E despois de compartir con vós as nosas descubertas viaxeiras pasamos a facer un rápido repaso do comezo das actividades da biblioteca e das novidades literarias.
Novidades da nosa biblioteca:
Como moitos de vós ben sabedes, comezamos o curso cunha reordenación exhaustiva dos fondos da nosa Calixtina porque a coitada daba peniña e queríamos tela ordenada e ben feitiña para dar comezo á Formación de Usuarios que recibiredes tódolos cursos nas vindeiras semanas.
O próximo luns 17 durante o recreo terá lugar a primeira sesión do Tamén len deste curso. Nesta ocasión a convidada é Saltina, mestra do Colexio Altamira.
E tamén o vindeiro luns 17 pero en horario de sobremesa, inauguramos o Club de Lectura. Paula e Xoán aínda non saben como van facer xa que este curso anotáchesvos MÁIS DE 70!!!!! (Terá algo que ver a excursión pola Ribeira Sacra e o vó en helicóptero?).
E os MQs non ían quedar atrás! Temos a primeira reunión o mércores 19 no recreo... y traemos TERRORÍFICAS ideas...
As listas de lecturas recomendadas van en aumento e pronto vos comentaremos as recomendacións feitas polos Departamentos de Ciencias e Música.
Novidades literarias e cinematográficas:
O poeta sueco Tomas Tranströmer vén de recibir o Premio Nobel de Literatura.
Agustín Fernández Paz resultou o gañador este ano do Premio de Literatura Infantil e Xuvenil de SM que se fallou na FIL (Feira Internacional do Libro) de Guadalajara (México). O Premio seralle entregado o 29 de novembro.
E, por suposto, libros e máis libros e películas, entre eles o último de Laura Gallego"Donde los árboles cantan" que saíu hoxe á venda, os audiolibros que vén de editar a editorial Rinoceronte, a estrea o mes que ven de "Amanecer" ou o último en xogo de rol e novela de ciencia ficción galega, dos que vos iremos informando nas vindeiras entradas.
A orixe desta marabillosa biblioteca, unha das máis fermosas do mundo, remóntase ao ano 1592 no que a raíña Isabel I autorizou a fundación do Trinity College. O edificio más antigo que se conserva, a Antiga Biblioteca, construiuse entre os anos 1712 e 1732. Na actualidade a Biblioteca componse de oito edificios onde descansan case tres millóns de volumes (desde 1801, calquera obra publicada en Gran bretaña e Irlanda debe enviar un exemplar a esta biblioteca).
Pero entre todos os seus tesouros destaca o Libro de Kells, do século IX, que contén un texto en latín dos catro evanxelios esplendidamente ornamentado. Crese que o libro de Kells foi creado e producido (total ou parcialmente) en Iona ou en Kells, de aí o seu nome. Isto faime pensar no noso desaparecido e benquerido Códice Calixtino, por onde andará?
Pero, por suposto, non fun a única viaxeira da biblio. Paula andou tamén visitando bibliotecas polo mundo adiante. Deixo mellor que volo conte ela:
" No verán estamos de vacacións. Cando podemos, ás veces viaxamos e nestas viaxes hai tantos lugares diversos que podemos visitar que hai que elixir por forza.
Dublín é unha cidade que non ten a monumentalidade doutras grandes capitais, pero ten unha vida nas súas rúas que nos atrapa totalmente. Un dos lugares máis interesantes e máis visitados, sen dúbida, é a Biblioteca Universitaria do Trinity College, da que falaremos na próxima entrada. Mais, por casualidade, tamén atopamos a Biblioteca Nacional, que nos pareceu un espazo de gran atractivo".
No meu breve viaxe por Europa, antes de Amberes estiven uns días en Amsterdam (vola recomendo a tod@s!) e, por suposto, tocou visita á Openbare Bibliotheek de Amsterdam (OBA) e ao seu estupendo restaurante con terraza panorámica.
Queredes ir visitala? Pois só tedes que acompañarme neste trepidante vídeo.
Os/as bibliófilos/as non descansamos nunca, nin sequera cando marchamos de vacacións perdemos os hábitos, como ides comprobar nas vindeiras entradas...
Este museo ten a súa orixe na vida e obra dun dos maiores impresores-editores de tódolos tempos: Christophe Plantin (Tours,1520-Amberes, 1589), que foi quen desenvolveu, xunto co inventor da imprenta Johannes Gutenberg, aspectos claves na historia da edición e que é considerado como o primeiro impresor industrial.
No ano 1576, Plantin que era daquela o Primeiro Tipógrafo Real de Felipe II, decide trasladar o "Compás Dourado” (a súa casa-imprenta) á praza Vrijdagmarkt de Amberes. Á súa morte, tanto a casa como a Officina Plantiniana pasan a mans do seu xenro Jan I Moretus e de aí, xeración en xeración, durante tres séculos os Moretus conservan, amplían e enriquecen tanto a mansión como o negocio.
En 1876, Edward Moretus decide converter o Compás Dourado en museo polo que inicia as negociacións co Concello de Amberes. O Museo abre as portas o 19 de agosto de 1877.
O valor de este marabilloso conxunto cultural é incalculable pois abrangue varios tesouros únicos:
A Officina perfectamente conservada coa imprenta onde atopamos as prensas máis antigas do mundo, a sala de tipos con coleccións tipográficas orixinais como a Garamond ou os tipos hebreos máis antigos, a sala de correctores, a librería que conserva aínda o listado de libros prohibidos ou Librorum Prohibitorum Index de 1569, a sala de ilustracións e estampas, a sala dos manuscritos, sala de edicións extranxeiras, sala da xeografía, a tras-tenda, o despacho do maestro Plantiniano e a fundición con series únicas e completas de ferramentas empregadas na fabricación dos tipos.
Os arquivos, única colección no mundo que se refire a imprenta que contén series ininterrompidas de rexistros contables que van da segunda metade do s.XVI ata 1865, e permiten coñecer a historia da imprenta e do pensamento occidental da época, polo que foron incluídos no “Rexistro da Memoria do Mundo" da Unesco o 4 de setembro de 2001.
Unha colección de 25.000 volumes anteriores a 1800, 638 manuscritos realizados entre os séculos IX e XVII, 154 incunables con exemplares tan valiosos como unha Biblia Gutenberg de 36 liñas e o 90% da producción Plantiniana.
O edificio renacentista do s.XV e as ampliacións con casas anexas dos séculos XVII e XVIII. No patio consérvase unha vide de Canadá do s.XVI.
Varias coleccións de arte que destacan pola súa variedade e riqueza: coiros dourados españois ou guadamecíes, gobelíns, mobles e cadros (19 deles de Peter Paul Rubens).
A colección do seu Gabinete de Estampas, relacionada coa ilustración dos libros, atesoura 791 bocetos, 2.846 planchas de cobre e 13.791 bloques de madeira tallada.
Estou por propoñer Amberes como destino para a excursión dos MQs e o club de lectura deste curso! Mentres, podedes visitalo premendo no vínculo do seu nome ou botándolle unha ollada ás fotos que conseguimos tomar.
Comezamos o curso entre crises, aumento de horarios, folgas e negras perspectivas para a educación pública pero con enerxía e ilusión, canto mais despois da alegría que nos supuxo recibir a finais do mes de xullo a distinción do Premio Sunshine Award concedido polo blog Hora de Ler. Toda unha honra.
Pedir desculpas pola tardanza en corresponder con este fermoso agasallo pero decidimos agardar a estar en activo e poder elaborar, entre todas as profes que formamos o equipo, a escolma dos blogs aos que queriamos premiar á nosa vez. E aí vai o noso listado; doce blogs que loitan día a día polo fomento da lectura e cren no seu poder para transformar o mundo nun lugar mellor.
Folga dicir que o listado, como todos, é incompleto e imperfecto, pero tiñamos que elixir só doce... Esperamos que aínda que o verán xa vai fóra vos faga tanta ilusión como nola fixo a nós.
Adiantarvos que vimos cheas de ideas. A biblioteca renovada e reorganizada (niso andamos), a formación de usuarios a piques de comezar, o blog no que pretendemos incorporar novas seccións, e o prazo aberto para anotarse nos MQs ou no club de lectura, só faltaba dar o sinal de saída: preparad@s, list@s, xa!
Os pasados días 22 e 23 de xuño os/as compoñentes do club de lectura, os MQs e o equipo de biblioteca ao completo (incluído o noso predecesor e benquerido compañeiro José Luís) marchamos de excursión para facer unha ruta literaria por terras do noso poeta homenaxeado nas Letras Galegas deste ano, Lois Pereiro.
O obxectivo era gozar da paisaxe ao tempo que recitabamos poesía e compartíamos tempo de camiñata e lecer entre risos e palabras.
Saímos de Salceda despois de rematar as clases e comer apresuradamente uns bocatas. A primeira parada foi Monforte, onde só nos deu tempo a visitar o Castelo dos Condes de Lemos. Partimos logo para o Incio, máis concretamente cara a igrexa de Santa Cristina do Viso, onde está enterrado Lois Pereiro. Alí lle rendemos a nosa modesta homenaxe recitando os seus versos. E rápido rápido cara o camping "Canón do Sil" en Parada do Sil antes que se fixera noite e tiveramos que montar as tendas ás apalpadas, perdón... uhmm... si que houbo unha parada moi breve en Castro Caldelas, por aquilo de mercar bicas (boíiiisiiimas).
Chegamos ao camping e montamos as tendas, aínda que o noso traballo nos custou! E despois dunha estupenda cea marchamos durmir (os que durmimos, claro!).
Á mañanciña, ben mantidos, fixemos unha pequena ruta ata o Mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil onde recitamos esperando a chegada da guía que tiñamos contratada.
E, tachán tachán, chegou o momento estrela da excursión... Para a nosa sorpresa o dono do camping é piloto de helicóptero e nos agasallou cunha viaxe: 5 prazas no helicóptero para ver a vista de paxaro a magnífica paisaxe do canón. Os profes renunciamos a entrar no sorteo (sniffff) e os/as afortunados/as partiron entre as caras de ciumes dos demáis. Consolámonos lendo...
E, precisamente, a entrada de hoxe consiste niso: CRITICAR. Agora que xa rematamo-lo curso, é un bó momento de criticar a máis non poder. Pero, tranquil@s... Que non cunda o pánico! Hoxe non imos centrar a nosa crítica en vós, non. Imos elaborar unha crítica do filme de terror "Insidious".
O argumento é o seguinte: Josh, a súa muller Reani e os seus tres fillos múdanse a unha nova casa. Cando o seu fillo pequeno, Dalton, sofre un accidente e cae nun coma, comezan a suceder extranos fenómenos na súa nova casa e a familia decide pedir axuda a unha médium.
O director desta película é James Wan. Seguro que o nome nos vos soa de nada... Pero, e se vos digo que é o productor e director da película "Saw"? Agora seguro que sí, non? Pois ben, Wan quería facer unha película de terror ao estilo dos anos 80 (é unha película moi parecida a Poltergeist) na que non saise nin unha pizca de sangue. É así foi! Nada de sangue. Iso si, os bonecos diabólicos asidos da "Guerra das Galaxias" que non falten :)
A película comeza moi ben: Uns títulos de crédito moi logrados, una música que engancha... En fin, bastante ben. Nos primeiros minutos non sucede nada. A partires do minuto 20, cando Dalton cae nun coma, comezan a suceder cousas estranas. Estranas e moi prededibles: os típicos pasos que veñen da porta, os ruidiños e golpes na cama do hermano menor, ou sexa o típico. Aquí a peli xa vai perdendo algo de forza. O seu problema principal e que non innova, estáncase nos efectos dos anos 80, non evoluciona. A medida que " a película más terrorífica dos últimos anos" (según o trailer) avanza, os estranos ruidos mistúranse con presenzas que veñen do outro mundo (do outro mundo ou da película que botaron na galega fai uns días). Estas "terroríficas" presenzas (drácula, o diaño... moi innovador, si señor!) causan máis gracia que medo. Por citar algo: cando o diaño estase a pintar as unllas no inferno... Por favor! Máis "ridículo" imposible. Esta é a primeira parte do filme: como vedes, o típico das películas de medo. O atípico ben na segunda parte. Se a primeira parte resulta algo inquedante (polas subidas de volume, a dichosa musiquiña....) a segunda parte é demasiado cómica.
Como vos dicía ó comezo, debido a tódo-los fenómenos extranos que suceden na casa, Josh e a súa muller (ela si que fai un papelón na película) deciden porse en contacto cunha médium. A médium ven acompañada de dous parapsicólogos. Más "lerdos" e non nacen: que se non saben como funciona a cámara de fotos, que se quen é mellor parapsicólogo.... Pois esa é a segunda parte: un paréntese que non conduce a nada (bueno, conduce a quedarse durmido na butaca do cine) e que non ten absolutamente nada que ver có principio. Na miña opinión, non poder que o espectador adocte tres posturas diferentes durante a película: ou é de medo ou cómica, pero por favor, non mistures ambas cousas ou só sonseguirás confundir o espectador.
Como vedes pouco a pouco a película vai aborrecende, resultando máis predecible e caendo nas redes de moitos intentos de "películas de terror" (Paranormal Activity, por exemplo).
Retomando a miña crítica: ao final, a médium coa "axuda" dos dous "parapsicólogos" ( a axuda das comiñas é inevitable) descarta que a casa estexa embruxada e dí que é Dalton, o seu fillo, que está embruxado. Aquí a película da un xiro de 360º.
A terceira parte (que non a vou contar, posto que é o final) é, no meu punto de vista, a mellor con diferenza. O final é moi confuso e eu tiven que volver a ver a película na rede, para aclarar como acaba.
Resumindo: unha película que comeza ben pero vaise desinflando pouco a pouco, a pesares do seu inesperado final. Queredes saber por que o califico como inesperado? Ide a ver "Insidious" xa que, polo menos, pasaredes o tempo, aínda que a película é como as 10000 películas de medo que se fixeron neste mundo.
E xa para remata-la miña crítica, podedes botar un vistazo o tráiler (que, por certo, agocha unha sorpresiña) ... Pasade un bó verán!
Con motivo da celebración das Letras Galegas, o departamento de Lingua Galega propuxo "sacar" os poemas de Lois Pereiro dos libros. Esta idea de liberar os poemas foi tirada do propio autor como xa vos contaramos na entrada de "Infusión de versos".
Como resultado dos vosos traballos organizamos a "frikiexposición" que está enfronte da biblioteca e das que vos deixamos aqui algunhas fotografías.
Esperabamos orixinalidade e, certamente, déstenos o que pedimos.
O alumnado de 1ºESO leu nesta derradeira avaliación unha obra de Xabier P. Docampo: "Cando petan na porta pola noite" ou "O misterio das badaladas". Isto foi o que lle pareceu...
- "A miña pranta de laranxa lima". José Mauro de Vasconcelos.
- "O misterio das badaladas". Xabier P. Docampo
Pensamos que non hai mellor xeito de pechar o luminoso mes de xuño, que coas palabras dos membros do noso Club de lectura para facernos a todos recomendacións de lecturas, que quedan expostas na entrada da nosa BE, esperando a volta de todos e todas, cun variado abano que vai dende o Lazarillo de Tormes, ata a saga de Federicco Moccia, pasando polo manifesto Indignádevos. Lecturas para todos os gustos, para soñadores/as, para pícaros/as, para aventureiros/as, para mangacas, incluso para quixotes... Así pois, levamos tamén os libros de vacacións, a tomar o sol e a ventilalos co paso das súas páxinas, unha a unha, paseniño...
Un caluroso saúdo estival desexa a todos e todas a COMISIÓN DA BIBLIOTECA.
Seguindo a recomendación de Gemma Lienas no noso "papel de MULLER de papel", mergulleime a pasada fin de semana (pola semana só hai tempo para poñer e corrixir exames) na lectura de "Mejillones para cenar" primeira novela da escritora alemana Birgit Vanderbeke coa que obtivo o Premio Ingeborg Bachmann en 1990.
Como vedes o libro non é nada recente pero teño que confesar que non coñecía o título nin a autora e foi todo un descubrimento!
