5/10/11

Museo Plantin-Moretus

Os/as bibliófilos/as non descansamos nunca, nin sequera cando marchamos de vacacións perdemos os hábitos, como ides comprobar nas vindeiras entradas...
Este verán tiven a sorte de visitar o Museo Plantin-Moretus na cidade de Amberes (Bélxica), o primeiro museo en ser incorporado ao listado do Patrimonio Mundial da Humanidade da Unesco no ano 2005.

Este museo ten a súa orixe na vida e obra dun dos maiores impresores-editores de tódolos tempos: Christophe Plantin (Tours,1520-Amberes, 1589), que foi quen desenvolveu, xunto co inventor da imprenta Johannes Gutenberg, aspectos claves na historia da edición e que é considerado como o primeiro impresor industrial.

No ano 1576, Plantin  que era daquela o Primeiro Tipógrafo Real de Felipe II, decide trasladar o "Compás Dourado” (a súa casa-imprenta) á praza Vrijdagmarkt de Amberes. Á súa morte, tanto a casa como a Officina Plantiniana pasan a mans do seu xenro Jan I Moretus e de aí, xeración en xeración, durante tres séculos os Moretus conservan, amplían e enriquecen tanto a mansión  como o negocio.

En 1876, Edward Moretus decide converter o Compás Dourado en museo polo que inicia as negociacións co Concello de Amberes. O Museo abre as portas o 19 de agosto de 1877.

O valor de este marabilloso conxunto cultural é incalculable pois abrangue varios tesouros únicos:
  • A Officina perfectamente conservada coa imprenta onde atopamos as prensas máis antigas do mundo, a sala de tipos con coleccións tipográficas orixinais como a Garamond ou os tipos hebreos máis antigos, a sala de correctores, a librería que conserva aínda o listado de libros prohibidos ou Librorum Prohibitorum Index de 1569, a sala de ilustracións e estampas, a sala dos manuscritos, sala de edicións extranxeiras, sala da xeografía, a tras-tenda, o despacho do maestro Plantiniano e a fundición con series únicas e completas de ferramentas empregadas na fabricación dos tipos.
  • Os arquivos, única colección no mundo que se refire a imprenta que contén series ininterrompidas de rexistros contables que van da segunda metade do s.XVI ata 1865, e permiten coñecer a historia da imprenta e do pensamento occidental da época, polo que foron incluídos no “Rexistro da Memoria do Mundo" da Unesco o 4 de setembro de 2001.
  • Unha colección de 25.000 volumes anteriores a 1800, 638 manuscritos realizados entre os séculos IX e XVII, 154 incunables con exemplares tan valiosos como unha Biblia Gutenberg de 36 liñas e o 90% da producción Plantiniana. 
  • O edificio renacentista do s.XV e as ampliacións con casas anexas dos séculos XVII e XVIII. No patio consérvase unha vide de Canadá do s.XVI.
  • Varias coleccións de arte que destacan pola súa variedade e riqueza: coiros dourados españois ou guadamecíes, gobelíns, mobles e cadros (19 deles de Peter Paul Rubens).
  • A colección do seu Gabinete de Estampas, relacionada coa ilustración dos libros, atesoura 791 bocetos, 2.846 planchas de cobre e 13.791 bloques de madeira tallada.
Estou por propoñer Amberes como destino para a excursión dos MQs e o club de lectura deste curso! Mentres, podedes visitalo premendo no vínculo do seu nome ou botándolle unha ollada ás fotos que conseguimos tomar.


No hay comentarios: