21/6/12

Exposición cubista de 1º ESO




Os voso compañeiros de 1º curso da ESO fixeron unha serie de traballos que poden admirarse estes días no Instituto. Son representacións de algo semellante a un rostro humano, pero nun estilo e empregando unha técnica que lembra a dos pintores cubistas de comezos do século XX.

Trátase do “collage” ou “papiers collés”. é dicir “papeis pegados” en francés, unha técnica pictórica inventada por Picasso e Braque (os creadores do Cubismo) que consistía en reciclar materiais cotiáns, como textos e imaxes impresas, recortes de xornáis e revistas, etc, e engadilos ós cadros, deste xeito, subliñan o carácter autónomo da obra de arte respecto da realidade natural, non pretendendo reproducila mediante solucións plásticas tradicionais, senón elaborando un novo vocabulario plástico. Os cubistas rexeitaban que o pintor tivera que esmerarse en copiar a realidade  dun xeito naturalista, e por iso no dubidaban en apropiarse dos materiais que lles interesaban (fotografías, etiquetas de bebidas, follas de xornáis, etc.) para incorporalos sen máis ás súas obras de arte.


LUIS SEOANE, o artista galego que está sendo homenaxeado estes días na biblioteca do instituto, tivo unha etapa cubista moi influída pola obra de Pablo Picasso, e o uso de técnicas e recursos cubistas como o “collage” pódese apreciar sobre todo na súa obra pictórica. Invítovos a descubrir os seus resultados consultando os libros que podedes atopar na biblioteca sobre Luis Seoane, Picasso, Braque, Juán Gris e o cubismo, ou ben buscando imaxes da obra destes autores en Internet.

Nacho, profe de Educación Plástica.

No hay comentarios: