O xoves 19 de decembro o IES Pedras Rubias amaneceu "en obras," cheíño das sinalizacións, obstáculos e moslestias que acompañan nestes casos.
Pero o que se obraba era nada máis e nada menos que unha nova sesión do Tamén Len, que neste caso se preparaba deste xeito para recibir a visita de Nato, ou Fortunato Álvarez, o Concelleiro de Vías, Obras e Servizos do Concello de Salceda, quen, presentado por Lois (de 4º A), tivo a ben compartir con nós unha serie de pensamentos e fragmentos literarios a través dos que fixo unha fonda reflexión sobre a idea da viaxe. Elixiu varios autores sobre os que bascular e seguir un discurso que vai dende Castelao a Xabier DoCampo, pasando por Cunqueiro e Pessoa: a vida como viaxe, a viaxe da emigración ou do exilio, a viaxe como soño, as viaxes para volver e contalas..., sen esquecer a súa propia experiencia.
Á hora do debate deixou claro que é un home práctico, nada romántico. Fai honor ao seu nome e se considera un home afortunado.No seu traballo tenta manter as infraestruturas deste municipio en boas condicións e xestionar novas obras para mellorar os servizos aos cidadáns. O proxecto do que se sinte máis orgulloso é a humanización do centro urbano da Esfarrapada, ou obriñas pequenas que tamén son interesantes, como recuperar cruceiros, carballeiras, etc. O obxectivo é facer a vila para a xente, non para os coches.
Comenta que comezou a súa vida como lector dende pequeno, aínda que como lector público hoxe, pero agora sente que a política lle saque tempo para ler.
Estudou con beca en Tui e cando perdeu a beca, o pai díxolle que podería seguir se ía en bici todos os días. El non desistiu e así o fixo, ata que o pai se compadeceu e acabou pagándolle unha pensión.
Animou os alumnos e alumnas a facer do instituto un bo lugar a carón dos profesores.
Link issuu.com/biblosvivos/docs/texto_de_nato._tam__n_len._19_decem?e=1183732/6116798
No hay comentarios:
Publicar un comentario