12/6/13

Tamén len 50... co alcalde Marcos Besada


Para rematar este curso de interesantes sesións mensuais de lecturas e conversas compartidas con diversas persoas da contorna, e coincidindo coa sesión número 50 do Tamén Len, que mellor que volver a contar coa presenza compracida do alcalde de Salceda, Marcos Besada, que sempre tenta acudir á nosa chamada para colaborar nas actividades que lle propomos.


Foi inaugurado o acto pola música dos expertos gaiteiros Aitor e Christian, alumno e exalumno respectivamente. Seguiu a presentación feita para esta ocasión tan especial, polo verbo ilustrado de José Luis, o noso mestre-bibliotecario e artífice destas sesións que teñen tan longa vida, quen encantado segue a colaborar con nós sempre que llo demandamos.

A mención teatral ao gran Calderón de la Barca e o seu “alcalde de Zalamea” -ese drama de honor e xustiza do século XVII- serviu para  elaborar un paralelismo ou reflexión de alcalde a alcalde nestes tempos tan difíciles, a así presentar ao noso invitado.

Marcos Besada, fixo unha axeitada elección ao vir co libro de Vicente Risco, “O porco de pé”, entre as mans. Destacou esta lectura que para el é moi significativa porque fala da perda de valores desvirtuados pola ambición do diñeiro, sendo estes vicios sociais xerados polo mal uso do poder criticados con burla polo autor.

Chegado o turno de preguntas, as demandas ao alcalde dominaron a escena, que con amabilidade, humor e boas intencións contestou. Marcos Besada demostrou ser un conversador infatigable e apaixonado falando de plans culturais e educativos que defende firmemente para este municipio, promovendo unha recuperación e apertura de diferentes liñas de investigación sobre a historia local.


Grazas a todos/as pola vosa presenza e participación.

2 comentarios:

Yaisha Estévez Vila dijo...

Como me gustaría poder acudir de novo a algunha das sesión do tamén len nas que tan ben o pasaba.
Alégrome moito de que se manteña viva esta bonita actividade.
Moitísimos bicos

Anónimo dijo...

Que gusto saber que seguides por aquí. Grazas Yaisha dende a Calixtina. Esperamos poder intercambiar boas experiencias. Ciao. Paula.