18/6/14

GRANDES AVENTUREIROS DE ONTE E DE HOXE: ALIX, O VIAXEIRO DO MUNDO ANTIGO




Jacques Martin foi un debuxante francés nacido en 1921 en Estrasburgo e finado en 2010, que dende neno tivo tres grandes paixóns: a arte clásica, a historia e a banda deseñada. Trasladado a Bélxica, compatibilizou os seus estudos de Inxeñería cos de artes e oficios, aínda que  a súa auténtica vocación era chegar a ser autor de banda deseñada.

Tras a segunda guerra mundial colaborou con Hergé, asimilando o estilo do mestre coñecido como a “liña clara” (gran precisión no debuxo e a recreación dos escenarios, menos importancia do sombreado) e empeza a publicar as súas historietas na revista “Tintín”, sendo a primeira delas Alix, o intrépido (1948). Logo seguirían outros personaxes, como Lefranc (ambientado no mundo contemporáneo), Jehn (na Idade Media) ou Keos (no Exipto dos faraóns).

Pero Alix será a súa creación mais importante. Sobre el o seu autor declarou: “Alix é o froito do meu amor pola Grecia e polo Mundo Antigo”. As súas aventuras configurarían unha saga que chegou a ser unha das mellores bandas deseñadas de ambientación histórica realizadas xamais en Europa, acadando gran favor entre o público e a estima dos especialistas, polo seu gran rigor e fidelidade na reconstrución dunha época.

O protagonista é Alix, un mozo galo adoptado por un patricio romano, que vive unha serie de aventuras nos tempos de Xulio César, acompañado por un amigo exipcio chamado Enak. O seu antagonista nas primeiras historias será o astuto grego Arbacés. No transcurso das súas viaxes polo mundo coñecido de entón, establecerá contacto con diversas culturas e civilizacións: Exipto, Grecia, Asia Menor, e incluso a India e China.
As súas historias teñen sempre unha sólida base argumental, fuxindo dos tópicos ó uso e do simple maniqueísmo que afronta ós “bos” cos “malos”. A civilización romana, nos seus aspectos benéficos, está vista con admiración, pero tamén aparecen as súas sombras. Vemos desfilar polas súas páxinas moitos personaxes históricos reais, como César, Pompeio, Vercinxétorix, Espartaco, etc.
O grafismo, nos comezos algo tosco, foi mellorando a medida que se sucedían os episodios, habendo un punto de inflexión en 1958 con “A tiara de Oribal”, que daría lugar ás súas mellores historias, tanto polo argumento como polos seus soberbios debuxos:
-“A Garra Negra (1959): Na que a persecución dunha secta cartaxinesa nos levará ó corazón do continente africano.
-“As lexións perdidas (1965): A espada de Vercinxétorix será o símbolo que utilice Pompeio para sublevar toda a Galia contra César.
-“O derradeiro espartano (1967): Tras un naufraxio en augas do Exeo, Alix descubre un bastión onde resisten os últimos gregos que, comandados por Alcidas, soñan con expulsar o invasor romano.
-“A Tumba Etrusca (1968): Durante a guerra civil que afrontou a César con Pompeio, uns sacrificios humanos poñen sobre o ronsel dunha conspiración que quere restaurar a monarquía.
-“O Deus Salvaxe (1970): Nunha cidade da costa africana, unha enigmática estatua do deus Apolo é desenterrada. A partir de aí teñen lugar unha serie de seísmos e outros estraños sucesos...


Aínda que os gustos do público cambiaron, e hoxe se levan máis as truculencias dun Frank Miller (300) ou dun Jean Dufaux (Murena), as bandas deseñadas de Alix non perderon vixencia e representan outro xeito de aproximarse ó pasado grecorromano, un mundo no que toda clase de aventuras eran posibles.
Como curiosidade dicir que Goscinny e Uderzo idearon en 1959 a primeira historieta de Astérix o galo como homenaxe e parodia do personaxe de Jacques Martin. Por exemplo, no lugar dun protagonista adolescente, preséntannos un home de mediana idade con mostachos, en vez de Enak temos a compaña do inseparable Obélix, os romanos son de seguido ridiculizados... Despois o novo personaxe gañaría en matices e independencia, para dar lugar á serie cómica que todos coñecemos, sendo tamén un gran viaxeiro como Alix; aínda que, ó contrario que neste último, os tópicos e a intención satírica sexan o ingrediente principal das súas historias.

                         (Nacho, profe de Plástica e bo coñecedor da BD)



No hay comentarios: