Sexa porque este é o ano da "Musica e as Letras" para nós, sexa porque este cantautor o merece sen máis motivo; queremos facerlle unha mención de honor a Georges Moustaki, quen coa súa voz encarnou unha época de recuperación das liberdades alí onde non as había, e de cambios proclamados por unha mocidade inqueda que defendía un xeito de vivir e de relacionarse máis libre e menos convencional no social, pero tamén no político e na defensa da paz.
Na súa andaina vital levou por bandeira esa ansia de liberdade e a súa presenza e personalidade portaban como ninguén as brisas da riquísima cultura Mediterránea, que espallou dende a súa Alexandría natal, co aporte da súa ascendencia grega e xudea, ata o seu asentamento no París que protagonizaría o Maio do 68. Sería nese contexto onde as súas letras terían unha magnífica acollida. Porén, non deixou de amar outras culturas, como a brasileira ou a española, que tanta presenza terían na súa obra musical e poética.
Para nós, no medio da cerrazón cultural e sociopolítica do franquismo, as cancións dos máis importantes autores franceses do momento, xunto cos cantautores españois, foron quen de canalizar as ansias de liberdade que comezaban a reclamarse neses anos. Era unha época de reivindicar poder expresarse en catalán, galego, euskera. Así foi como aprendimos de memoria letras tan significativas en calquera destas linguas, que acabaron formando parte da nosa idiosincrasia e da nosa apertura cara ao que estaba a pasar fóra das fronteiras, de tantas fronteiras.
Enlace á súa páxina oficial.
1 comentario:
Fican as súas fermosas cancións
Publicar un comentario