24/11/16

Tamén len... con María López


O martes 22 de novembro visitounos a nutricionista María López. Explicounos que inicialmente pensara nunha lectura relacionada coa alimentación, pero que facía unhas semanas asistira en Ponteareas a unha charla sobre Memoria histórica e Represaliados o que motivou que a súa lectura de onte pegara un xiro. Dende logo que nos trouxo un menú dramático e intenso en emocións...


Comezou aludindo ao profesor Xesús Alonso Montero quen lle deu a coñecer a carta de Guy Môquet, un rapaz francés asasinado o 22 de outubro de 1941 por comunista, e que escribiu unha emotiva carta de despedida aos seus pais. En Francia comezan todos os cursos coa lectura desta carta. María leunos uns fragmentos da mesma traducidos ao galego polo mesmo Alonso Montero.


A continuación, extraída do libro de Alonso Montero "Cartas de republicanos galegos condenados a morte", leunos a carta de despedida que Xosé Domínguez, natural de Leirado, en Salvaterra, escribiulle a súa moza Angelina pouco antes de ser asasinado polas súas ideas o 24 de febreiro de 1937.
 
Despois da lectura destas cartas tan dramáticas iniciamos unha tertulia arredor dos hábitos alimenticios do alumnado, dándonos María unha serie de consellos para mellorar a nosa alimentación. Non todo vai ser literatura!



Podedes escoitar a lectura no seguinte enlace:  AUDIO

7/11/16

Contos de medo... por Quico Cadaval

O venres 4 de novembro visitounos o polifacético Quico Cadaval para contarnos historias de terror, de medo... coincidindo coa celebración do "magosto terrorífico" que por mor da chuvia tivemos que adiar. Pero ben agochados da chuvia, no noso acolledor salón de actos, disfrutamos das súas narracións. Unha pena non ternos desprazado até o muíño de Pantel, onde vestidos de pantasmas e outros seres sobrenaturais tiñamos pensado acompañar a Quico, axudando a ambientación das súas historias.

Pese a todo a contada de Quico non defraudou. Primeiro reflexionou sobre a moralidade dos contos tradicionais, dandonos unha versión moi particular de contos clásicos como o da "Caperuchiña vermella", "Hansel e Gretel" e "Brancaneves e os seu ananos". Despois continuou coas narracións onde o fantasmagórico e o terrorífico eran os grande protagonistas. Moito medo se pasou!!!

24/10/16

Tamén len... con Laura López





O xoves 20 de novembro inauguramos as sesións do Tamén Len deste curso coa visita da profesora de Altamira Laura López, moi querida entre os seus antigos alumnos/as, hoxe no IES, que lembraron aqueles anos xuntos, as experiencias vividas, as sensacións compartidas...


Laura,  amante dos contos, ofreceunos unha viaxe á máis tenra idade, para ensinarnos que nos contos están moitas das chaves que abren o mundo dos sentimentos que nos acompañan ao longo da vida. Polo que nenos, nenas e profesores pasamos un moi bo rato escoitando como Laura nos contaba “Por cuatro esquinitas de nada” de Jerome Ruillier.  Falounos de igualdade e desigualdades relatándonos a historia de “cuadradito”. 




Despois os seus alumnos/as conversaron con ela, preguntaron, recordaron aprendizaxes... Ela falounos das súas viaxes polo mundo, nas que sempre atopa un oco para visitar escolas. Lembrou con emoción unha escola de nenas orfas en Kenya, en outra en Uganda na que a pizarra é a arena do chan, pero na que os seus alumnos gustan de cantar e teñen un gran dominio de inglés. Os xoguetes son artesanais, pero non por iso deixan de estar sempre alegres a xogar.



O baloncesto, a súa paixón polo número seis, o entroido, as súas lesións, anécdotas de cando era cativa fixeron que o tempo pasará voando de xeito moi agradable.


Finalmente recomendounos o libro “Emocionario” , do que leu o sentimento de “alegría”, que era o que nos invadía a todos nese intre. Este libro témolo na nosa Calixtina, por se te animas a "explorar" nas túas emocións.



Escoita a súa lectura



 Entrevista en Ondarraia a Laura 

        

Día das Bibliotecas

Fermoso vídeo da Biblioteca Municipal "Miguel de Cervantes" de Mota del Cuervo (Cuenca) para celebrar o Día das Bibliotecas. "Cultura inqueda".



Desde 1997, cada 24 de outubro conmemórase o Día das Bibliotecas, para lembrar a destrución da Biblioteca de Sarajevo, incendiada en 1992 durante o conflicto balcánico.

