26/11/12

Semana contra a violencia de xénero: La biblia envenenada


La biblia envenenada de Laura Kingsolver narra a historia dunha familia; o pai Nathan Price é un predicador baptista que solicita ser destinado a unha aldea do Congo xunto coa súa muller Orleanna e as súas catro fillas, Rachel, as xemelgas Leah e Adah e a pequena Ruth May. De fondo a historia recente do Congo: as postrimerías da época colonial, a súa independencia de Bélxica en 1960, a elección de Patrice Lumumba como primeiro ministro e a súa destitución, arresto, fuxida e execución despois dun corto mandato e a instauración do réxime ditatorial de Mobutu promovido polos EEUU.

Pero se hoxe vos falamos deste libro non é polo que poda ter de novela histórica, nin para falarvos da súa prosa poética lixeira, ni da súa estrutura en  que cada capítulo é narrado por unha das cinco mulleres protagonistas, senón porque a historia da familia Price é unha historia de maltrato onde podemos ver as diferentes reaccións e secuelas que éste causa en cada unha das compoñentes femininas do núcleo familiar.

Nathan Price é un home violento que como portavoz do seu Deus crese sempre en poder da razón. Marcha a África cheo de soños evanxelizadores que tentará levar a cabo establecendo a mesma relación de poder que ten coa súa muller e fillas.

A través de Orleanna, a nai, coñeceremos o comezo da historia de parella e o inicio das humillacións e malos tratos. Nela o sentimento que perdurará será a culpa, da que non conseguirá desfacerse nin sequera tralo abandono do seu home.

Rachel é unha adolescente frívola que tenta suplir con valores materiais a falta de amor. Leah adora ao seu pai tentando sempre obter a súa aprobación, Adah, a súa xemelga hemipléxica, recárgase co odio e o resentimento e loita pechándose sobre si mesma e a pequena Ruth May é unha nena que observa e intenta entender o que ve.

O futuro fará que Rachel se converta nun ser egoísta que non dubida en venderse ao mellor pagador. A adoración de Leah transformarase en decepción da que tentará fuxir vivindo a súa vida como unha sorte de expiación e Adah emerxerá do seu illamento lentamente. Ruth May será o detonante que iniciará o cambio de rumbo na súas vidas. E o único nexo que perdurará para todas será África.

Moi, moi recomendable.

2 comentarios:

Moraima dijo...

Ten moi boa pinta!!

ana dijo...

Penso que che gustaría. Alégrame verte por aquí de novo, Moraima!