5/3/12

Tamén len 5º aniversario

O día 27 de febreiro pasado facíanse cinco anos da primeira sesión do noso "Tamén len". Por suposto, non podiamos deixar pasar esta data sen celebralo por todo o alto. Un lustro xa...

Paula presentado a Jose Luís
Moitas foron as persoas que ao longo de todos estes anos se prestaron a vir ata a nosa Calixtina para compartir a súa afección polos libros, para engaiolarnos coa súa voz e a súa presenza neses breves momentos de lectura compartida durante o recreo.
De todas elas, cinco (en representación ao número de anos) asistiron ao noso acto especial do 5º aniversario: Rosa Velasco (profesora do CPI Altamira), Darío Hermida (enxeñeiro e ex-alumno do noso centro), Loli Castiñeira (concelleira de Turismo de Salceda de Caselas), Roberto Cameselle (Policía local de Salceda) e Suso Cancela (ATS no centro de saúde da vila). Como non podía ser doutro xeito, o condutor do acto foi o noso excompañeiro José Luís, "inventor" desta marabillosa actividade de fomento da lectura.

Un intre da lectura de Rosa Velasco

Entre lectura e lectura, soou a música do noso alumnado

Todos os lectores/as da conmemoración

Un momento da sentida interpretación de Hugo
O pistoletazo de saída deuno Paula, coordinadora da BE, coa súa emotiva presentación de José Luís que, á súa vez, fixo as presentacións dos nosos convidados ao que seguiu a rolda de lecturas. 
Os fragmentos escolmados foron moi diversos: a amizade e tenrura do fragmento de "O Principiño" escolmado por Rosa, os risos provocados polo monólogo humorístico de Carlos Blanco que nos leu Darío, o sobresalto da violencia relatada por Loli no fragmento de "Mexillóns para cear", a tenrura e o mundo escolar no relato "A lingua das bolboretas" que leu para nós Roberto ou a actualidade e a reivindicación política dos poemas de Bertolt Brecht que recitou Suso. Entre medias as actuacións musicais executadas polo noso alumnado. Agora só resta desexar que faga moitos máis! 

Foto de familia dos asistentes e organizadores/as

3 comentarios:

Susana dijo...

Encantoume esta sesión do Tamén len! Moitas grazas a todos/as os que o fixestes posible.

Karen dijo...

Todos os libros gustáronme pero máis a historia de Darío Hermida.
Xosé Luís e Rosa encantáronme! Hai que facer máis sesión destas.
Noraboa a tódolos participantes e organizadores!

Carmen dijo...

Noraboa polos cinco anos!
Polo que parece o acto debeu estar xenial ;)
Saúdos!