2/3/13

Marcos Calveiro comparte con nós "Palabras de auga"


"O oitavo día que a lanza fica chantada na terra, Amadou non pode pasar toda a xornada baixo o inclemente solleiro, encrequenado cos seus compañeiros arredor dela como aquel primeiro día.
Todos eles teñen que asistir ao consello da tribo para falar de "Palabras de auga" no IES Pedras Rubias.

Jambo! Bevidos a todas e todos a este consello do clan dos Wataki, da tribo dos Kimba, do país de Lomba. Hoxe imos variar un pouco o costume. Hoxe mulleres e nenos van ter voz nas decisións do noso clan. Todos, despois de ter lido o libro, gañamos o dereito de acudir á reunión."



O pasado mércores veu visitarnos Marcos Calveiro, invitado polo departamento de Lingua galega e o equipo de biblioteca. O alumnado de 1º ESO e mais os compoñentes do club de lectura viñan de ler "Palabras de auga", premio Merlín 2012. Como correspondía a unha ocasión tan especial, tentamos darlle un aire africano á nosa Calixtina para entrar en ambiente. Desde aquí mostrar o noso agradecemento ao CRA Raíña Aragonta por prestarnos as fermosas máscaras e a lanza elaboradas por alumnos e alumnas de infantil no pasado Entroido. Tamén agradecemos a Esme e Adelia, compañeiras do IES Val de Tea, de Ponteareas, que se achegasen a compartir a experiencia con nós.



Marcos falounos moito máis ca do seu libro: falounos de África, da súa música e os seus bailes, da seca, da loita pola supervivencia, do que une aos nenos de todo o mundo e do que, por desgraza, os separa. E tamén, dou fe, contestou a moitas, pero que moitas preguntas, verdade Hugo?

Un dos momentos máis emocionantes foi cando nos falou do Coltan, esa combinación de minerais que se está a converter no ouro negro do século XXI debido á súa utilización na fabricación de teléfonos móbiles, tabletas, consolas, pantallas, etc. O coltan é o mineral que se agocha baixo o enigmático sobrenome das "pedras negras" no libro. Se queredes saber máis sobre el, podedes ver o documental francés "Du sang dans nos portables" de Patrick Forestier premendo aquí.

Despedimos a sesión con música da man de Tiken Jah Fakoly e "Plus rien ne m'etonne". Impresionante.




"Aquí, chantados, ficamos como sedentas árbores da sabana despois de sentirmos como a auga das túas palabras escorregou polos nosos corpos poeirentos, enchoupando o noso corazón de sensibilidade e fondura, inundando as galerías das esforzadas formigas onde sementes e vaíñas agochadas durante tempo comezan a abrochar".

Kwa bahati (boa sorte), Calveiro, e kwa heri (adeus).

25/2/13

Música para conmemorar o Día de Rosalía

Onte, 24 de febreiro coincidindo co 176 aniversario do seu nacemento, celebrábanse actos en toda Galicia para lembrar a Rosalía Castro neste 2013 no que se cumpren 150 anos da publicación do seu libro "Cantares gallegos". 

A súa obra supuxo un pulo para o rexurdir das nosas letras e da nosa cultura e dende aquí queremos brindarlle a nosa humilde homenaxe a través da música. 

Os seus poemas tantas veces musicados, non só se prestan a alboradas e ao son da gaita senón que admiten outras versións, outros estilos como nos amosa a artista viguesa Aid, que versionou a ritmo de rap algúns deles (tamén poemas de Cunqueiro, Manuel Antonio ou Curros Enríquez) nun libro-CD editado por Galaxia en 2012 e titulado "Rapoemas".



E agora un pouco de Jazz extraído do álbum "Rosalía 21", coa música de Abe Rábade e a voz de Gaudí Galego.


Para rematar con todo un clásico, o poema "Negra sombra" na voz de Luz Casal.

