Este martes 12 de marzo tivemos a nosa sesión de Tamén Len coa presenza de Santi Veloso, presidente da asociación Ponte nas ondas, da cal é membro activo o noso IES. Foi un pracer escoitarlle ler un dos relatos de Made in Galiza de Sechu Sende que axudou á rapazada a reflexionar sobre a nosa lingua. Leunos tamén outro fragmento de Dentro da literatura de Suso de Toro e falounos sobre a importancia de mantermos o patrimonio oral inmaterial que une ambas marxes do río Miño. Moitas grazas pola súa colaboración. 





1/3/24

TAMÉN LEN DE FEBREIRO

 Onte celebramos unha nova edición do noso encontro literario Tamén Len e neste caso recibimos a Arancha, dona da Librería Sernel de Salceda e antiga alumna do IES. Leunos un fragmento de Golpes de Luz, unha das últimas obras de Ledicia Costas. Foi unha lectura moi amena e coñecemos tamén facetas da vida como libreira da nosa convidada. Moitas grazas por acompañarnos e que sigamos tendo todas e todos lecturas produtivas.