Non queremos deixar de adicarlle a nosa lembranza e agarimo á escritora galega Begoña Caamaño, a quen tivemos a sorte de coñecer de perto e de compartir con ela, en febreiro de 2012, unha sesión do "Club de Lectura de Profes", na que lle dimos sentido á lectura de "Circe ou o pracer do azul".
Prendidos da elegancia e riqueza da súa escrita e da forza do seu contido, a súa presenza naquel xantar e na conversa connosco foi entrañable, sensible, fonda, amable e xenerosa.
O seus libros estarán expostos e destacados na nosa biblioteca este novembro, en relación as actividades que faremos sobre os "Bos Tratos" nas relacións, e como magnífico exemplo do que partir para repensar o amor, para unha necesaria educación emocional e sentimental.
"Lectura profunda sobre o concepto
do amor e das relacións amorosas, que se entenden en xeral como exclusivas,
privativas, posesivas, como orde social, como estatus, egoístas, na busca de
protección ás máis das veces; e sobre todo con ese equívoco, que tanto se dá en
mulleres como en homes, de sacrificar a liberdade e supeditar a felicidade a un
ideal de persoa na que centrar a vida e de quen se fai depender a felicidade,
sen pararse a pensar que a felicidade de cada un depende só de un mesmo,
ninguén alleo a nós pode resolvela, outra cousa é saberse acompañar ou sentirse
ben acompañado polo paseo da vida. Por iso o máis significativo da historia
para min é a mensaxe que encerra o título: ese acadar “o pracer do azul”, que é
nin máis nin menos que disfrutar a vida por un mesmo, sen sentir dependencia, ausencias ou
angustia, sen esa postura vital errada de disfrutar do horizonte só a través
dos ollos do namorado. Esa sensación da vida plena e propia, sobre todo nunha
muller, é a máxima ambición, a liberdade real, nada fácil, xa que todos somos
sensibles ante o querer, pero sempre que sexan amores que liberen, non que
aten. Así entendo a liberación de Penélope.
Circe é un ser libre,
xeneroso, rebelde, que sabe vivir o seu namoramento, pero tamén deixalo ir, e
compartilo sen posesión, mais ao seu namorado lle esixe paixón e liberdade. Arrisca
sempre coa verdade, tan denostada hoxendía, pero espera unha esposa celosa nas
cartas e se sorprende ata descubrir a infelicidade de Penélope. É curioso como
o coñecemento dunha persoa varía dunha relación a outra: unha muller mostra un Ulises ególatra e fachendoso, nada
tenro; e outra un amante e compañeiro magnífico. O caso é que así se mostra con
unha e con outra; dúas caras diferentes da mesma persoa: frío antes, apaixonado agora por mor do amor
verdadeiro.
A
conexión que podemos establecer dende
estes prototipos e dende o xogo da recreación dos personaxes femininos, ata a
sociedade actual, pasa por querer facer un exercicio de desposesión e de
protagonismo das dúas mulleres, para
entender as súas actitudes fronte ao heroe principal, en función de quen están orixinariamente,
para actualizar o mito e deixalo descarnado, humanamente descarnado, como o
home actual, que en gran medida pareceu perder o seu papel, tentando adaptarse
a un novo xogo de relacións onde aparecen ingredientes novos xunto a outros tan
vellos como manter o matrimonio a base da infidelidade, para manter un estatus,
un xogo hipócrita aceptado e enmascarado socialmente dentro do políticamente
correcto. Non depende pois tanto de crenzas, de moral, de relixión, de idearios
políticos, como da posición económica e social acadada. Por iso aínda se
mantén o “amor “ao estilo burgués en gran medida", (P.F.B.)
Deixamos o enlace á antiga entrada daquela reunión, onde constan os comentarios de varias compañeiras e compañeiros.
Con total respecto -e xa que se fixeron públicas- queremos compartir as palabras que falan da vida e da morte, que a propia autora escribiu como despedida á súa amiga Uxía Senlle: estremecidas e calmas, tristes e ledas, fondas e sinxelas, tan lenes como intensas, claras como a vida cando é sabia, comprometidas, tenras, sensibeis... Non podemos menos que amala dende lonxe...
http://www.sermosgaliza.gal/articulo/cultura/carta-despedida-begona-caamano/20141030072031031851.html
Con total respecto -e xa que se fixeron públicas- queremos compartir as palabras que falan da vida e da morte, que a propia autora escribiu como despedida á súa amiga Uxía Senlle: estremecidas e calmas, tristes e ledas, fondas e sinxelas, tan lenes como intensas, claras como a vida cando é sabia, comprometidas, tenras, sensibeis... Non podemos menos que amala dende lonxe...
http://www.sermosgaliza.gal/articulo/cultura/carta-despedida-begona-caamano/20141030072031031851.html
Acreditamos que tiña luz a súa persoa e que a ten a súa obra,
que queda entre nós.
1 comentario:
Unha entrada sentida e marabillosa, Paula.
Publicar un comentario