Para rematar este curso de
interesantes sesións mensuais de lecturas e conversas compartidas con diversas
persoas da contorna, e coincidindo coa sesión número 50 do Tamén Len, que
mellor que volver a contar coa presenza compracida do alcalde de Salceda, Marcos Besada, que sempre tenta acudir
á nosa chamada para colaborar nas actividades que lle propomos.
Foi inaugurado o acto pola música
dos expertos gaiteiros Aitor e Christian, alumno e exalumno
respectivamente. Seguiu a presentación feita para esta ocasión tan especial,
polo verbo ilustrado de José Luis, o
noso mestre-bibliotecario e artífice destas sesións que teñen tan longa vida, quen
encantado segue a colaborar con nós sempre que llo demandamos.
A mención teatral ao gran Calderón de la Barca e o seu “alcalde
de Zalamea” -ese drama de honor e xustiza do século XVII- serviu para elaborar un paralelismo ou reflexión de
alcalde a alcalde nestes tempos tan difíciles, a así presentar ao noso
invitado.
Marcos Besada, fixo unha axeitada
elección ao vir co libro de Vicente
Risco, “O porco de pé”, entre as mans. Destacou esta lectura que para
el é moi significativa porque fala da perda de valores desvirtuados pola ambición
do diñeiro, sendo estes vicios sociais xerados polo mal uso do poder criticados
con burla polo autor.
Chegado o turno de preguntas, as
demandas ao alcalde dominaron a escena, que con amabilidade, humor e boas
intencións contestou. Marcos Besada demostrou ser un conversador
infatigable e apaixonado falando de plans culturais e educativos que defende
firmemente para este municipio, promovendo unha recuperación e apertura de
diferentes liñas de investigación sobre a historia local.
Grazas a todos/as
pola vosa presenza e participación.
2 comentarios:
Como me gustaría poder acudir de novo a algunha das sesión do tamén len nas que tan ben o pasaba.
Alégrome moito de que se manteña viva esta bonita actividade.
Moitísimos bicos
Que gusto saber que seguides por aquí. Grazas Yaisha dende a Calixtina. Esperamos poder intercambiar boas experiencias. Ciao. Paula.
Publicar un comentario