PICOÑA, AVALLE E PEGULLAL
Todos os anos, no IES Pedras Rubias, organizamos
unha actividade complementaria que consiste nunha visita aos Pazos de
Picoña, Avalle e Pegullal, unha actividade que quedou fixada dada a súa
importancia para o coñecemento directo do patrimonio monumental, cultural e
histórico-artístico de Salceda de Caselas.
Está destinada ao alumnado de 4ºESO, organizada
polo Departamento de CC.SS. e traballada na materia de Historia
Contemporánea en relación ao tema da fidalguía, da propiedade da terra e
das explotacións agrarias na Galicia moderna e contemporánea. Así mesmo permite
un achegamento práctico ás formas da arquitectura barroca galega aplicada a
estas construcións rurais pacegas, ou Casas Grandes.
A súa posible realización debemos agradecela á
amabilidade das familias propietarias de cadanseu pazo, e ao papel de
intermediario e de guía excepcional do mestre Manuel Prego Español, que cada
ano –incluso xubilado- ten unha resposta afirmativa para nós e é quen de acompañarnos
e sorprender ao alumnado coa súa información privilexiada, procedente do
traballo de investigación sobre os pazos locais da súa autoría, que foi
publicado polo Concello. ("Unha ollada á Historia de Salceda de Caselas")
O sentido da visita é activo e participativo por parte
dos alumnos/as que teñen que cubrir in situ os datos dunha Ficha de Traballo
elaborada polo propio Departamento de CC.SS., que lles permite fixar a atención
e facer o seguimento das explicacións que lles van desvelar o significado de
escudos e linaxes, formas arquitectónicas e escultóricas, tipo de explotación,
modos de vida, pervivencia e actual función destas propiedades, estado de
conservación, etc.
O achegamento ao outro lado destes muros, descobre
para eles unha realidade fascinante e exclusiva, tanto no caso da
“deconstrución” do Pazo da Picoña, obxecto da herdanza repartida (partixas)
que levou á súa deteriorización e á aplicación de materiais propios do “feísmo
galego” pemitidos ao longo do tempo; como no caso do coidado estado de
conservación e uso dos Pazos de Avalle e Pegullal, que son mostra do
aproveitamento para explotacións de vide ou de kiwi, respectivamente. Como nos
comentaba a actual propietaria de Avalle, cando a súa familia decidiu comprar
este pazo coas súas terras, o que lle deixaron foi un novo modo de vida, que
valora extraordinariamente e ao que se adaptou encantada.
Queremos compartir con vós esta viaxe ao pasado da
nosa localidade e difundila como actividade que reporta un desenvolvemento de
competencias básicas a partir do coñecemento e valoración da realidade cercana.
Achegamos a Ficha de Traballo e un resumo da
información relativa a cada pazo.
2 comentarios:
Buscurando neste tan complexo mundo da investigación que nos permite Internet, cheguei á visita dos pazos dos alumnos de 4º ESO neste Curso 2014-15. Comprobei que non me tedes olvidado e agradezo o comentario que sobre a miña persoa facedes.
Contade sempre conmigo, é para mín unha honra. Vos felicito.
Unha forte aperta. Español.
Acabo de ver o voso comentario, que agradecemos. Xa sabemos que contamos con vostede, e vostece connosco. Apertas
Publicar un comentario