15/2/13

Signos de amor en papel

Como andamos todos amorosos esta semana, aquí vos deixo dúas curtametraxes moi románticas. A primeira coñecina grazas ao blog Trafegando Ronseis, titúlase "Paperman" e narra o que acontece cando conectas con alguén descoñecido un breve instante e, en lugar de deixar que ese momento máxico se diluía e quedar cavilando no que podería ter sido, decides cambiar o destino e loitar por sabelo. Producida polos Walt Disney Animation Studios e dirixida por John Kahrs, vén de gañar o premio Annie á mellor curtametraxe animada e opta ao Óscar na mesma categoría.



E como pasa tantas veces, esta curta fíxome recordar outra que me enviara un amigo por mail hai tempo e que tamén ten que ver con romper a rutina a través do amor. De novo o papel e a escrita como vehículo. Veño de atopala. Titúlase "Signs" e o seu director é Patrick Hughes (Australia). Desexo que vos gusten e que teñades unha boa fin de semana!

14/2/13

Día dos namorados moi musical


Hoxe 14 de febreiro, día dos namorados, tod@s os que tivéchedes a ben adicar unha canción do noso listado e deixar a vosa petición no pentagrama do corredor,  poderedes escoitalas no programa da radio escolar durante o recreo. 

A vosa participación foi impresionante! Se é que o dos corazonciños vos volve tol@s... Agora resta que vos animedes tamén a participar no concurso "Cantaruxando por amor", tedes ata final de mes para entregar os vosos retrousos.




12/2/13

Quantic love: Física + amor


O curso pasado, dabámosvos a coñecer un libro de divulgación sobre a física de partículas titulado "La puerta de los tres cerrojos" escrito por Sonia Fernández-Vidal, física catalana que traballou durante un tempo no CERN (Centro de Investigación Nuclear Europeo que estivo de máxima actualidade hai uns meses co descubrimento do xa "famoso" bosón de Higgs).

O seu segundo libro está sendo todo un éxito entre os adolescentes, pois narra unha historia de amor que ten lugar entre Laila, unha moza sevillana que vén de rematar o instituto e vai ao CERN a traballar como camareira durante o verán, e Brian, un xoven científico que está desenvolvendo unhas misteriosas investigacións. Polo medio un montón de anécdotas incribles sobre os físicos e matemáticos máis relevantes dos últimos séculos e datos sorprendentes acerca da estrutura íntima da materia.

Os de 4º ESO da materia de Física e Química están desexando comezar a súa lectura e compartir con nós a súa opinión, verdade?

Para amenizarvos o traballo, deíxovos o video coa canción do libro (si, tamén ten banda sonora) que se titula igual que o libro e foi composta polo grupo Nikosia (donde canta a autora do libro "La gramática del amor") e a letra en inglés e castelá para que practiquedes idiomas.






E para rematar, un vídeo sobre a maxía da Física cuántica, un tema ( polo menos para mín) fascinante!

10/2/13

Interior vs exterior: Emily Dickinson/ Jack Kerouac

Emily Dickinson (1830-1886) é unha poeta norteamericana  que viviu no ambiente puritano dunha pequena cidade onde se recluíu tras os muros do caserón familiar. Formouse no seo dunha sociedade moi ríxida, contra a que se manifestou rebelde. Tivo a particularidade de tratar con moi poucas persoas por vontade propia e de vestir de cor branca sempre a partir de 1861. 
Escribiu case toda a súa obra entre 1858 e 1865 creando un estilo poético que se mantivo illado e libre ao non ser publicada en vida. Son versos que falan da soidade e do ensimesmamento da propia personalidade da escritora, pero con absoluta independencia.


Su pecho es propicio para perlas,                     
pero yo no soy un buceador-
su frente es propicia para tronos                      
pero no tengo penacho.  
Su corazón es propicio para un hogar-           
yo -un gorrión- edifico ahí                            
dulces entrelazadas ramas                         
mi perenne nido.

