20/3/15

PRIMAVERA, ECLIPSE E CALOR

Certo é que hoxe foi un día ben especial: a primavera entrou ao grande, saímos ao aire libre, o caloriño calou nos nosos miolos e, ademais,  poidemos contemplar un eclipse de sol en día festivo. Que máis se pode pedir?!


En Vigo tivemos a oportunidade de acudir ao paseo da praia do Vao, onde a Asociación Astronómica Rías Baixas, Astrovigo e Fundación Ceo e Cultura puxeron á nosa disposición os utensilios idóneos para contemplar os astros. A pesares de ter que madrugar, o ambiente era magnífico, relaxado, falando con uns e outros, vendo os diferentes aparellos feitos por afeccionados tamén; nenos xogando, pero tamén interesados no eclipse, unha mañá para disfrutar, pasear pola beira do mar, sentir a calor e facer unha chea de amables fotos ben compostas, que quedan como testemuño da cantidade de dispositivos que nos acompañan no día a día nesta modernidade que vivimos. 


A Asociación Astronómica Rías Baixas ten unha boa páxina (aquí enlazada) para quen  estea interesado/a nestes temas. Pablo Martínez Alemparte axudounos a entender mellor o eclipse e a captalo adecuadamente, ademais de enterarnos de que dá charlas sobre temas de astronomía en centros escolares. Así que, xa sabedes, non temos máis que poñernos en contacto a través da páxina web e organizar dita visita para que veña a compartir connosco todo o que sabe sobre o "firmamento"... Pensarémolo como posible actividade a realizar!
(Por certo, a imaxe que abre esta presentación de diapos é a que leva Pablo Alemparte na súa camiseta, deseñada en exclusiva pola súa propia irmá, iso contounos).

No hay comentarios: