O luns 31 de abril María José, a quen todas e todos coñecemos pola súa amable atención aos requerimentos de todos na CAFETARÍA do instituto a diario, foi a nosa invitada e quixo compartir unha lectura no pequeno tempo do recreo lendo para nós a pasaxe final do libro de Laura Esquivel "Como agua para chocolate". Atractiva obra da que deixamos un fragmento en versión cinematográfica.
Nesta ocasión a sesión desenvolveuse entre o arrecendo do café quente, os bocatas de tortilla e chourizo e a mostra das cualidades culinarias doces ou salgadas que varios de nós quixemos compartir nun concurso promovido por Fernando dentro deste contexto no que aproveitamos para relacionar comida e literatura. Acompañounos tamén a exposición de libros de cociña...
Destacamos o momento da contribución de Begoña, a nosa conserxe, á decoración do lugar, xa que tivo o detalle de facer un particular agasallo. E dicimos particular porque é de elaboración artesanal. Pois se falamos de Begoña, estamos a falar dunha muller que o resolve todo e faino con arte. Ten destrezas plásticas e lle dá tanto á pintura, ao debuxo como a técnicas gráficas como este:
DEBUXO TRANSFER EN MADEIRA:
consiste en transferir un debuxo impreso a unha superficie, neste caso a madeira. Temos que imprimir o debuxo nunha fotocopiadora ou impresora láser en negro ou en cor, deberemos facelo en efecto espello.Necesitamos un verniz de transferencia que podemos atopar en tendas de manualidades. A técnica consiste en aplicar o verniz sobre a madeira e tamén sobre o debuxo que queremos transferir. Pegamos o papel na madeira coa cara impresa hacia abaixo, estiramos ben e deixamos secar, podemos acelerar o proceso secando con secador de pelo. Unha vez seco imos sacando o papel da fotocopia mollando cunha esponxa e frotando en movementos circulares ata eliminar todo o papel da fotocopia, quedando o debuxo que tiñamos no papel impreso gravado na madeira. Podemos terminar o traballo aplicando un verniz para madeira ou unha capa de cola branca.
No hay comentarios:
Publicar un comentario