15/11/11

INCIPIT LIBER



Cando soubemos do roubo do Codice Calixtinus, todas as compoñentes deste equipo de biblioteca sentimos un arrepío, pola desaparición de ben tan preciado e polo que estaría sentindo o noso benquerido excompañeiro, pero sempre amigo, José Luís. Tan pronto como comezou o curso, Paula pediulle que nos redactase unha entrada para o blog sobre tan pesaroso suceso e José Lúis foi máis aló, escribiuna para nós e para enviar aos xornais. Aquí vola deixo.

Señor director, situémonos no tempo coa axuda do mestre Machado: “Mediaba el mes de Julio. Era un hermoso día” tamén mediaba Xullo máis o día resultou dos aciagos de verdade. Uns “mangutas” por non empregar termos de groso calibre, aliviaron o oito veces centenario “arquivo do trasno” catedralicio de Santiago da súa xoia máis preciada, o Codex Calixtinus ou Liber Sancti Iacobi, coa Historia Turpini e tantas outras historias e marcas de grandeza que por amor da brevidade serían: primeira guía turística-espiritual de Europa. Relatorio dos milagres do Señor Santiago Zebedeo. O primeiro texto musical polifónico (tres voces) de Occidente.

Facemos una derivada. Todo o mundo coñece, ten oído falar ou visitou a Capela Sixtina (Roma-Vaticano) cos frescos de Miguel Anxo restaurados con primor. Medio mundo coñece, ten oído falar ou visitou a Biblioteca Alexandrina (Exipto) recreada na modernidade cunha soberbia obra arquitectónica. Quén coñece, ten oído falar ou visitou a Biblioteca Calixtina do IES Pedras Rubias de Salceda de Caselas, blog biblosvivos.blogspot.com. Pois deberían. Foi nese novísimo instituto un 24 de Outubro de 2008 cando en sesión académico-festiva bautizamos a bilblioteca escolar co onomástico Calixtina en honra do Códice e, digámolo baixo, pola proximidade fonética de Celestina, a mala malísima heroína do Renacemento español. Por iso na comunidade escolar sentimos desgarro e oprobio, e a súa pantasma “Cali” nin lles conto; a pobre fai o que pode. Nas noites de novilunio, cando non se mira unha elefanta asiática embarazada de xemelgos a tres pasos, ela fai rondas e catas e pescudas en paralelo coa policía especialista en roubos de obras de arte. Pero non da feito, que non é máis que unha pantasma bebé. Así están as cousas. A desaparición se agranda e se agrava. Estamos “confiantes”, como din os portugueses, que o Códice volverá a alumear o Camiño. Tempo ó tempo ou como se lé no Quixote “Amencerá Deus e medraremos”.

O Bibliotecario emérito. 

4 comentarios:

Irma dijo...

Moitas grazas compañeiro, coma sempre non nos deixas indeferentes...

Saúdos e apertas.
Irma

biblosvivos dijo...

Grazas, en nome de todas as persoas que traballamos nesta B.E., polo teu verbo e pola túa premura e fondura en facer cercano o lonxano.

Seguimos na brecha.
Paula

ana dijo...

Pero como botaba eu de menos os teus textos e, por suposto, a ti! Non sabes a alegría que me deu colgar esta túa entrada.
Unha enorme aperta virtual!. A ver se nos vemos pronto...

Susana dijo...

Que ben nos vén a erudición de Jose Luís nestes días de formación de usuarios! Moitos saúdos.