Para por o ramo á semana de Sobredo
(o 27 foi a homenaxe máis institucional, o 28 o aniversario, o 30 o acto dos
institutos) veu o 2 de decembro a profesora e escritora Marga Romero, como
presidenta do Instituto de estudos
agrarios Mártires de Sobredo, a facernos entrega dunha placa que nos
recoñece como centro colaborador (no coñecemento dos feitos, no mantemento da
memoria, na transmisión e no estudo, entendemos). Houbo un acto na biblioteca.
Tres alumnas de 4º, Cristina, Laura e Estela, leron textos: a crónica do diario
Galicia do 29 de novembro de 1922; os
“zarpazos” de Basilio Álvarez no xornal La
Zarpa daquel 30 de novembro; o manifesto da revista Luzes do mes de novembro de
2016, que dignifica hoxe a loita antiforal e agrarista, reivindicando o seu
coñecemento, e alerta dos novos foros de Galicia. Marga Romero dirixiunos unhas
palabras resaltando a importancia da participación dos alumnos do IES PEDRAS
RUBIAS e doutros institutos nas homenaxes anuais, así como o coñecemento
histórico, no sentido expresado no manifesto devandito. Procedeu logo á entrega
da placa á nosa directora, quen finalizou o acto manifestando o agradecemento
do IES por ese recoñecemento e aludindo
á continuidade ininterrompida da nosa presenza anual en Sobredo e ao labor dos
profesores no mantemento dese interés.
5/12/16
24/11/16
Tamén len... con María López
O martes 22 de novembro
visitounos a nutricionista María López. Explicounos que inicialmente pensara
nunha lectura relacionada coa alimentación, pero que facía unhas semanas
asistira en Ponteareas a unha charla sobre Memoria histórica e Represaliados o
que motivou que a súa lectura de onte pegara un xiro. Dende logo que nos trouxo
un menú dramático e intenso en emocións...
Comezou aludindo ao
profesor Xesús Alonso Montero quen lle deu a coñecer a carta de Guy Môquet, un
rapaz francés asasinado o 22 de outubro de 1941 por comunista, e que escribiu
unha emotiva carta de despedida aos seus pais. En Francia comezan todos os cursos
coa lectura desta carta. María leunos uns fragmentos da mesma traducidos ao
galego polo mesmo Alonso Montero.
A continuación, extraída do libro de Alonso Montero "Cartas de
republicanos galegos condenados a morte", leunos a carta de despedida
que Xosé Domínguez, natural de Leirado, en Salvaterra, escribiulle a súa moza
Angelina pouco antes de ser asasinado polas súas ideas o 24 de febreiro de
1937.
Despois da lectura destas cartas tan dramáticas iniciamos unha tertulia
arredor dos hábitos alimenticios do alumnado, dándonos María unha serie de
consellos para mellorar a nosa alimentación. Non
todo vai ser literatura!
Podedes escoitar a lectura no seguinte enlace: AUDIO
Suscribirse a:
Entradas (Atom)