O pasado luns 11 de maio tivemos un encontro moi emotivo e enriquecedor entre o alumnado de bacharelato que cursa Literatura Universal e os maiores que acoden á Aula Social A Revolta. O noso alumnado leulles uns contos e a cambio puideron escoitar fermosas historias das vidas dos maiores: como ían á escola os e as que puideron ir, como traballaban, a emigración á que algúns e algunhas se viron obrigados...Resultou unha experiencia fantástica para todos e todas e contamos con repetir en breve. Aquí vos deixamos as fotos que reflicten a felicidade e a emoción que sentimos.
13/5/26
ENCONTRO COS MAIORES NO CENTRO SOCIAL A REVOLTA
23/4/26
Mercado libros día 23 abril
Hoxe, como xa é habitual cada 23 de abril, celebramos o noso mercadiño de libros no que o alumnado puido intercambiar libros do seu gusto e interese e gozar así de novas lecturas. Fixémolo no souto acompañadas de 3 alumnos de 4º ESO que puxeron a ambientación musical. Grazas pola vosa participación e seguide lendo!!!!!
13/4/26
CLUB DE LECTURA CON SARA VILA
O venres 10 de abril tivemos o encontro literario con Sara Vila e o seu libro O incendio. Celebrámolo xantando con ela en Salceda e fomos debullando a historia da protagonista adolescente. Ela mesma narra os acontecementos previos a un devastador incendio que arrasa Neboeiro, a aldea da súa avoa, e cambia a súa vida para sempre. Con tenrura e linguaxe viva e directa asistimos á súa transformación a adulta lembrando experiencias vitais que a marcaron. Foi un encontro ameno do cal gozamos moito. Agradecemento especial a Sara Vila por ter vido. Aí vos van as fotos.
27/3/26
APADRIÑAMENTO LECTOR CO ALUMNADO DO CRA ALTAMIRA
Onte, xoves 26 de marzo, en relación coa semana da prensa volvemos repetir a experiencia do curso pasado "Apadriñamento lector". Desta volta fomos ao CRA Altamira co alumnado do club de lectura para lerlles un conto aos nenos e nenas das aulas de 5 anos. Despois da lectura intercambiaron un debuxo feito por eles e elas e tamén conversaron. Volveu resultar unha experiencia moi enriquecedora xa que ademais algúns e algunhas volveron reencontrarse coas súas profes de infantil. Contamos repetir o próximo curso. As fotiños que vos achegamos son boa mostra do ben que o pasamos.
📚😊
Suscribirse a:
Entradas (Atom)









