30/9/16

Comezamos un novo curso


Este curso o lema da Calixtina será: "Biblioteca escolar, base de exploracións". Deixámosvos o cartel que diseñou Fran Bueno. E xa sabedes este curso toca "explorar..."

 Para comezar invitámosvos a explorar a obra gráfica de Fran Bueno, a ver que  vos parece, esperamos as vosas opinións e comentarios.

Base Calixtina de exploración: Fran Bueno

2/9/16

LIBROS ADICADOS NO FONDO DA BIBLIOTECA CALIXTINA. A MODO DE DESPEDIDA

Ao longo destes anos tivemos a ben ir xuntando unha serie de libros adicados polos seus autores e autoras, que aumentan o seu valor por ter un engadido afectivo que xurdiu de ter compartido con estes escritores e escritoras o gusto por ter uns obxectos singulares que chamamos libros e poder lelos. 

Por iso tamén decidimos instalalos xuntos, en principio na vitrina da entrada, para darlle o valor que merecen e facelos visibles de cara aos usuarios da Biblioteca, para que as novas lectoras e lectores saiban aprecialos. 

"Quero dicir para despedirme, que despois de ter traballado nesta Biblioteca durante un bo feixe de anos como coordinadora, nun proceso de aprendizaxe en común moi gratificante en tantos aspectos, vendo crecer a varias xeracións física e intelectualmente, compartindo con vosoutras novidades e tamén grandes clásicos da literatura, do cinema, da música e máis; non quero despedirme sen tervos agradecido esta experiencia e deixándovos nestes andeis algo do meu gusto pola lectura, pero tamén pola escrita e pola arte. 
Por aquí ou por acolá, neste tempo tan acelerado que vivimos, andaremos na busca da calma nas diferentes voltas do camiño..."   Apertas. Paula

29/7/16

GRAN CONCERTO DE MÚSICA FIN DE CURSO NO IES PEDRAS RUBIAS

O martes 21 de xuño asistimos a un GRAN CONCERTO promovido polo Dpt. de Música, coa profe Mercedes organizando todo para que nada faiara, e certamente todo saíu a pedir de boca. Sabemos que o amor pola música da mocidade desta vila está demostrada, ademais de valorar o bo facer de moitos deles tocando diversidade de instrumentos ou cantando, como é o caso das voces de Uxía ou de Isabel, que conseguiron deixar embelesado a todo o público.

Dicir que están os vídeos colgados na canle: biblosvivos youtube 

e quedan aquí estas imaxes como lembranza dun bo día.


BO VERÁN!!

28/7/16

ENTREGA DE PREMIOS NA BE. MÚSICA E FESTA DE DESPEDIDA

O último luns 20 de xuño eliximos facer unha FESTA de DESPEDIDA coa desculpa de facer tamén a entrega de PREMIOS DOS CONCURSOS que convocamos durante este curso 2015-2016 dende a Biblioteca e coa colaboración dos Departamentos que tiveron a ben participar.

Como é menester en toda festa que se precie, había uns pinchos, faltaría máis!, tiñamos músicos para acompañar cuns redobres a entrega de cada premio a cada concursante destacado ou destacada, e a presenza de todas estas persoas e máis:

Concurso de Carteis en contra da VIOLENCIA MACHISTA:
-Inés e Nerea de 4º ESO
-Aroa e Katia de 3º ESO
-Sara e Yudith de 2º ESO

Concurso de BD en defensa da PAZ:
-Iago Ferreira de 3º ESO
-Alba Cabaleiro de 4º ESO
-Laura Besada de 2º ESO

Concurso de CALI-GRAMAS en relación á idea do BO AMOR:
-Tania de 4º ESO
-Sana Goufri de 3º ESO
-Uxía Barros de 2º ESO
-Diana Cerqueira de 1º ESO

Seguidamente, quixemos facer unha homenaxe a PRINCE, cunha versión instrumental de Purple Rain a cargo dos nosos músicos. Esta sesión seviu de ensaio para o Gran Concerto que estaban a preparar para o día seguinte coa profesora de Música, Mercedes, quen tamén colaborou nas tarefas de Biblioteca xunto co profe Raúl e con Paula este curso.




E acabamos, como en toda festa, charlando, facendo fotos para o recordo e tomando o que quedaba ao son da música...

