19/11/15

DE MACHISMOS E VIOLENCIAS MACHISTAS...




























DE MACHISMOS E VIOLENCIAS MACHISTAS...

Como adoitamos facer por estas datas, un ano máis traballamos dende as aulas a problemática da violencia machista, tamén chamada violencia de xénero. Somos conscientes de que a solución pasa por facela visible, analizar coa mocidade as causas e consecuencias, ser conscientes de que a nosa sociedade agocha actitudes que en menor ou maior grao responden aínda a estas alturas a un machismo evidente ou enmascarado (que se denomina hoxe neomachismo). En definitiva, sabemos que a solución pasa por educarnos para cambiar as condutas erradas.

Seleccionamos unha serie de documentos que podedes consultar para aclarar as ideas, ter datos sobre os que traballar na aulas e para facer ao final os carteis cos que podedes participar na Exposición. Tamén podedes ver os documentos das entradas antigas, buscando nas etiquetas os conceptos relacionados.


¿Cómo influyen los estereotipos desde la infancia?
Posted by Comunidadmujer Cm on Jueves, 6 de agosto de 2015













































18/11/15

CONCURSO DE CARTEIS CONTRA A VIOLENCIA MACHISTA

CONCURSO DE CARTEIS CONTRA A VIOLENCIA MACHISTA.


         Dende a Biblioteca e os Dpts. de Plástica, CCSS e Orientación, convocamos un Concurso de CARTEIS en contra da Violencia de Xénero ou Violencia Machista. Pode presentarse calquera persoa da nosa comunidade educativa co obxectivo de sensibilizármonos ante unha problemática social moi complexa e negativa para a convivencia entre homes e mulleres, sendo estas últimas, vítimas dunhas circunstancias que podemos contribuir a cambiar dende a Educación.

BASES DO CONCURSO:
-Elaboración dun CARTEL en contra de ACTITUDES MACHISTAS e da VIOLENCIA DE XÉNERO.

-Pode facerse o cartel individualmente ou entre dúas persoas.

-Hai liberdade no emprego do material, a técnica e o formato: papel, cartolina, tea, plástico, collage, debuxo, cores, etc.

-Debe conter unha idea ou slogan claro, curto, eficaz, cargado de contido, que evidencie este tipo de violencia ou as actitudes machistas (o micromachismo, o neomachismo) que levan aos diferentes graos de violencia (verbal, psicolóxica, malostratos, morte...)

-Busca unha idea orixinal. Aínda que te inspires nas que están a circular como referencia, procura adaptala ao teu estilo. Neste blog tes moita información e documentos relacionados.

-Entregaranse á/os profesora/es de Ética e de Cidadanía, para o alumnado de 2º,3º e 4º que cursan estas materias. O resto, podedes entregalo na Biblioteca nos recreos.

-O mércores día 25 de Novembro celébrase o DÍA CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO, agradécese ir entregando antes, pero hai data tope ata o xoves 3 de decembro.

-A idea final é facer unha EXPOSICIÓN DE CARTEIS CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO no corredor do Centro.

-Destacaremos os 3 mellores traballos por niveis, despois de valorar o contido e o formato. -Premiaremos 1 traballo de cada nivel, e os outros recibirán unha mención ou diploma.

ANIMÁDEVOS, PORQUE PARTICIPANDO ESTAMOS CONCIENCIÁNDONOS E CONTRIBUÍNDO A VIVIR NUNHA SOCIEDADE MÁIS IGUALITARIA E MENOS VIOLENTA!!

10/11/15

RECITAL: POESÍA ADOLESCENTE

Recital de Poesía Adolescente. Con textura de fume. 2015
View more presentations or Upload your own.
O día 4 celebramos o Recital de Poesía Adolescente, cos poemas publicados pola Fundación Rosalía de Castro, presentados por diferentes centros de Secundaria ao Certame de Poesía Escolar 2015. É de destacar a presenza de 3 alumnas e 1 alumno do IES Ribeira do Louro de O Porriño, que viñeron a recitar connosco: elas leron os seus propios versos e os Siareiros da  Palabra as poesías premiadas e publicadas que seleccionamos para a ocasión.


Tentamos facer un acto entrañable, onde se sentisen cómodxs, promocionar o gusto pola poesía, o uso do galego e da literatura galega, aprender a recitar, ademais de valorar os escritos de persoas tan xóvenes... Convocamos na Biblioteca porque é un espazo máis cálido, e decidimos dispoñer en círculo aos alumnos e alumnas que ían recitar, e no medio sentáronse os 4 invitadxs nun círculo menor. Deste xeito lían dende o seu sitio, bailando as voces ao redor, e evitabamos así o "pánico escénico dalgúns". 
Non é doado ler ou dicir versos en público e adoitan ir a presa e, ás veces, as voces soan baixas; pero por iso estamos a aprender, e podemos dicir que hai madeira de bos recitadorxs. Insistiremos nesta faceta que lles atrae tanto.

Houbo cheo total, disfrutamos o momento e abrimos unha porta a futuras colaboracións cos nosos invitados de O Porriño. Deixamos aquí algúns vídeos do recital e a actuación de Uxía González interpretando "Negra sombra" de Rosalía de Castro, xunto a Dani na guitarra, Clara no violín e Jessica na frauta traveseira.

                                             Negra sombra. Uxía González.

Sara Norniella. Caos.


         Metapoesía do desencanto. Leticia e Andrea.

30/10/15

PREPARANDO O RECITAL DE POESÍA ADOLESCENTE

Estamos a preparar un Recital de Poesía Adolescente, que faremos o mércores 4 de Novembro para celebrar o Día das Bibliotecas Escolares e para presentar tamén o Club de Lectura Siareiros da Palabra, que conta cunha morea de membros novos. 

A novidade é que será un acto especial, porque teremos como invitadxs a varixs alumnos/as do IES Ribeira do Louro que virán a recitar os seus propios poemas, varios deles premiados ou seleccionados no Concurso escolar de Poesía da Fundación Rosalía de Castro 2015.


Despois da ponte, xa vos contaremos como foi todo e o difundiremos para que tamén o disfrutedes e coñezades os versos. Polo de agora colgamos o fermoso cartel que creou Nacho Ruíz, profe de Plástica, para a ocasión. E para facer a publicidade necesaria, ocorréusenos que sería boa idea utilizar "persoas anuncio", que se pasearían nos recreos polo patio e corredores para chamar a atención, informar e que asista o público que así o desexe voluntariamente... 
Comprobamos xa que é un recurso moi efectivo...!!!!




27/10/15

TAMÉN LEN con ROCÍO PATO GARRIDO

Hoxe vimos de estar no recreo coa mestra do CEIP Altamira, Rocío Pato, quen nos brindou unha sesión de lectura compartida moi interesante. Aceptou encantada a nosa invitación e nós agradecemos a súa presenza. O relato que elixiu titúlase "Confesión" e forma parte do libro de Fran Alonso, "Cartas de amor", onde as protagonistas do amor ou desamor son mulleres en circunstancias dramáticas ou complicadas, que reflicten vivencias de gran realismo que nos permiten tomar postura, aceptar ou cuestionar a realidade que vivimos. Neste caso contaba a soidade, temores, dúbidas e valentía dunha moza que acepta e fala da súa homosexualidade a través dunha carta dirixida a unha amiga.


Do recibimento encargáronse alumnos e alumnas de 1º ESO recén chegadxs ao noso Centro, que nos revelaron boas aptitudes musicais e de lectura, e nós agradecémoslles a súa participación entusiasta.





No coloquio posterior, Rocío comentou que a súa intención era ler un fragmento de "Los juegos del hambre", pero preferiu escoller un texto en galego para a ocasión. Ademais de responder amablemente a todas as preguntas que o alumnado lle quixo facer. E, como non, lembramos que Rocío estivera hai tres anos de acompañante nun Tamén Len invitada con alumnxs de 4º de Primaria, xs mesmos que este curso acaban de chegar a 1ºESO.

Destacar que nos deixou de agasallo na biblioteca para todxs vós, un par de libros de literatura xuvenil, de Agustín Fdez. Paz.
 
Foi un bo comezo de animación á lectura, sen dúbida!

  

19/9/15

LEMA DA BIBLIOTECA ESCOLAR: IMAXINA QUE...

"Imaxina que..."
Este curso decidimos que podería ser un bo lema facer xirar as nosas actividades ao redor desta idea, de imaxinar como poderían ser as cousas, o noso mundo, a nosa realidade, as nosas iniciativas, e, como non, os nosos soños... En definitiva, imaxinar a mellor das vidas, imaxinar para descubrir cousas novas, para experimentar; pero sabendo que para iso, tamén para imaxinar, é necesario aprender, saber, indagar, curiosear, investigar, cuestionar, buscar... para encontrar e para que o noso maxín sexa movido e o vexamos bulir, rebulir, burbullar... por mil e unha ideas e coñecementos, como base da aprendizaxe e da creatividade de cadaquén.



                                 Arte no Barrio Oeste de Salamanca. Foto de Paula F.B.

A conexión tamén está servida co lema que se vai traballar dende a Asesoría de Bibliotecas Escolares este ano: 

"Biblioteca escolar, Base de exploracións"


Partindo destas ideas pretendemos acadar as destrezas e as competencias clave para mellorar a lecto-escritura, a capacidade de comprensión da información que manexamos, o diálogo, o debate, ampliar a nosa cultura, entender a sociedade na que vivimos e implicármonos coas diferentes realidades que nos rodean, darlle ao proceso educativo e á escola o valor de servirnos para formarnos como persoas que vivimos nunha colectividade, onde poidamos, dun xeito ou doutro, contribuír a mellorala e facela máis xusta e libre. 

-Tendes estes enlaces a varios documentos: a unha noticia de prensa sobre a desigualdade en Europa e o aumento da pobreza, que quizá sexa do voso interese para comezar a achegarvos á información e ás problemáticas que nos rodean:

-Este outro enlace sobre unha app para reivindicar a importancia histórica das mulleres:

-Este enlace fala do que pasa nos países de onde saen persoas que chegan a Europa escapando de situacións de conflito:

-Compartes a opinión de José Mujica? Sabes quen é este personaxe? Quizá che interese buscar información sobre el e contrastala.