29/11/11

Tamén len con... Martín Acuña

O luns 21 acompañounos, na nosa sesión mensual do Tamén len, Martín Acuña Vaqueiro, coordinador das Escolas Deportivas de Salceda.

Martín leunos un fragmento do libro "Once minutos" de Paulo Coelho, onde a protagonista lembra un episodio do seu pasado, o da descuberta do amor e a entrada na adolescencia.
"María entonces empezó a creer que el mundo era demasiado grande, el amor algo muy peligroso, y la Virgen una santa que vivía en un cielo distante y que no escuchaba lo que los niños pedían".
Posteriormente, e despois de responder ás vosas preguntas, concedeulle unha entrevista a tres dos nosos MQs que reproducimos a continuación. 

MQs: Cal é o teu libro favorito?
Martín: Teño varios, "Resistencia atómica" de Vladimirov é un deles.

MQs: Por que elixiches ese libro? Que te chama a atención do autor?
Martín: Porque me gusta moito o autor. Paréceme unha persoa moi directa, tanto cando se dirixe a nenos como a adultos.

MQs: En que consiste o teu traballo?
Martín: En coordinar as actividades deportivas no concello.

MQs: Cantos anos levas neste traballo?
Martín: Trece anos.

MQs: Gústache?
Martín: Moito.

MQs: Cal é o deporte que máis che gusta?
Martín: O balonmán.

MQs: Canto tempo lle adicas o teu traballo?
Martín: Sobre oito horas, un pouco máis.

MQs: Canto tempo se lle adica ao deporte na túa escola deportiva?
Martín: Dous días de adestramento e un de partido.

MQs: Cal é o deporte de máis éxito?
Martín: O fútbol (65% do alumnado).

MQs: Cal é a túa relación co alumnado do noso IES?
Martín: A moitos os coñezo por ser veciños e a outros polas Escolas Deportivas.

MQs: Como definiría o nivel das nosas Escolas Deportivas?
Martín: Alto.

MQs: Para rematar, en que idioma les máis: galego ou castelá?
Martín: En galego.

MQs: Moitas grazas.

Karen Engster, Sofía Carracedo e Iria Alonso 3ºA

27/11/11

O noso alumnado con "Pelos na lingua"



Ao igual co curso pasado, o Departamento de Normalización Lingüística do noso centro, acordou traer ao Auditorio Municipal de Salceda de Caselas, en sesión matinal para o noso alumnado, unha representación teatral da compañía Talía Teatro

Dirixida por Avelino González e interpretada polos actores Artur Trillo, Toño Casais e María Ordóñez, a obra deste ano titulada "Pelos na lingua" consistía nunha serie de sketchs que falaban dos usos e abusos da lingua galega. 

O xoves 24 foi, por tanto, unha mañá diferente, na que abandonamos por un par de horas as aulas para mergullarnos nesa outra aprendizaxe cultural necesaria que ademais conseguiu arrincarnos máis dunha gargallada. 

23/11/11

La vuelta al mundo de un forro polar rojo

Título: "La vuelta al mundo de un forro polar rojo".
Subtítulo: Pequeña historia de la gran globalización.
Autor: Wolfgang Korn.
Ilustracións: Birgit Jansen.
Editorial: Siruela.
Lugar de Publicación: Madrid.
Colección: Las tres edades.
Ano de publicación: 2008 Berlín.
Publicado en España: 2010.
Premios: Premio ao mellor libro xuvenil de divulgación científica en Alemaña.

Sobre o autor: Wolfgang Korn naceu el Lünen, Alemaña, en 1958, estudou Historia, Ciencias Públicas e Periodismo. Vive en Hannover e colabora como periodista para revistas e xornais como GEO e DIE ZEIT.

A medio camiño entre a experiencia persoal, o traballo de campo, o periodismo de investigación, a divulgación e a testemuña crítica, está este xogo hipotético -que ben podería ser real- que o autor artella para levarnos a unha viaxe polos trastocados miolos do comercio internacional, a producción e as condicións laborais: dende o petróleo de Arabia, pasando pola industria téxtil do Sur de Asia, a conexión con Alemaña, ata chegar ás costas de África e finalmente ás Illas Canarias a bordo dun cayuco. Será no último capítulo onde o autor nos convoque para preguntarnos: cómo podemos cambiar entre todos o final deste relato.

O alumnado de 3º ESO do PDC está a lelo actualmente e logo o fará o de Obradoiro de Iniciativas Emprendedoras. Gustaríanos que compartísedes con nós as vosas impresións.

18/11/11

Vas ir ver "Amanecer"?

Ficha técnica
Director: Bill Cordon
Productor: Wyck Godfrey.
Guionista: Melissa Rosenberg.
Autora: Stephenie Meyer.
Director artístico: Lorin Flemming.
Director de fotografía: Guillermo Navarro.
Vestiario: Michael Wilkinson.
Distribuidora en España: Aurum Producciones.


Reparto protagonista:
Edwar Cullen: Robert Patinson.
Bella Swan: Kristen Stewart.
Jacob Black: Taylor Lautner.

Hoxe chega aos cinemas a primeira parte de "Amanecer" o derradeiro libro da saga Crepúsculo. Tedes pensado ir a vela? Se é así, esperamos que nos deixedes aquí a vosa opinión.

15/11/11

INCIPIT LIBER



Cando soubemos do roubo do Codice Calixtinus, todas as compoñentes deste equipo de biblioteca sentimos un arrepío, pola desaparición de ben tan preciado e polo que estaría sentindo o noso benquerido excompañeiro, pero sempre amigo, José Luís. Tan pronto como comezou o curso, Paula pediulle que nos redactase unha entrada para o blog sobre tan pesaroso suceso e José Lúis foi máis aló, escribiuna para nós e para enviar aos xornais. Aquí vola deixo.

Señor director, situémonos no tempo coa axuda do mestre Machado: “Mediaba el mes de Julio. Era un hermoso día” tamén mediaba Xullo máis o día resultou dos aciagos de verdade. Uns “mangutas” por non empregar termos de groso calibre, aliviaron o oito veces centenario “arquivo do trasno” catedralicio de Santiago da súa xoia máis preciada, o Codex Calixtinus ou Liber Sancti Iacobi, coa Historia Turpini e tantas outras historias e marcas de grandeza que por amor da brevidade serían: primeira guía turística-espiritual de Europa. Relatorio dos milagres do Señor Santiago Zebedeo. O primeiro texto musical polifónico (tres voces) de Occidente.

Facemos una derivada. Todo o mundo coñece, ten oído falar ou visitou a Capela Sixtina (Roma-Vaticano) cos frescos de Miguel Anxo restaurados con primor. Medio mundo coñece, ten oído falar ou visitou a Biblioteca Alexandrina (Exipto) recreada na modernidade cunha soberbia obra arquitectónica. Quén coñece, ten oído falar ou visitou a Biblioteca Calixtina do IES Pedras Rubias de Salceda de Caselas, blog biblosvivos.blogspot.com. Pois deberían. Foi nese novísimo instituto un 24 de Outubro de 2008 cando en sesión académico-festiva bautizamos a bilblioteca escolar co onomástico Calixtina en honra do Códice e, digámolo baixo, pola proximidade fonética de Celestina, a mala malísima heroína do Renacemento español. Por iso na comunidade escolar sentimos desgarro e oprobio, e a súa pantasma “Cali” nin lles conto; a pobre fai o que pode. Nas noites de novilunio, cando non se mira unha elefanta asiática embarazada de xemelgos a tres pasos, ela fai rondas e catas e pescudas en paralelo coa policía especialista en roubos de obras de arte. Pero non da feito, que non é máis que unha pantasma bebé. Así están as cousas. A desaparición se agranda e se agrava. Estamos “confiantes”, como din os portugueses, que o Códice volverá a alumear o Camiño. Tempo ó tempo ou como se lé no Quixote “Amencerá Deus e medraremos”.

O Bibliotecario emérito. 

12/11/11

Un mundo feliz


Hai tempo vos comentabamos que as novelas xuvenís basadas en distopías estábanse a poñer de moda. Exemplos claros serían "Juntos" de Ally Condie ou "Delirium" de Lauren Oliver. Sen embargo se lles preguntamos ao noso alumnado polos grandes clásicos deste tema como son "1984" de George Orwell, "Farenheit 451" de Ray Bradbury ou "Un mundo feliz" de Aldous Huxley, nen sequera lles sona o título.