22/7/16

SECCIÓN LOCAL E LIBROS ADICADOS NA BIBLIOTECA CALIXTINA

-Xa dende o principio tivemos a idea de facer unha SECCIÓN LOCAL na Biblioteca Calixtina. Con tal finalidade fomos separando todos aqueles fondos que tiñan relación coa contorna de Salceda  de Caselas, zona do Condado, Ribeira do Louro, Tui, extendido ao Baixo Miño e incluso área metropolitana de Vigo. 

Deixamos enlace ao blog que Manuel Prego Español, o noso compañeiro, alimentaba:


A catalogación a facemos igual, seguindo a CDU e localizando estes fondos por materias e dentro delas por orde alfabética de autores e títulos, o usual; pero decidimos instalalos xuntos nesta nova sección: SECCIÓN LOCAL, que por agora gardamos no estante alto cerca da mesa das bibliotecarias.

-Aproveitamos para lembrar que tamén temos separados, nesa zona, nun andel os LIBROS ADICADOS polos escritores e escritoras que nos visitaron ou resultado de firmalos cando acudimos a presentacións das súas obras, etc. 

CICLO DE CINEMA

A finais do 2º trimestre, esa semana antes das vacacións de Semana Santa, adoitamos facer un Ciclo de Cinema para o alumnado que non vai de excursión, nomeadamente o de 2º e 4º ESO.
Desta volta, pensamos que podiamos programalo seguindo varias pautas: o lema deste curso "Imaxina que..." , valorar filmes que cremos se deben dar a coñecer pola repercusión que tiveron na historia do cinema e pola súa valía como obras cinematográficas.

Elaboramos unha ficha de cada filme e propuxemos ver e traballar:

-El maquinista de la General. Buster Keaton. 192
-El guateque. Blake Edwards. 1968
-Star Wars. Episodio V: El Imperio contraataca. Irvin Kershner. 1980


                    






Consideramos que, no tempo que levamos tentando achegar a mocidade ao cinema de calidade e que saiban da súa historia, tivemos resultados positivos, e esperamos contribuír deste xeito a formar un bo público e dar a coñecer unha faceta tan importante das diversas culturas. Porén, unha cousa non desvaloriza a outra, e tamén quixemos destacar a faceta de entretemento de moitos filmes.


8/6/16

RECITAMOS POEMAS DE MANUEL MARÍA

Comezamos o fermoso mes de Xuño, no recreo do seu primeiro día, co RECITAL DE POEMAS DE MANUEL MARÍA, da man dos Siareiros da Palabra, do noso Club de Lectura, que sempre se animan ante a poesía, que tan bos resultados dá para ler ante o público, vencer timideces e temores, aprender a recitar sen presas, proxectando a voz, meténdose no sentido dos versos e modulando a voz co que queren dicir...



Quedamos satisfeitas do resultado todas as persoas que participamos, porque procuramos elixir os textos do autor que máis atractivos nos pareceron e que máis podían gustar á mocidade; e porque foi moi variado, con lecturas serias, introspectivas, alegres, divertidas ou comprometidas... Tivemos ademais o ingrediente de comezar con "O carro", versos de Manuel María musicados por Suso Vahamonde, moi populares; interpretada esta canción pola entrañable voz de Isabel Vázquez de 4ºC e as guitarras de Dani Peroja e Brais Barcala de 4ºA. Para o final reservamos a festiva "O cuco" tamén musicada por Suso Vahamonde, que a modo de karaoke cantamos todos a unha. 






4/6/16

TAMÉN LEN DE MAIO con HELIER BURGOS E MARCOS TRONCOSO


Helier e Marcos hai uns anos foron antigos alumnos e agora xa son profesores en prácticas, o primeiro de Educación Física e o segundo de Bioloxía. Polo que se ve, decidiron seguir este camiño que non é tan fácil como parece dende fóra, e aquí están entusiamados co seu futuro. Temos que agradecerlles que quixeran compartir na nosa Biblioteca e coa mocidade actual que aquí acudiu no recreo interesada e disposta a pasar un bo rato, uns relatos que elixiron do libro "Made in Galiza" de Sechu Sende: O ladrón de palabras, Falar, Unha palabra común, O paracaídas, Nin en soños vou perder a miña lingua, Estou contigo, que leron alternativamente con moita arte, deixando clara a súa postura en defensa da lingua galega que debemos coidar, como expresaron na introdución que fixeron para explicar as lecturas que seleccionaron e que tanto nos gustaron.

Xa eran coñecidos no noso Centro, porque tiveron a experiencia de participar este ano na excursión de Andorra, en calidade de acompañantes do alumnado de 2º ESO, sendo moi queridos.