Unha muller está preparando a cea favorita do seu home, mexillóns con patacas fritidas, mentres agarda cos seus fillos o seu regreso dunha importante reunión de traballo.
A eles non lles gustan os mexillóns.
O pai non dá chegado, e o nerviosismo se palpa no ambiente. A medida que asistimos como espectadores a esa espera, a filla maior (narradora) vainos desvelando aos poucos como é a relación que une os distintos membros da familia. Sen presa, imos descubrindo a un pai dominante, intolerante e violento e tamén presenciamos os distintos estados de ánimo que se suceden ante a posibilidade de que non regrese: ansiedade, rebeldía, liberación, medo...
Pareceume un libro francamente interesante para abordar o tema da violencia doméstica desde a visión dunha filla adolescente. Gustoume o estilo e a forma en que está escrito. Volo recomendo!
Leunos tres episodios dun libro antigo titulado "Corazón"(1886) de Edmundo Amicis. O libro é o diario dun neno, Enrique, durante un curso escolar. Español comentounos que o exemplar rescatárao dun colector do lixo no colexio C.R.A da Picoña cando chegou a Salceda a dar clase. Tamén nos dixo que daquela era lectura obrigatoria nos colexios e que máis tarde o prohibiran por motivos políticos.
Recomendounos para ler un libro do mesmo autor titulado "Novela de un maestro" e logo adicámonos a falar de todo un pouco e a gozar de novo coa súa compaña.
Se tivese lido este libro uns meses antes, sen dúbida o tería recomendado no Papel de muller de Papel, porque aúna a loita dunha rapaza para saírse do camiño marcado para unha muller na súa época, con ser un libro fresco, diferente e delicioso.
O libro comeza a relatar a historia de Calpurnia Virginia Tate, chamada "Callie Vee", no verán de 1899 nun pobo algodonero de Texas. Calpurnia ten entón "once anos e tres cuartos", é a única rapaza de entre sete irmáns e sempre se sentiu diferente.
"Yo nunca me clasifiqué a mí misma como las demás niñas. Era diferente, no era de su especie. Nunca pensé que mi futuro iba a ser como el de ellas. Pero ahora sabía que eso era falso, que yo era exactamente como las demás: se esperaba que yo entregara mi vida a una casa, un marido y unos hijos. Se suponía que dejaría mis estudios naturalistas, mi cuaderno y mi amado río. Había algo perverso en toda esa costura y cocina que intentaban imponerme, en esas lecciones pesadas que yo esquivaba y rechazaba".
Nos meses seguintes, da man do seu avó, asistirá aos avances do século que comeza: instalación do primeiro teléfono, exhibición dun automóbil, lectura da "Teoría das Especies" de Darwin, mentrés no seu interior sufrirá a revelación dunha vocación científica que non encaixa dentro do que se espera para unha moza casadeira de boa familia naqueles tempos.
"Me contó maneras de llegar a la verdad de cualquier tema, no sólo sentándose a pensar en ello como Aristóteles (un señor griego, listo, pero confundido), sino saliendo a mirar con tus propios ojos; me habló de hacer hipótesis e idear experimentos, y de compobar las cosas mediante la observación y llegar a una conclusión. Y de verificar luego la fuerza de tu conclusión una y otra vez. Me habló de la navaja de Occam, de Ptolomeo y la música de las esferas, y de que todo el mundo llevaba siglos equivocado sobre el Sol y los planetas. Me habló de Linneo y su sistema para nombrar a todos los seres vivos de la naturaleza, y de que él seguía ese sistema siempre que le ponía nombre a una nueva especie. Me habló de Copérnico y Kepler y de por qué la manzana de Newton se caía hacia abajo y no hacia arriba...Todo eran novedades vertiginosas sobre un mundo muy alejado de los pañuelos y los dedales, que me fue revelado con paciencia bajo un árbol entre abejas amodorradas y marchitas flores silvestres".
