9/2/12

Formación de usuarios da Biblioteca Escolar

Formación de usuarios on PhotoPeach


Este curso, unha das nosas prioridades era establecer a Formación de Usuarios de Bibliotecas para todos os niveis da ESO.


Como tiñamos planificado, foi impartida no 1º trimestre polas profesoras da Comisión da B.E. coa colaboración voluntaria de varias profesoras e a presenza dos titores/as : 

-       Os grupos de 2º, 3º e 4º foron formados en 3 sesións  cun achegamento ao  esencial sobre a CDU, a organización e instalación dos fondos da nosa biblioteca, dos servizos que  prestamos, sobre o contido dos blogs, etc; tendo como resultado unha valoración moi positiva por parte do alumnado, se ben botaron en falta máis sesións prácticas.
-   Os grupos de 1º asistiron ás sesións na biblioteca, acompañados dos seus titores/as, nesta actividade programada para un trimestre na hora semanal do Print; pero como comezamos a mediados de outubro, aínda seguen co traballo da 2ª unidade sobre Formación Documental guiados polos seus titores/as. Valoraron a formación como interesante, práctica, necesaria, entretida, dándolle a coñecer un mundo ao que agora se achegan co entusiasmo e a seguridade que dá o coñecemento dos seus usos, funcións e actividades, tanto no espazo real como no espazo dos blogs da B.E. e do Club de Lectura, onde algunhas das cousas que botaron en falta foron xogos educativos e máis música, e chamoulles moito a atención o kiosco de prensa, os audiolibros, o acceso ao catálogo da  biblioteca, a trastocada vida da Fantasma Cali (moradora perpetua da Calixtina) e moitas das actividades pasadas, onde comprobaron que os seus antigos compañeiros/as e nós o pasamos moi ben participando delas.

A verdade é que quedamos moi satisfeitas do traballo realizado e agradecemos a boa predisposición xeral; sen olvidar facer extensiva a formación entre o profesorado tamén -¡no caso de necesitala!-. Así as cousas, conseguimos acadar un mellor e maior funcionamento dos espazos bibliotecarios, que son múltiples e de todos nós.

Só engadir que para o próximo curso estamos ampliando o noso coñecemento sobre “Educación Documental Dixital”, que vos ofreceremos para saber máis e máis, neste mundo tan amplo que parecera non ter límites…


Ah!, e non deixedes de ver a

Exposición do “Catálogo de Best-sellers Imaxinarios”

magnífica mostra de aprendizaxe e inventiva que vos mostraremos na próxima entrada de formación de usuarios.

No hay comentarios: