O 7 de febreiro de 2007 visitábanos Eduardo Diz Sestelo, músico profesional e
ex-alumno do colexio Altamira, convidado polo departamento de Lingua castelá, a
ler durante un recreo a aqueles alumnos/as, que de xeito voluntario, se
animasen a asistir a súa lectura. O éxito foi tal que decidiuse invitar ao mes
seguinte a outro ex-alumno, nese mes de marzo, a Darío Hermida. Logo viu Marcos
Besada, daquela candidato á alcaldía do Concello. E así mes a mes, e ano a ano
foi crecendo esta actividade na que convidábamos a xente do noso entorno a que
viñeran a ler durante o tempo de recreo. A lectura sempre é seleccionada polos
nosos invitados, sen ningún tipo de limitacións. Os minutos finais de cada
sesión sempre son dedicados a conversar cos nosos invitados/as: das súas vidas,
dos seus traballos, da súa época de estudantes...
Ao longo destes anos a lista de invitadas e invitados foi ven heteroxénea, como podedes comprobar no tríptico que deseñamos para conmemorar os dez anos de existencia desta actividade. Políticos, enxeñeiros, artistas, potas, músicos, profesores, policías, camareiros, deportistas, farmacéuticas, administrativos, sacerdotes, actores, libreiras... pais e nais de alumnos/as, ex-alumnos/as, cativos das escolas do concello, alumnos/as franceses de intercambio no noso insituto... Citaremos, por destacar un, a David Amor, actor dunha serie da cadea televisiva Cuatro, que en xaneiro de 2016 conseguiu que practicamente todo o instituto asistise a súa sesión de lectura. Foi tal o éxito que ata tivemos que trasladarnos ao pavillón do instituto para dar acollida a todos eles.
Calculamos que ao longo destes dez anos máis de 3.000 alumnos/as asistiron a
estas sesións de lecturas nas que setenta e sete invitados, até agora, pasaron
polo noso centro educativo. Sen dúbida unha actividade de éxito absoluto no
fomento da lectura organizada pola biblioteca do IES Pedras Rubias. E que
esperemos siga co mesmo éxito moitos anos máis.
Neste mes de febreiro de 2017 cumprimos dez anos polo que decidimos facer unha
celebración especial, convidando a varios invitados/as que xa pasaran pola nosa
Calixtina con anterioridade a participar con nós desta actividade.
De mestre de cerimonias exerceu o primeiro bibliotecario da Calixtina, José Luis, mestre xa xubilado que non dubidou en aceptar a invitación. Comezou lembrando os inicios desta actividade ante un salón de actos repleto de alumnado, que unha vez máis de xeito voluntario non dubidou en dedicar o seu tempo de recreo a gozar da lectura dos nosos invitados/as. Fixo un recordatorio para todos aquelas persoas que ao longo destes anos nos visitaron. Finalmente desexou longa vida para o noso “tamén len”.
Un tema musical ("Como te atreves" de Morat) interpretado por alumnado do noso instituto deu paso aos distintos invitados/as que ían sendo presentados por distintos rapaces, lembrando a data na que nos visitaran por primeira vez e a lectura que daquela seleccionaran.
Comezou Teresa Pérez, concelleira de Educación do concello, que escolleu un
relato de Marilar Aleixandre titulado “Monólogo da vaca caníbal” pertencente a
unha antoloxía de relatos de varios autores que leva por título Contos de
máscaras, rúas, perdicións e caníbales. Impresións dunha vaca que nos
mostrou un punto de vista orixinal.
Despois foi a quenda de Sara Hermida, enxeñeira, que leu un texto de total actualidade sobre o acoso escolar; seleccionou uns texto da bloguera Jenna Mosley. “Nunca te rendas, esa non é unha opción para ti”: mensaxe directo as conciencias do noso alumnado.
A terceira lectora invitada foi Rosa González, compoñente do grupo “Donicelas” que leu uns fragmentos de A vida que nos mata de Xabier López López. Novela de trama policial que creou certa tensión no ambiente.
Por razóns persoais o acto viuse un pouca alterado xa que dous dos nosos convidados non puideron asistir finalmente polo que tivemos que improvisar un cuarto lector. E aí tiñamos a Helier, profesor en prácticas de Educación Física no noso instituto, e que xa participara o curso pasado no “Tamén Len”, que non dubidou en participar no acto lendo un fragmento de Amor é unha palabra coma outra calquera de Francisco Castro, recentemente nomeado novo director da editorial Galaxia. Lectura amorosa para un acto tan cheo de boas vibracións.
A despedida do acto foi de categoría: o noso querido bibliotecario José Luis deleitounos cun fragmento de “Maese Pedro” de Miguel de Cervantes, pertencente ao capítulo XXVI da segunga parte de Don Quijote de la Mancha, que nos foi contando de memoria ante o asombro do noso alumado, pouco acostumado a vivir semellante experiencia.
A música do noso alumando puxo puxo punto final a unha nova sesión do Tamén Len, cunha versión de “Mi gran noche” de Raphael, correspondente ao 15 de febreiro de 2017, dez anos despois daquela sesión inaugural.