30/11/12

Semana contra a violencia de xénero: Olympe de Gouges



É sabido que no século XVIII  alumeáronse en Europa algunhas ideas decisivas para o mundo contemporáneo: novas formas de organización política, a fin dunha vella orde social, o afianzamento do capitalismo, a confianza na razón, na ciencia e no progreso. Todas elas tiñan orixes máis remotas (ou máis ou menos próximas), pero condensáronse dunha maneira definitiva naquelas datas. Do repuxón intelectual dese século vivimos os dous seguintes: a favor, en contra, con matices, con críticas…

A francesa Olympe de Gouges viviu nese século duro e apaixonante. Filla ilexítima dun nobre, naceu nunha familia cun pequeno negocio nunha cidade do sur, afastada por completo de calquera preocupación intelectual, que lle forneceu a Olympe unha infancia desafogada e as armas de supervivencia social para unha muller habituais no seu medio: o matrimonio. Sen embargo, aproveitando ben as circunstancias dramáticas e as relacións que lle foron saíndo ó paso, cun gran desexo de saber, alimentado por anos de lectura semiclandestina (o normal era que a meirande parte das mulleres non soubesen ler), Olympe fíxose co control da súa propia vida. Aquí reside, dende o meu punto de vista, a gran modernidade desta muller. É especialmente coñecida pola súa Declaración dos dereitos da muller e da cidadá no contexto da Revolución francesa, documento que senta as bases claras da loita pola igualdade dos dereitos das mulleres, pero é na súa vida persoal, intelectual e política onde se manifesta enteiramente contemporánea: libre no persoal (logo de enviuvar, ten unha rica vida afectiva e sexual sen volver a casar), aberta ás correntes intelectuais do seu tempo, labra unha carreira como autora teatral sen complexos, defende as causas que considera xustas con paixón (a fin da escravitude, o dereito da muller ó divorcio…) e participa na vida política cunha independencia de criterio e unha coraxe digna de admiración nos tempos actuais, enfrontándose a cantos poderosos foron xurdindo nos anos da revolución, o que a conduciu directamente á guillotina, ese hixiénico invento francés para cortar cabezas.

A enteira reivindicación da súa figura estase a producir tardiamente na sociedade francesa. E desa recuperación chéganos a nós a magnífica novela gráfica  OLYMPE DE GOUGES, dos debuxantes Catel Muller e José-Louis Bocquet, que vos convido a ler. Un auténtico pracer.

Xoan González Leirós. 

3 comentarios:

ana dijo...

Teño moitas ganas de lelo e a túa reseña, Xoan, aínda o fai máis apetecible.

ana dijo...
Este comentario ha sido eliminado por un administrador del blog.
Anónimo dijo...

Teño Janiñas de lelo =)