Estes días volvinme mergullar na lectura deste último (a outra vez remóntase aos meus tempos de instituto) e volvinme sentir atrapada nesta sociedade futura onde a predeterminación xenética e o condicionamento serán  as   bases que sitúen a cada individuo nun lugar determinado da escala social no que se sentirá satisfeito. Nesta sociedade a enfermidade e a vellez non existen, todo vínculo emocional/sentimental (familia, amistade, amor) está abolido ou mal visto,  e as posibles insatisfacións cálmanse con drogas de deseño aínda que sempre hai alguén que se rebela...

A pesares de editarse por primeira vez en 1932 segue a ser unha novela actual e valiosa polo que vola aconsellamos, desde a biblioteca e, especialmente, desde o Departamento de Ciencias da Natureza que a inclúe na súa lista de lecturas recomendadas.

9/11/11

"El autobús de Rosa": A historia de Rosa Parks en álbum ilustrado.

Unha vez máis, Bárbara Fiore Editora volve a deleitarnos cun álbum ilustrado que nos deixa sen palabras. 

O libro narra un episodio histórico determinante na loita polos Dereitos Civís en EEUU, a negativa de  Rosa Parks (1913-2005), famosa activista negra, o 1 de decembro de 1955 nun autobús de liña en  Montgomery, a ceder o seu asento a un home branco. Rosa foi detida pola policía e encarcerada. Un tempo despois a segregación racial nos autobuses foi declarado un acto inconstitucional.
Se o breve texto de Fabrizio Silei logra introducirnos con éxito neste episodio histórico, as ilustracións de Maurizio A. C. Quarello conmóvenos por completo.

Un libro imprescindible para falar da loita polas liberdades e os dereitos civís.


Como anécdota dicirvos que o autobús de Rosa consérvase no Museo Henry Ford en Michigan.

7/11/11

Mourir auprès de toi: unha curta animada ben literaria


Se me din que acaban de facer unha curta animada que ten como escenario a librería Shakespeare and Company de París xa me entrarían unhas ganas enorme de vela, se ademáis a dirixe Spike Jonce ("Cómo ser John Malkovich", "El ladrón de orquídeas", "Donde viven los monstruos" ou "I'm Here") ou meu interese medra, e se para rematar é unha fermosa historia de amor entre o esquelete de "Macbeth" e a protagonista de "Drácula" non podo deixar de compartilo con tod@s vós.

Isto é o que me vén de acontecer grazas ao blog Papeles Perdidos, do que obtiven a información. Aquí vos deixo a curta (vía Nowness) desexando que vos guste tanto como a mín!


Spike Jonze: Mourir Auprès de Toi on Nowness.com.

4/11/11

Club de lectura de profes: "O anel de Palova"

Viñamos rumiando a creación dun club de lectura para profes desde hai tempo, concretamente despois da lectura en cadea e o fructífero intercambio de opinións ao que nos levou "Nada" o curso pasado. De feito, penso que vén existindo xa pero dun xeito caótico e pouco ortodoxo :). Así que este curso puxémonos serias e decidimos fundar o club de lectura "O anel de Palova".

O nome ten múltiples significados; anel en sentido figurado polo que ten de círculo, de unión e nexo e tamén en sentido literal... e Palova na honra a unha compañeira (non é rusa aínda que poda parecelo) que se trasladou este curso e coa que pensamos seguir mantendo contacto, a lo menos mediante este club.

Como primeiros títulos seleccionamos "Mexillóns para cear" de Birgit Vanderbeke na Editorial Rinoceronte e "Circe ou o pracer do azul" de Begoña Caamaño e editado en Galaxia, ambos recomendacións feitas no Papel de MULLER de Papel por Gemma Lienas e Begoña Caamaño, respectivamente.

1/11/11

Polo Samaín: "Sesións Terroríficas de Lectura"



O meu amigo Cali, pantasma do IES Pedras Rubias, venme de convidar a unhas Sesións Terroríficas de Lecturas que sei que están a organizar os MQs. A cita é nos recreos do mes de novembro no soto do instituto e seica van contar relatos de terror e misterio en pequenos grupos. Imprescindible invitación. Eu xa teño a miña, e vós?

Conseguirán meterme medo a mín ou, pola contra, serei eu quen os asuste, HAHAHAHAHAHAHAH (léase riso sinistro).