Mi rio corre hacia ti 
¡mar azul! ¿darás la bienvenida?
Mi rio espera respuesta 
mar — se benigno –
te traeré arroyos
de rincones apartados
dime — mar — ¡me llevas!


Jean-Louis Kerouac naceu o 12 de marzo de 1922 no seo dunha familia francocanadense en Massachusetts. 

Comezou a escribir moi novo, tanto poesía como prosa e á súa chegada a Nova York coñeceu a Allen Ginsberg, Neal Cassidy e William S. Burroghs, cos que trabaría amizade e cos que formaría a que se coñece como Xeración beat.

Os beats rebeláronse contra os valores tradicionais vixentes na norteamérica dos anos 50'. Retractores dos convecionalismos, afanábanse nunha busca constante do sentido da existencia; nela intégranse as viaxes, as experiencias coas drogas e o pracer carnal. Rexeitaban toda forma de violencia e acercáronse á espiritualidade oriental.

O seu estilo, coñecido como "prosa espontánea", tivo influencia nas letras do cantautor Bob Dylan. Gustáballe definirse como o "Jazz poet" ou poeta do Jazz. 

Hoxe en día Kerouac é considerado un dos mellores escritores do século XX e o seu libro máis famoso, "On the road" ("En el camino") converteuse rapidamente nun libro de culto para os xóvenes dos 60'. Nel narra o seu éxodo cara ao oeste, acompañado dos seus compañeiros (todos con pseudónimo), a través da ruta 66 cruzando os EEUU, nesa busca de experiencias que caracterizaba á súa xeración. Aquí vos deixo uns fragmentos:

"... pero entonces bailaban por las calles como peonzas enloquecidas, y yo vacilaba tras ellos como he estado haciendo toda mi vida mientras sigo a la gente que me interesa, porque la única gente que me interesa es la que está loca, la gente que está loca por vivir, loca por hablar, loca por salvarse, con ganas de todo al mismo tiempo, la gente que nunca bosteza ni habla de lugares comunes, sino que arde, arde como fabulosos cohetes amarillos explotando igual que arañas entre las estrellas..."

"... escuché una nueva llamada y vi un nuevo horizonte, y en mi juventud lo creí; y aunque tuviera unos pocos problemas e incluso Dean me dejara tirado, como haría más tarde, en cunetas y lechos de enfermo, ¿qué importaba eso? Yo era un joven escritor y quería viajar.
Sabía que durante el camino habría chicas, visiones, de todo; sí, en algún lugar del camino me entregarían la perla."

"On the road (En el camino)"

7/2/13

Recital poético-musical: Ramón Blanco e Pablo Sax. Emily on the road. (Unha viaxe ás terras do oeste)




O luns 28 de Xaneiro pola tarde tivemos a oportunidade de ter entre nós ao compañeiro, profesor e poeta Ramón Blanco, acompañado do músico Pablo Sax, que no acubillo da Biblioteca acadaron o silencio cómplice do público de 3º e 4º e foron quen de levarnos da man do ritmo poético e do son construído oportuna-mente, nunha sesión especial onde a voz recitaba coa réplica de diversos instrumentos, sons de cunchas, de auga, de metais, de vento…, mesturados e prolongados no significado do verso.

Unha Partida: coa linguaxe que só é real como é real un recordo, un desexo… A Ruta: deambulando pola noite, onde ninguén permanece… E unha Arribada: onde o poema se fai na lectura e, como flor efémera, tras ser lido, desfaise.
Son as tres partes do traxecto do que fomos convidados-lectores,  desa parte escura da que é capaz de trascender a beleza.

De fondo a inspiración e o contraste buscado da poeta do século XIX Emily Dickinson, ensimesmada e illada do mundo; e da xeración beat, un grupo de escritores e poetas na busca da liberación en contacto co mundo na Norteamérica dos anos 50.



ramon blanco from biblosvivos on Vimeo.

