16/3/13

@ emedemuller fala sobre capacidades diferentes con Fátima García Doval


Co gallo do Día Internacional da muller quixemos poñer de relevo valores tradicionalmente asociados a roles femininos (o coidado dos demais, a sensibilidade, a tenrura, o amor...) tan necesarios para construír unha sociedade madura e solidaria, aberta aos cambios.

Tamén por iso, por situarnos na vangarda nun mundo en igualdade, onde a muller tamén destaca en moitos ámbitos do saber e pensamento, ten especial mención neste día a tecnoloxía.

Por este motivo convidamos a Fátima García Doval (@mininacheshire) o pasado venres 8 de Marzo ao noso @mdemuller, actividade que vén organizando o Departamento de Orientación en colaboración co Equipo de Biblioteca desde hai sete anos.

Fátima é directora do Centro de Educación Especial Manuel López Navalón (Santiago de Compostela) dende o ano 2005 e investigadora en tecnoloxías e accesibilidade exercendo como codirectora no proxecto ACCEGAL adicado ao deseño de solucións de accesibilidade e comunicación, baseados principalmente en dispositivos móbiles.

Fátima é unha muller pioneira e entusiasta que nos fixo reflexionar sobre o concepto de dis-capacidade baixo unha perspectiva nova e optimista ao tempo que nos facía ver como o que damos por sentado condiciona o que sentimos, o que dicimos e o que esperamos, e de como a tecnoloxía vainos obrigar a cambiar os nosos esquemas mentais.

Falounos de como a superación de límites é o que nos fai crecer como persoas independentemente da nosa condición física. En palabras de Fátima, “falamos de capacidades diferentes porque todos somos capaces de facer cousas marabillosas”.

Grazas Fátima pola túa sensibilidade e xenerosidade.
Irma Álvarez

2 comentarios:

Lepauli dijo...

Sentín non poder estar ese día, pero polo comentado foi unha charla interesante, cun punto de vista non moi usual e ben positivo.

Irma dijo...

Para foi un pracer escoitar a Fátima e tamén observar a cara de emoción de moitos alumn@s ao rematar a charla!!

Grazas