23/4/25

Día do libro, mercadiño de libros

 Para conmemorar o día do libro, este 23 de abril, celebramos o noso mercadiño de libros e nel o alumnado puido intercambiar libros e levar novas lecturas para gozar con elas. Aquí van as fotiños.







1/4/25

TAMÉN LEN E CLUB LECTURA MARZO

 Rematamos o mes de marzo con sesión do Tamén Len. Desta vez contamos coa presenza da ex-profe de inglés Cristina. Para a ocasión escolleu o poemario "Extracción de la piedra de la locura" de Alejandra Pizarnick e leunos varios dos seus poemas como: "Noche" , "Origen" ou "El sueño de la muerte me llama". Aquí as fotos da sesión. 











Este luns 31 tamén nos reunimos no club de lectura. No club manga falaron de My Hero Academia, en 3º ESO leron Fóra de campo e en primeiro dramatizamos o comezo de Dormente de Raquel Castro. Aquí van unhas fotiños das marabillosas actrices.







14/3/25

MÁIS COUSIÑAS DE FEBREIRO E MARZO

 O noso Tamén Len de febreiro recibiu a unha experta en ciberseguridade, María Rodríguez. Os seus fillos alumnos do centro foron os presentadores. Contounos cousas moi interesantes e leunos algún fragmento de banda deseñada de autoría propia. Moitas grazas pola visita. 







Na semana da prensa levamos a parte do noso voluntariado de biblioteca e integrantes do club de lectura ao apadriñamento lector que fixemos co CRA Altamira. Visitamos as seis escolas unitarias de infantil ubicadas en distintas parroquias de Salceda. O noso alumnado leulles un conto e logo intercambiaron debuxos co alumnado da escola infantil. Foi unha experiencia moi enriquecedora e emotiva e xa estamos desexando repetir. 





6/3/25

CLUB LECTURA FEBREIRO

 O 3 de febreiro celebramos novas reunións do club de lectura. No de 1º ESO entramos no mundo virtual dos videoxogos coa obra de Paula Carballeira Wombo Combo e ao final da reunión cada lectora creou o seu propio avatar tal como vedes aquí:


No grupo de 3º ESO leron Fóra de campo de Rosalía Fernández Rial, obra coa que gañou o Premio Roberto Vidal Bolaño 2024 de teatro. No club de manga tiveron unha interesante conversa con Uxía Samartín, experta en anime na que aprenderon mesmo a deseñar os seus propios disfraces de manga. Aquí vai a mostra gráfica:






31/1/25

TAMÉN LEN DE XANEIRO COA PROFE CELIA

     Onte tivemos o pracer de compartir lectura coa profe Celia Bugarín de historia que se xubilou en agosto e xa non comezou este novo curso con nós. Tróuxonos a Castelao e o seu libro Cousas e gozamos escoitando a lectura dos relatos escollidos por ela. Lembramos a súa época de profe con nós e mantivemos unha bonita conversa. Grazas Celia por volver e terte de novo aquí. Seguiremos lendo. 

Aquí vos deixamos unhas mostras do acto. 








14/1/25

Fixemos Knolling na última sesión do club de lectura

 Onte luns 13 de xaneiro reuniuse de novo o club de lectura e tras analizar as obras lidas (Trece anos branca, de Agustín Fernández Paz; Non cantan os paxaros neste bosque, de Carlos Negro e Spy x family 3 no club de manga) fixemos algunhas montaxes knolling a partir do que lles suxeriu a lectura das obras ao alumnado. Aquí volas deixamos. 







9/1/25

ÚLTIMAS ACTIVIDADES DE DECEMBRO

 Aínda que con retraso, queremos deixar aquí unha mostra das últimas actividades realizadas no final do peimeiro trimestre e comezar con ganas este segundo período do curso escolar. O 19 de decembro recibimos no último Tamén Len da avaliación a Gustavo Prozzo, inspector de educación que se xubila este curso e co cal tivemos o gusto de compartir traballo. Foi unha sesión moi agradable e interesante no que o noso convidado leu un precioso poema en galego de Marta Dacosta que se inclúe no seu poemario Papaventos abismados, obra coa que gañou recentemente o IV Premio Filomena Dato e na que reflexiona sobre a perda da memoria e a vellez. Fixo tamén unha reflexión sobre a riqueza que posuímos en Galiza ao termos unha lingua propia (o galego). 

Pechamos o trimestre amosando os marcapáxinas de Nadal gañadores do Concurso convocado pola Biblioteca no cal resultou difícil a escolla. Grazas a todo o alumnado participante. 
















2/12/24

NOVA SESIÓN CLUB DE LECTURA

     Hoxe 2 de decembro tivemos unha nova xuntanza do club de lectura. No grupo de manga disfrutaron con Spy x family 2 e mesmo fixeron debuxos anime inspirándose nel. 

No grupo de 1º e 2º ESO analizamos a obra Cartas de inverno de Agustín Fernández Paz, un clásico da nosa literatura xuvenil. A partir da súa lectura empregamos a ténica Knolling para crear unha fotografúa inspirándonos no seu contido.

Aquí van as fotiños mostra da sesión. 










Club de ciencias na biblio

 O 18 de novembro, co gallo da conmemoración do mes da ciencia en galego, o club de ciencias desenvolveuse na biblio con alumnado de 4º ESO e 1º BACH. A sesión levou por título "Cromatografía das follas de outono" e o resultado foi moi produtivo. Aquí vos deixamos unha mostra gráfica do desenvolvemento e resultado.