24/3/15

FALADOIRO DE ACTUALIDADE. Sexo e xénero. A situación da muller no mundo actual.

Os días 18 e 19 de marzo, inauguramos unha nova actividade -o Faladoiro de Actualidade- pensada en orixe para dinamizar a Sala de Prensa, pero que superou a idea inicial porque ao final foi na sala da Biblioteca onde realizamos esta exitosa primeira "saída á palestra" do alumnado de 3º e 4º. 

Dende Dinamización de Biblioteca, e coa inestimable colaboración do Dpt. de CCSS, pensouse a mellor maneira de organizar un ciclo de debates 
mensuais, repartidos en varios recreos ao longo dunha semana, onde o protagonismo absoluto o tivera o alumnado, para falar e analizar temas de actualidade que fosen do seu interese. Para tal fin, procedeuse a repartir información a cada alumno/a de 3º e 4º, explicando en que consistía a actividade, que sería voluntaria, aínda que se valoraría a participación nela para as materias de historia, xeografía e ética; ademais serían eles quen elixirían os temas a tratar, dunha lista orientativa que lle proporcionamos e na que tiñan que engadir os que considerasen do seu gusto. Un bo número de alumnxs mostrouse atraído dende o principio -contamos coa participación de 62 persoas- elaboramos o listado de temas e empezamos polo máis votado por elxs: "Sexo e xénero. A situación da muller no mundo actual". 


Decidimos organizalo repartindo primeiro un dossier con documentos relacionados co tema a tratar,  escollendo a 4 alumnxs de 4ºESO para preparalo a fondo e presentalo ante o resto dos compañeirxs. Un deles guiaría a presentación xeral, outra compañeira faría de moderadora, pero tamén puntualizaría cada punto destacado dándolle pé a intervir ao compañeiro e á compañeira que asumirían os roles enfrontados -pro e contra- como procedemento que axudaría a dinamizar o debate e a saber atopar os argumentos requeridos; namentres que o público podería intervir sempre que o considerase, procurando respectar sempre o turno de palabra, sabendo falar e escoitar.


A pesar de que se retrasou por mor das avaliacións, dos resfriados e de encontrar o mellor momento, por fin nos lanzamos a esta nova aventura para aprender a debater e a coñecer e analizar a apaixonante e complexa realidade que nos rodea. Na primeira sesión os nervios estiveron a flor de pel, pero na segunda parte xa estaban todxs afeitos a esta dinámica que nos descubriu dotes de comunicadores, de polemistas, de reflexións e argumentos ben acaídos, e do logro dun ambiente propicio para a dialéctica. 






Noraboa e grazas a todxs pola vosa actitude 
e pola vosa participación!!





No hay comentarios: