11/1/15

HOMENAXE AOS MÁRTIRES DE SOBREDO




   A HOMENAXE AOS MÁRTIRES DE SOBREDO trátase duha actividade interdisciplinar de 4º ESO, que serve de marco de convivencia porque é compartida cos  institutos de Tui: San Paio e Indalecio Pérez Tizón, e co CEP. Altamira de Salceda. Ademais de ser organizada polos Departamentos de CC.SS. e Lingua Galega dos Centros mencionados, xa que se trata dun acto histórico-literario, onde están presentes textos e poemas alusivos que evidencian a problemática situación vivida polo campesiñado e o agro galego, ao que lle adicamos un par de horas dunha fría mañá de outono.

         Todos os anos, coincidindo coa data do 28 de novembro, facemos unha lembranza dos feitos acontecidos a poucos quilómetros de nós, nun día 28 de novembro do ano 1922, relacionados coas loitas agrarias de comezo do século XX, que demandaban a Abolición ou a Redención dos Foros e que provocaron diversas represións co resultado, neste caso, da morte de tres campesiños/as e numerosos feridos, conmemorada cun MONUMENTO aos Mártires de Sobredo levantado en 1932 na época da II República por iniciativa das Sociedades de Agricultores e Gandeiros e os Sindicatos Labregos e Obreiros, demolido na represión falanxista no contexto da Guerra Civil de 1936, e recuperado en 1987 coa chegada da democracia. Espazo onde nos reunimos e relatamos o noso respecto ás vítimas da represión. Dita conmemoración permite á mocidade participar nun acto singular, nun lugar da memoria popular, nun acto de loita pola dignidade das persoas e por un mundo maís xusto e solidario.
            Tamén nos acompañan o mestre Paco González e Darío Vila Costas, o tesoreiro do Instituto de Estudos Agrarios Mártires de Sobredo (IEAMSO), que porta o estandarte da parroquia de Parderrubias, o único que se conserva do municipio. Data de 1913 e pertencía a Sociedade obreira e agrícola de Parderrubias e foi doado por un emigrante do lugar en Río de Xaneiro. Dende 2012 temos un acordo de colaboración co citado IEAMSO, aprobado en Claustro.

         Serve para saber que pasou e recuperar a nosa memoria histórica, como era a vida dos nosos devanceiros, como era a política e a sociedade do momento, cales eran as condicións de vida e o esforzo colectivo que fixeron. E o recordamos mediante textos históricos, poemas, música e flores, nun acto sinxelo pero cheo de significado.
         Están as palabras e versos de Rosalía de Castro, de Ramón Cabanillas, de Luís Seoane, Curros Enríquez, Álvarez Caccamo, Antón Avilés de Taramancos, Manuel Rivas, Manuel Portela Valladares, Tomás Rodríguez Sabio, e incluso os versos dun antigo alumno do IES Pedras Rubias: Brais González.



         O remate consta dunha ofrenda floral onde cada un de nós deixamos un caravel  ao son da Marcha do Antigo Reino de Galicia, interpretada en directo para a ocasión por un grupo de alumnos/as que tocan gaitas, tambores, pandeiros, panderetas, etc. Seguidamente é interpretado e cantado con solemnidade por todas as persoas presentes o Himno de Galicia.
Pero aínda queda un momento para disfrutar da charla e do intercambio de pareceres facendo a homenaxe culinaria ás exquisitas roscas das que damos conta nun pispás.



2013-11. 016. Rosa dos ventos. Sobredo 067 from biblosvivos on Vimeo.



2013-11. Sobredo. 066 from biblosvivos on Vimeo.



2013 Sobredo 068 from biblosvivos on Vimeo.



2013-11. Sobredo. from biblosvivos on Vimeo.



2013-11 Sobredo. from biblosvivos on Vimeo.

No hay comentarios: