15/5/12

"Verbas no ar" de Iria Morgade Valcárcel para celebrar o 15-M


Hai xa un ano que aconteceu o movemento de descontento e indignación que levou a moitas persoas a saír ás prazas nas diferentes cidades, para ocupalas día e noite durante longo tempo coa intención de manifestar, discutir e votar a través de “asembleas horizontais e populares onde poidemos participar todos”, unha serie de principios que levarían á petición de cambios urxentes. Foi un acontecemento, sobre todo, de persoas xóvenes, inquedas, cansas de presenciar unha realidade socieconómica que nos leva a un futuro ateigado de complexidade e dificultades para poder artellar unha vida corrente cun mínimo de calidade, entendendo por tal: a defensa duns servizos sociais públicos para todos, dun medio ambiente preservado e respectado, dunha reforma laboral que recupere e respecte os dereitos dos traballadores, dunha educación pública de calidade, dun cambio do sistema electoral …; é dicir, unha crítica do sistema capitalista mundializado actual que padece unha profunda crise, ante o que hai dúas posturas: os que defenden unha reforma dentro do sistema, e os que ven como única saída o final do capitalismo.

Así as cousas, un ano despois, podemos comprobar que a realidade ten varias lecturas: os que pensan que foi unha explosión que se esgotou e volveron á pecharse nas súas casas e na súa individualidade; e os que teiman e seguen activos traballando nunha cooperación de veciñanza nos barrios das cidades  e insistindo na necesidade de reclamar cambios reais. En España xurdíu este movemento denominado “15M”, que tivo repercusións noutros países, e que non podemos valorar como un feito illado, pois antes aconteceran os movementos de Islandia ou Grecia, en Europa; do norte de África e Próximo Oriente, denominados “Primavera árabe”, que provocaron un seguimento en masa que levou a cambios políticos, enfrontamentos armados, represións, numerosas mortes…en Tunicia, Exipto, Libia, Siria … cada un con circunstancias concretas, pero cun transfondo común de falta de liberdade, abusos de poder, tremendas desigualdades, explotación, futuro pechado para os xóvenes, etc

Neste contexto de crise, de cambio, que continúa sen atopar as solucións axeitadas, destacamos a publicación da primeira novela dunha nova escritora galega, Iria Morgade (o libro xa está na biblioteca!).  Verbas no ar expresa con frases curtas pero rotundas , con personaxes perdidos na marea dunha hipotética revolta mundial, pero que van a se posicionar dubidando ou reafirmándose nun lado ou noutro dos acontecementos que mostran a utopía que hoxe queremos, tememos ou cremos imposible, que de todo hai; quere expresar desacougo, esperanza, confianza nos diferentes movementos sociais: os sen terra, os zapatistas, os indignados do 15M, os levantamentos da Primavera árabe… nunha historia coral de varios personaxes que se entrecruzan e de espazos protagonistas que os acollen nunha revolta mundial (prazas, rúas, unha biblioteca…)  …esa biblioteca do comezo e do final, que procura liberar as palabras…


Pasen e lean a entrevista coa autora desta realidade imaxinada, a quen agradecemos de antemán as súas palabras…

Conversa Con Iria Morgade, Verbas No Ar

No hay comentarios: