24/11/16

Tamén len... con María López


O martes 22 de novembro visitounos a nutricionista María López. Explicounos que inicialmente pensara nunha lectura relacionada coa alimentación, pero que facía unhas semanas asistira en Ponteareas a unha charla sobre Memoria histórica e Represaliados o que motivou que a súa lectura de onte pegara un xiro. Dende logo que nos trouxo un menú dramático e intenso en emocións...


Comezou aludindo ao profesor Xesús Alonso Montero quen lle deu a coñecer a carta de Guy Môquet, un rapaz francés asasinado o 22 de outubro de 1941 por comunista, e que escribiu unha emotiva carta de despedida aos seus pais. En Francia comezan todos os cursos coa lectura desta carta. María leunos uns fragmentos da mesma traducidos ao galego polo mesmo Alonso Montero.


A continuación, extraída do libro de Alonso Montero "Cartas de republicanos galegos condenados a morte", leunos a carta de despedida que Xosé Domínguez, natural de Leirado, en Salvaterra, escribiulle a súa moza Angelina pouco antes de ser asasinado polas súas ideas o 24 de febreiro de 1937.
 
Despois da lectura destas cartas tan dramáticas iniciamos unha tertulia arredor dos hábitos alimenticios do alumnado, dándonos María unha serie de consellos para mellorar a nosa alimentación. Non todo vai ser literatura!



Podedes escoitar a lectura no seguinte enlace:  AUDIO

7/11/16

Contos de medo... por Quico Cadaval

O venres 4 de novembro visitounos o polifacético Quico Cadaval para contarnos historias de terror, de medo... coincidindo coa celebración do "magosto terrorífico" que por mor da chuvia tivemos que adiar. Pero ben agochados da chuvia, no noso acolledor salón de actos, disfrutamos das súas narracións. Unha pena non ternos desprazado até o muíño de Pantel, onde vestidos de pantasmas e outros seres sobrenaturais tiñamos pensado acompañar a Quico, axudando a ambientación das súas historias.

Pese a todo a contada de Quico non defraudou. Primeiro reflexionou sobre a moralidade dos contos tradicionais, dandonos unha versión moi particular de contos clásicos como o da "Caperuchiña vermella", "Hansel e Gretel" e "Brancaneves e os seu ananos". Despois continuou coas narracións onde o fantasmagórico e o terrorífico eran os grande protagonistas. Moito medo se pasou!!!