4/11/14

BEGOÑA CAAMAÑO, IN MEMORIAM

Non queremos deixar de adicarlle a nosa lembranza e agarimo á escritora galega Begoña Caamaño, a quen tivemos a sorte de coñecer de perto e de compartir con ela, en febreiro de 2012, unha sesión do "Club de Lectura de Profes", na que lle dimos sentido á lectura de "Circe ou o pracer do azul".



Prendidos da elegancia e riqueza da súa escrita e da forza do seu contido, a súa presenza naquel xantar e na conversa connosco foi entrañable, sensible, fonda, amable e xenerosa.

O seus libros estarán expostos e destacados na nosa biblioteca este novembro, en relación as actividades que faremos sobre os "Bos Tratos" nas relacións, e como magnífico exemplo do que partir para repensar o amor, para unha necesaria educación emocional e sentimental.


   "Lectura profunda sobre o concepto do amor e das relacións amorosas, que se entenden en xeral como exclusivas, privativas, posesivas, como orde social, como estatus, egoístas, na busca de protección ás máis das veces; e sobre todo con ese equívoco, que tanto se dá en mulleres como en homes, de sacrificar a liberdade e supeditar a felicidade a un ideal de persoa na que centrar a vida e de quen se fai depender a felicidade, sen pararse a pensar que a felicidade de cada un depende só de un mesmo, ninguén alleo a nós pode resolvela, outra cousa é saberse acompañar ou sentirse ben acompañado polo paseo da vida. Por iso o máis significativo da historia para min é a mensaxe que encerra o título: ese acadar “o pracer do azul”, que é nin máis nin menos que disfrutar a vida por un mesmo, sen sentir  dependencia, ausencias ou angustia, sen esa postura vital errada de disfrutar do horizonte só a través dos ollos do namorado. Esa sensación da vida plena e propia, sobre todo nunha muller, é a máxima ambición, a liberdade real, nada fácil, xa que todos somos sensibles ante o querer, pero sempre que sexan amores que liberen, non que aten. Así entendo a liberación de Penélope.
    Circe é un ser libre, xeneroso, rebelde, que sabe vivir o seu namoramento, pero tamén deixalo ir, e compartilo sen posesión, mais ao seu namorado lle esixe paixón e liberdade. Arrisca sempre coa verdade, tan denostada hoxendía, pero espera unha esposa celosa nas cartas e se sorprende ata descubrir a infelicidade de Penélope. É curioso como o coñecemento dunha persoa varía dunha relación a outra: unha muller mostra un Ulises ególatra e fachendoso, nada tenro; e outra un amante e compañeiro magnífico. O caso é que así se mostra con unha e con outra; dúas caras diferentes da mesma persoa: frío  antes, apaixonado agora por mor do amor verdadeiro.
     A conexión  que podemos establecer dende estes prototipos e dende o xogo da recreación dos personaxes femininos, ata a sociedade actual, pasa por querer facer un exercicio de desposesión e de protagonismo das  dúas mulleres, para entender as súas actitudes fronte ao heroe principal, en función de quen están orixinariamente, para actualizar o mito e deixalo descarnado, humanamente descarnado, como o home actual, que en gran medida pareceu perder o seu papel, tentando adaptarse a un novo xogo de relacións onde aparecen ingredientes novos xunto a outros tan vellos como manter o matrimonio a base da infidelidade, para manter un estatus, un xogo hipócrita aceptado e enmascarado socialmente dentro do políticamente correcto. Non depende pois tanto de crenzas, de moral, de relixión, de idearios políticos, como da posición económica e social acadada. Por iso aínda se mantén o “amor “ao estilo burgués en gran medida", (P.F.B.)



















Deixamos o enlace á antiga entrada daquela reunión, onde constan os comentarios de varias compañeiras e compañeiros.

Con total respecto -e xa que se fixeron públicas- queremos compartir as palabras que falan da vida e da morte, que a propia autora escribiu como despedida á súa amiga Uxía Senlle: estremecidas e calmas, tristes e ledas, fondas e sinxelas, tan lenes como intensas, claras como a vida cando é sabia, comprometidas, tenras, sensibeis... Non podemos menos que amala dende lonxe...

http://www.sermosgaliza.gal/articulo/cultura/carta-despedida-begona-caamano/20141030072031031851.html

Acreditamos que tiña luz a súa persoa e que a ten a súa obra, 
que queda entre nós.

1 comentario:

ana dijo...

Unha entrada sentida e marabillosa, Paula.