13/5/10

Presentación do libro "55 Mentiras sobre a lingua galega"



Con este libro, a Comisión de Biblioteca, inaugura hoxe un novo tipo de actividade que consideramos pode resultar atractiva:

A PRESENTACIÓN DE LIBROS é un acto onde se dá a benvida a libros novos, serios ou divertidos, interesantes, preciosos, imprescindibles...; todos aqueles que logren movernos e conmovernos dalgún xeito, e pensamos que pode ser un medio para difundilos entre o alumnado inquedo que se achegue a compartir este momento con nós e acabe por collerlle gusto a estas reunións ao seu redor. Presentar un libro é apostar por el, é querer dalo a coñecer porque se recoñece o que de valor ten ese obxecto que se pode coller entre as mans, abrir por onde queiramos, mover as súas follas e achegar o nariz para sentir o olor característico do papel impreso, tan suxestivo, acaricialo mentres contemplamos os signos que contén e comezar a lectura, que sempre abriu ventás tan amplas coma as de Internet... ou máis.
O libro foi publicado a finais de 2009 pola editorial Laiovento e ten por subtítulo:”Análise dos prexuízos máis comúns que difunden os inimigos do idioma”.
Quero destacar o pensamento do poeta Uxío Novoneyra, homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas, quen afirmaba que “os galegos residimos tanto na lingua como na terra; língua que é pauta e traza, terra que é natureza e patria”.

Discurso de presentación feito por Paula.

Intercambio de linguas

Aproveitando a estadía dos franceses entre nós, as profes de francés quixeron poñer a proba a vea poética do alumnado dos dous países, pedíndolle que escribisen un poema: os alumnos franceses debían practicar o seu dominio do castelán e os galegos o dominio do francés... Aqui tedes algúns, se tedes curiosidade por velos todos están expostos no corredor ao lado da Biblioteca.


11/5/10

Queredes estar á última?

Por intentalo que non quede! A ver se con un pouco de humor vos damos convencido das vantaxes da lectura, senón polo menos vos arrincamos un sorriso...

5/5/10

Tamén len trilíngüe



A pasada semana tivemos o pracer de recibir ao alumnado francés do intercambio e aproveitamos para facer unha sesión do Tamén lén adicado ao 50 aniversario de Astérix e Obélix.


Para quen queira ler os textos aquí volos deixo en galego, castelán e francés.


19/4/10

As nosas vidas de infancia


Como xa sabes, a lectura escollida para o Maratón do 23 de abril é a triloxía de Ramiro Fonte, "Vidas de infancia".
Nós queremos coñecer como foron as vosas infancias así que pedímosvos unha
fotografía de cando erades pequenos/as. Con todas as recibidas faremos unha exposición no corredor da biblioteca.
Deixa a túa foto (orixinal, escaneada ou impresa) na biblioteca e ...
participa!

13/4/10

O Maratón de lectura lembra a Ramiro Fonte

A biblioteca está traballando a eito estes días porque se acercan datas moi importantes para o libro e as letras.
O 23 de abril celebraremos o
Día do libro cun Maratón de lectura como en cursos anteriores. Neste ano tan especial e importante para o galego, queremos lembrar e facer unha homenaxe a un autor que nos deixou o ano pasado, Ramiro Fonte. Anque é moi coñecido como poeta, tamén ten unha fermosa obra narrativa, da que escollemos a súa triloxía "Vidas de infancia" ("Os meus ollos", "Os ollos da ponte" e "As pontes no ceo"), onde recrea a vida dunha vila galega nos anos 60, anos da súa infancia en Pontedeume.
Nós tamén imos recordar as nosas vidas de infancia...

14/3/10

Adeus a Delibes


O venres 12 de marzo morría na súa Valladolid natal, Miguel Delibes. Podería falarvos aqui dos seus méritos como escritor e como persoa, comentar o seu estilo ou citar todos os premios acadados ao longo da súa traxectoria literaria. Non vou facer nada diso. Ídesme permitir que faga unha entrada máis persoal. Contaréivos como cheguei eu á súa obra.
O primeiro libro que lin de Delibes foi "Las ratas" porque era a lectura obrigatoria de castelá en 1º de BUP. Non foi un bo comezo. Recordo dicirlle á profesora, no exame oral do libro, que non me gustara a temática, que me resultara demasiado duro.
No curso seguinte volveu ser lectura obrigada outra obra súa: "El camino", e aí comezou o frechazo, xa que Daniel "el mochuelo" converteuse nunha desas personaxes inesquecibles que te acompañan unha ver rematada a lectura. Despois virían, xa por vontade propia, "Cinco horas con Mario", "Los santos inocentes","La sombra del ciprés es alargada", "La hora roja", "Mi idolatrado hijo Sisí", "Cartas de amor de un sexagenario voluptuoso", "Señora de rojo sobre fondo gris" e o seu discurso de entrada na academia (sen dúbida o máis fermoso canto á natureza e o respecto polo medio ambiente que teño lido nunca).
Por que vos conto todo isto? Supoño que porque necesito lembrar que o que os profes sementamos si que xermola, aínda que ás veces leve o seu tempo...
Gracias, Delibes. Sempre nos quedarán os teus libros.

11/3/10

Coñécelas?


Estes días podedes disfrutar na biblioteca dunha exposición de libros para celebrar o Día da Muller Traballadora, nela atoparedes autoras de todos os estilos (novela, relato, cómic, ensaio, ...), nacionalidades e épocas. E, como non, poderedes descubrir historias de mulleres realmente impactantes a través das súas biografías.
Por exemplo, seguro que vos sona a canción: "A saia da Carolina ten un lagarto pintado..." pois refírese a Carolina Otero, galega nacida en Valga, que foi bailarina de cabaret súperfamosa no París dos anos vinte. Tivo como amantes aos homes máis poderosos do seu tempo, reies, emperadores, zares. Amasou unha gran fortuna que perdeu xogando nos casinos ao final da súa increible vida. Ou Maruxa Mallo, pintora surrealista, amiga dalgúns dos escritores da xeración do 27 e toda unha personalidade (os de 4º ESO pudéchedes visitar a súa exposición este curso).
Anímovos a coñecelas!. Son realmente sorprendentes.


8/3/10

Sol de Inverno

Dende a biblioteca queremos celebrar esta semana o Día da muller traballadora lembrando títulos escritos por mulleres. Escollemos a obra gañadora do último premio Xerais de novela, "Sol de inverno" de Rosa Aneiros. Non podemos ser imparciais ao contarvos de que vai este libro porque nos engaiolou dende a primeira páxina. É tenro, emocionante, triste, sorprendente, cambiante... Da man de Inverno coñecemos a peripecia dunha familia republicana que se ve obrigada a fuxir de Galicia para sobrevivir... Lédeo, non vos deixará indiferente! Tamén podedes probar con outras obras da autora, tamén moi recomendables: "Resistencia" ou "Ás de bolboreta" (Alumnado de 4ºESO, será a vosa lectura obrigatoria na vindeira avaliación!).
E, por se necesitades un empurronciño, aqui tedes algúns fragmentos.

2/3/10

Tamén len ... con Rivada

O pasado xoves, visitounos Xosé Lois G. Rivada "artesán creador" como gosta de ser definido, para amenizarnos nunha nova e diferente sesión de tamén len.
Logo da presentación e de lernos un breve fragmento da obra do seu amigo Caneiro, falou con nós sobre arte, escultopintura, a vocación creadora e cómo pode un adolescente descubrila e, en xeral, sobre a vida. Tamén se ofreceu para vir facer algún obradoiro de pintura e/ou escultura co alumnado de 4º ESO. Así que xa sabedes, a rescatar a vosa natureza artística!
Moitas grazas, foi un pracer terte con nós.

4/2/10

Poesía pola paz

Hoxe na biblioteca, durante o recreo, tivemos o pracer de asistir a un recital de poesía pola paz organizado por Xoán e no que lían alumnos/as de 4º ESO.
Para os/as que volo perdíchedes, aquí tedes as fotos e máis os textos. Agardamos que vos guste tanto como a nós.



1/2/10

Concurso: un mar de amor.


Para festexar o Día dos Namorados decidimos novamente convocar un concurso e repetir premio, UNHA CEA ROMÁNTICA, xa que parece que ten bastante éxito (preguntádelle a Ari). Para participar NUN MAR DE AMOR debedes escribir unha MENSAXE DE AMOR e metela NUNHA BOTELLA que deixaredes no mar creado para o efecto diante da biblioteca.

- A mensaxe debe ser de creación propia. Non valen textos copiados, letras de cancións, poemas de autores/as, ...
- Pode ser unha frase, un conto, unha carta, uns versos, ...
- Poden ir dirixidos a un destinatario concreto ou anónimo.
- Valorarase tanto o texto como a botella. Decorádea como queirades.
- Poden participar alumnos/as, profesores/as e calquera persoa que reciba a invitación ao evento a través do seu Tuenti, estes últimos poderán enviala por correo ao seguinte enderezo:
IES Pedrasrubias
Pantel revolta s/n
36472 Salceda de Caselas
- Debedes firmar a mensaxe cun pseudónimo e logo entregarnos a Susana ou a min (Ana) un sobre donde figure ese pseudónimo por fóra e os vosos datos reais dentro.
Así que xa sabedes, animádevos e participade!

Tamén len.... con Quico Cabaleiro

O pasado venres tivemos novamente unha sesión de lectura compartida no Tamén len. Esta vez o noso convidado era Enrique Cabaleiro, "Quico", concelleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible do concello de Salceda de Caselas.
Como homenaxe póstuma a J.D. Salinger, leunos o primeiro capítulo do seu emblemático libro "O vixía entre o centeo" e posteriormente nos explicou un pouquiño en qué consiste o seu traballo, cales son as súas competencias e as prioridades no desenvolvemento sostible deste concello.
Ao rematar, a nosa intrépida reporteira, Yaisha, entrevistouno para o blog.
Cal foi a súa reacción cando lle pediron que viñese ao noso instituto a lernos?
- De inmensa alegría, a verdade. Causoume moitísima satisfación participar nunha actividade de lectura con escolares.
Que lle pareceu a experiencia?
- Moi positiva e interesante. A verdade, aprendín moitas cousas.
Modificaches a lectura que tiñas preparada pola morte de J.D: Salinger. Que era o que ías lernos ti? Por que a escolliches?
-Íavos ler un libro que se titula "Noite de voraces sombras" de Agustín Fernández Paz porque era un libro escrito por un mestre de secundaria, ademáis a súa temática era xuvenil e describe moi ben as conductas do alumnado na época adolescente.
Cal é o teu xénero literario favorito?
-O existencialismo porque é unha literatura que afonda moito na psicoloxía das personaxes, moi reflexiva e de moita conciencia social.
Recoméndanos unha lectura.
- "Sabor a ti" que narra a relación entre dous profes de instituto e que é realmente divertida.
O seu traballo permítelle adicar tempo á literatura?
-A verdade, nestes momentos non, ou moi pouco.
Moitas grazas!

25/1/10

Club de lectura: "Os Paxaros"

O pasado luns 18, os compoñentes do clube de lectura reuníronse para disfrutar dun pase dunha das máis famosas películas do mago do suspense, Alfred Hitchcock, "Os paxaros".
A historia comeza inocentemente cando unha rica e frívola moza, Melanie Daniels, coñece a un abogado, Micth Brenner, e o sigue a unha vila costeira onde el suele pasar as fins de semana coa súa familia. O film vai gañando en tensión a medida que avanza debido o estrano e incontrolable comportamento dos paxaros, os verdadeiros protagonistas da historia. Hitchcock simboliza nos paxaros o medo ao descoñecido, ao caos.

A película, igual que outras dúas do mesmo director ("Rebeca" e "Posada Jamaica") baséase nun relato, do mesmo título, da escritora Daphne Du Maurier, publicado por primeira vez en 1952. Inspirándose na experiencia sofrida durante os bombardeos da II Guerra Mundial, imaxina un exercito cegamente asasino e innumerable: os paxaros, que de natureza habitualmente pacífica, se transforman sen razón algunha atacando directamente aos humáns.
Na reunión da próxima semana haberá debate sobre a película, explicacións sobre algunhas das claves da linguaxe cinematográfica: o tratamento do tempo, os movementos de cámara, os planos, as secuencias, composición, etc. E, por suposto, a lectura do relato.
Tanto o relato como a película resultan sen dúbida inquietantes e inesquecibles. Que vos pareceu a vos?

14/1/10

Cine 3D: Avatar

Xa estamos de volta e queremos saber que tal pasastes estas vacacións de Nadal. Lestes moito? Fostes ao cine?
De cine precisamente vai esta entrada. Pouco antes de que comezasen as vacacións estreábase "Avatar" unha película de James Cameron, director de pelis tan coñecidas como "Titanic", "Alliens" ou "Terminator". A película espertou expectación polo que ten de innovación tecnolóxica: cerca dos dous tercios, especialmente o mundo virtual, foron creados por ordenador. As actuacións das personaxes principais rodáronse de forma real pero os actores portaban a escasos centímetros das súas caras unhas microcámaras que gravaban cada un dos minúsculos movementos faciais que logo eran transmitidos a un ordenador, en tempo real, para construír os avatares.
O argumento da peli: Os humanos que veñen de sobreexplotar o seu planeta, intentan colonizar Pandora, unha lúa dun planeta noutro sistema solar que é a casa dos Na´vi, unha raza de humanoides de tres metros de altura e pel azulada que viven en perfecta harmonía coa natureza. A razón: Pandora alberga un mineral supercondutor valiosísimo. Problema: os humanos non poden respirar en Pandora. Estratexia: a creación de avatares, híbridos que comparten ADN cos humanos, para infiltrar un espía.
Os protagonistas:
Jack Sully: exmarine parapléxico que se infiltra nos Na´vi. O corpo do seu avatar lle permite facer as cousas que nunca podería facer co seu corpo real e remata por namorarse de Neyriti.
Neyriti, pricesa alieníxena que baixo a apariencia dunha heroína de acción agocha unha inmensa ternura.
A frase:
"Yo te veo" estáse a converter nun lema entre os adolescentes norteamericanos.
O que espera o director:
"Quero que o público teña unha experiencia fóra da súa vida, fóra deste mundo e fóra do seu corpo".
Conmigo, polo menos, conseguíuno.