6/2/13

Intercambio de experiencias co IES de Porto do Son. Alfabetización dixital.



O pasado mércores 30 de Xaneiro, as profesoras que formamos parte da Comisión da B.E. asistimos ao IES de  Porto do Son, en calidade de relatoras, a unha sesión do Seminario que leva a cabo o Proxecto interdisciplinar sobre “Astronomía”. Alí estivemos en representación do profesorado que formou parte do GT sobre Educación Documental Dixital, no que o curso anterior elaboramos a unidade didáctica “Caderno de Bitácora”, que pronto levaremos á práctica co noso alumnado de 1º e 4º ESO.

Falamos da nosa experiencia na elaboración duns contidos, en soporte eXe-Learning, que nos serviran de base para traballar un bo uso da Rede, a chamada alfabetización dixital. Foi un encontro moi agradable así como unha experiencia interesante que contribuíu á difusión do noso traballo, que tentamos compartir.

31/1/13

Tamén len con... Sara Hermida


O xoves 24 visitounos Sara Hermida, unha benquerida exalumna e fantástica lectora, que fixo desta sesión do Tamén len toda unha declaración de principios ao elixir compartir con nós o discurso que Steve Jobs dera na Universidade de Stanford.

Carlos Pérez fixo ás presentacións e os alumnos Lois Martínez (3ºC) e Marta Dauzón (2ºC) deleitáronons cunha peza musical. 

Despois da lectura, Sara tivo a ben responder as preguntas do público interesado en coñecer anécdotas do seu paso polo noso centro, as súas recomendacións literarias, os estudios que cursa na actualidade e o motivo polo que escollera este discurso. Sara rememorou certa historia relacionada cuns botonciños on/off para apagar e acender aos pais (non imos dar máis detalles :)) e explicounos que a idea principal que nos quería deixar con este discurso era a de mostrar que o máis importante cara ao futuro é amar o que fagamos, ter inquietudes e loitar polo que se quere. Non se me ocorre mellor consello. 

Deixámosvos aquí o video do discurso en inglés con subtítulos en castelá e a versión traducida ao galego pola propia Sara. 






Sariña, folga dicir que es e serás sempre benvida neste centro e na nosa Calixtina. Grazas.

22/1/13

Cantaruxando por amor


Neste curso comezamos a preparar as actividades para o día dos namorados ben cedo, xa que o entroido está á volta da esquina e xa sabemos o que iso significa, sobre todo aquí en Salceda.

Os MQs adornaron o centro con pentagramas amorosos e vos propoñen dúas opcións para participar/celebrar con música e sentimento esa data especial do mes de febreiro: por unha banda, podedes facer dedicatorias de cancións que escoitaremos pola radio escolar no recreo do día 14 e por outra, podedes animarvos a participar no concurso "Cantaruxando por amor"

As bases para participar no concurso son as seguintes:

1- Debes poñerlle letra ao retrouso dunha melodía escolmada por ti. A letra debe ser orixinal pero non a música, que podes tomala prestada de calquera canción coñecida.

2- Escribe o teu retrouso nun corazón (pídello a Begoña) e cólgalo no pentagrama que tes na entrada engadindo o teu pseudónimo.

3- Entrega na biblioteca un sobre que teña por fóra o teu pseudónimo e por dentro o teu nome, apelidos e curso. Anota tamén a canción da que tomaches prestada a melodía.

4- O prazo de entrega remata o 28 de febreiro.

5- Os MQs e o equipo de biblioteca elixiran aos finalistas e os convocarán a unha sesión en directo onde se elixirá o gañador/a do concurso.

6- O premio será un vale para unha cea romántica para dúas personas.

16/1/13

Unha historia da música ilustrada

Veño de coñecer este divertido vídeo da man da miña antigua profesora de cello. Unha historia da música (occidental, iso si) condensada en menos de sete  minutos. 

