Coñecín este libro mentres me mergullaba pola blogosfera e pronto me chamou a atención a polémica que o rodeaba: a súa prohibición en certas zonas de Dinamarca e Noruega, a resistencia dalgunhas librerías francesas a vendelo, a reticencia a editalo despois de encargalo e, como non, a inquietante frase da súa portada
NADA IMPORTA, HACE MUCHO QUE LO SÉ ASÍ QUE NO MERECE LA PENA HACER NADA, ESO ACABO DE COMPRENDERLO.
Así comeza a historia dunha clase de séptimo na que un bo día Pierre Antón solta esta sentencia e deixa aos seus compañeiros devanando os miolos para atopar a maneira de demostrarlle que está equivocado.
Para iso idean facer unha ofrenda de cousas que teñan significado, que importen. Ao principio o significado será material para pouco a pouco ir incorporando significantes máis abstractos como a familia, a relixión, a patria ou o sexo.
Pero a dor de desprenderse de algo que dá sentido as súas vidas lles leva a unha vertixe da que xa non haberá retorno.
O absolutismo das maiorías e os extremos aos que poden chegar para non escoitar as verdades que lles escocen ou ás que temen; a forma na que se dilúen as responsabilidades e o sentimento de culpa nos grupos e o baleiro de valores na sociedade actual son lecturas de fondo inevitables.
Merqueino e lino. Por momentos tiven que parar a tomar folgos, a relaxarme da dureza e a crueldade que desprendían a pandilla de adolescentes protagonistas. Remateino e sentín a imperiosa necesidade de compartilo con alguén, de poder falar del con outra persoa, de soltar lastre. Leveino ao instituto e llo pasei a Susana, de Susana pasou a Elisa e logo Paula e agora Raúl... Queres ser o próxim@?