Ante a previsible retirada de formadores específicos no ámbito das bibliotecas escolares no Servizo de Formación do Profesorado, no Centro Autonómico de Formación e Innovación e nos centros de formación e recursos dependentes da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, segundo o borrador da orde que convocará concurso público de méritos para cubrir postos de persoas directoras e asesoras nestes centros queremos manifestar o seguinte:
A insoportable levedade das bibliotecas escolares galegas
Hai proxectos que nacen marcados pola vulnerabilidade e a razón desta circunstancia non ten nada que ver coa falta de rigor ou a pouca entrega das persoas que os poñen en marcha. Máis ben ten que ver co feito de que nacen destinados a nadar contra corrente. Con todo, esa é a principal razón da súa existencia: xorden porque responden a unha necesidade non satisfeita pero compartida por un número crecente de persoas que senten que é posible compartir e facer viable o proxecto xuntos. Así naceu o movemento que cristalizou na iniciativa que todos coñecemos como PLAMBE. De xeito que dende hai algúns anos, esa iniciativa levou o mellor da creatividade e o esforzo de moitos docentes que xenerosamente regalaron o seu tempo e a súa capacidade de formar equipos e ilusionar a outros docentes en centros e centros de toda a nosa comunidade. Xuntos aprendemos a ser rigorosos e esixentes nos nosos proxectos, a crear espazos de aprendizaxe colaborativo, de cambios de estratexia, de achegamento ás novas tecnoloxías, de racionalización na xestión da información. Que ninguén se equivoque: os responsables das bibliotecas escolares non son seres evanescentes perdidos en vanas quimeras que tentan “roubar” horas a materias “importantes” para que o alumnado esmoreza entre mundos de ficción. Nada máis lonxe da realidade. Nun centro onde hai un equipo que xestiona a biblioteca de forma eficaz nótase. Os fondos adquírense con criterio, establécense acordos para xestionar a información, créanse espazos de colaboración e docencia compartida. Non é doado porque a maquinaria educativa ten unhas inercias difíciles de combater. A pesar de todo, estes docentes fórmanse e exercen a súa dura misión en horas non retribuídas, roubadas ás súas familias, ao descanso, ao lecer. Fomos coordinados con rigor e seriedade pola Asesoría de Bibliotecas Escolares pero sempre nos faltou o marco legal axeitado. A nosa misión é dura porque queda moito por definir. Na nosa inxenuidade e boa fe esperabamos conseguir progresivamente tempos e formación para seguir mellorando na nosa función se demostrabamos que eramos rigorosos e eficaces. Os nosos méritos como colectivo son dabondo coñecidos polos nosos gobernantes e acreditados por diferentes administracións e ámbitos a nivel estatal. Os numerosos e constantes premios anuais de boas prácticas concedidos polo Ministerio de Educación y Ciencia non caeron do ceo. Durante todos estes anos a formación recibida foi fundamental para levar a cabo actuacións rigorosas e enfocadas na dirección correcta.
Sabemos das cuantiosas axudas que a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, destina a outros proxectos, dos incentivos para a elaboración de contidos dixitais por parte das empresas editoriais, entre outras iniciativas. Non sería tamén interesante fomentar a produción de materiais propios e promover desde cada centro a estandarización de procedementos que axuden a xestionar a información entre o noso alumnado sen confiar todo a eses materiais externos que proceden da industria editorial, por valiosos que poidan ser? Por que non seguir aproveitando a experiencia e valía dos equipos das bibliotecas escolares nestes cometidos?. O noso empeño sempre foi crear nos centros pequenos focos que tentan estender esas boas prácticas de innovación e excelencia. Non entendemos este novo e repentino xiro na política de formación desta Dirección Xeral. Non nos parece xusto posto que, podemos dicir honestamente que, pola nosa banda, cumprimos con fartura. Ao desmantelar as estruturas que nos sosteñen o deterioro será proporcional ao entusiasmo e o esforzo investidos: inmenso e imparable. Algúns lembramos como o noso Conselleiro lanzou un bico ao aire ao despedirse dos asistentes aos últimos encontros despois dunhas entusiastas palabras de eloxio polos éxitos logrados polas bibliotecas escolares galegas a nivel estatal. Onde quedou ese entusiamo? Que interpretación debemos facer? O noso país pode permitirse tirar pola borda todo este traballo? E nós?. En que situación quedaremos agora diante das nosas comunidades educativas se despois de tanta insistencia é a propria Consellería a que nos invisibiliza?.