12/1/13

A catástrofe do Prestige dez anos despois



A última semana de aulas do 1º Trimestre fixemos algunhas actividades ao redor  do 10º  aniversario da catástrofe do Prestige. Cos diferentes niveis da ESO, plantexámonos algunhas cuestións importantes despois de ver unha montaxe documental que emitira a cadea de televisión Tele 5 daquela e o documental “Marea blanca” feito pola cineasta Isabel Coixet, onde destaca a participación desinteresada de tantas persoas voluntarias que viñeron de fóra, de moi diferentes lugares, sensibilizadas ante o desastre ecolóxico de toneladas de fuel (chapapote) verquidas ao mar.



Paralelamente montouse unha pequena exposición coa intención de mostrar algúns gráficos e datos publicados na prensa do momento explicando o accidente, a solución dada, as negativas consecuencias económicas e sobre o medio ambiente, o xurdimento espontáneo dun movemento cidadá chamado “Nunca Maís” e as actividades que se fixeron coa colaboración de músicos, artistas, escritores..., e sobre todo dende a escola, destacando a experiencia extraordinaria da “Cadea Humana” na Costa da Morte.


24/12/12

Bo nadal!



Os membros do club de lectura, os MQs, o alumnado voluntario e as compoñentes da B.E. do IES Pedras Rubias vos desexamos un bo nadal.  Que o disfrutedes en boa compaña, rodeados de doces melodías e felices lecturas.

22/12/12

Tamén len... con Javier Costas


Nesta última sesión anual do "Tamén len" tivemos o pracer de recibir a Javier Costas, arquitecto e profesor de Educación Plástica e Visual nun instituto de Vigo,  e pai de Blanca Costas de 3ºA.

Despois de escoitar a peza interpretada por José Castro de 3ºA ao clarinete, Javier resumiunos brevemente o argumento do libro escolmado, "El atentado" de Yasmina Khadra (pseudónimo do escritor Mohammed Moulesshol, ex-oficial do exército arxelino que ten escrito varios libros sobre o conflito de Oriente Medio) do que nos leu un fragmento inicial.

Amin Jafaari é un cirurxián palestino nacionalizado israelí que vive e traballa en Israel. Está casado e leva unha vida tranquila e feliz. Un día, no hospital donde traballa, comezan a recibir feridos dun terrible atentado levado a cabo nun negocio de comida rápida por un terrorista suicida que resulta ser a súa muller, algo que Amin non é capaz de comprender e que o levará a adentrarse no mundo do integrismo islamista para atopar respostas.

Na rolda de preguntas, Javier falounos da orixe da súa vocación polo debuxo, compartiu con nós algunha trasnada adolescente e confesounos a súa predilección polos libros de arquitectura. Moitísimas grazas pola túa visita!


* Buscando información en internet, veño de descubrir que existe unha versión deste en banda deseñada, polo menos en francés.

20/12/12

Personaxes de conto e música no aniversario dos contos dos irmáns Grimm.


Estes días celébrase o 200 aniversario de existencia dos contos dos irmáns Grimm, que todos limos de cativos.
 Como sexa que seguimos amando que nos conten historias reais ou de ficción, nada máis efectivo e festivo que facelo a través da canción de Jaume Sisa titulada “Qualsevol nit pot sortir el sol (Calquera noite pode saír o sol) coa que nos dá a benvida para facer da tristura fume, invitándonos a esa casa habitada por mil e un personaxes cos que convivimos algunha vez, onde di: “a miña casa é casa vosa, se é que hai casa dalgún”.
Polo tanto o noso brinde é pola liberdade, a igualdade e a capacidade de crear unha boa vida en común.


(Engadimos tamén a versión gipsy desta canción que fixeron "Los Manolos", porque trae a letra, cremos que en catalán é entendible).



Por certo, que versión vos gusta máis?