25/4/13

Tamén len con... Xesús Presa Vaqueiro



O pasado venres 18 tivemos novamente sesión de Tamén len no recreo. Como vén sendo costume, primeiro tivemos unha breve actuación musical a cargo dos nosos alumn@s; nesta ocasión Sandra Rodríguez fixo as veces de presentadora mentres David Gómez, ao piano, tocaba o tema "You can leave your hat on" de Joe Cocker e despois David, Emilia Fernández e a propia Sandra (voces) nos deleitaban coa súa interpretación de "Someone like you" de Adele



O noso convidado lector foi Xesús Presa Vaqueiro, escritor e investigador da historia local que compartiu con nós un relato breve da súa autoría titulado "La justicia poética del piso de Paca" inspirado nunha nova aparecida nun xornal a comezos do 2010, no que un piso deixado en herdanza ao Papa Juan Pablo II remata por ser vendido a unha parella gay.

O relato, que podedes ler no seguinte scribd, foi escolmado por Xesús para reivindicar o respecto e a tolerancia cara ás diferenzas.



Ao rematar a lectura deu comezo a rolda de preguntas: Que destacaría sobre as súas visitas ao noso Centro? Cales son os seus libros favoritos? Como xurdiu  o seu gusto pola lectura? Prefire o labor investigador ou a escritura?...

Xesús contestounos amablemente destacando a positiva impresión que sacara desta iniciativa, a receptividade e compromiso que amosaba o noso alumnado ao renunciar o seu tempo de lecer por asistir a estas sesións. Comentou tamén que el sempre fóra un lector compulsivo e ecléctico, que tiña lido de todo e que os seus gustos eran amplos e variados. Citou a Torrente Ballester, Pessoa e Hermann Hesse entre os seus autores favoritos e destacou a maior liberdade e creatividade que lle brinda a escritura fronte á regularidade da investigación.

Se queredes coñecer mellor o traballo de Xesús podedes visitar o seu blog premendo aquí.

Un luxo e un pracer contar contigo. Moitas grazas, Xesús.

2 comentarios:

Anónimo dijo...

o millor tamen len

Anónimo dijo...

O millor tamén len