23/3/14

O BOSQUE DAS LINGUAS DO AMOR: "Actividade Río"

-No mes de Febreiro, como primeira fase, e con ocasión da celebración do día dos NAMORADOS, despregamos un gran friso no corredor que foi convertíndose nun extenso bosque cambiante segundo o paso das catro estacións: outono, inverno, primavera e verán. Dende o principio contamos coa colaboración de varios membros do Club de Lectura e alumnos e alumnas atraídos polo debuxo e a pintura que se brindaron a ir dándolle forma a ábores e follas ao longo dos recreos, de certas horas de Atención Educativa e, especialmente, do permiso de Nacho, o profe de Plástica, que deixou saír das súas clases a estas persoas colaboradoras e valorou a súa actividade.

outono

A idea era ter un soporte para despois pegar nas ramas das árbores as follas cos escritos en verso ou prosa poética presentados a concurso polo alumnado interesado e sensibilizado coa creación literaria na lingua escollida: galego, castelá, árabe, italiano...
Por certo, aínda podedes participar..., o caso é animarse a escribir.

inverno 

Inspiradas polo contexto, varias alumnas tiveron tamén a iniciativa de propoñer unha exposición de debuxos de tema amoroso, que acompañarían a presenza do noso TROTAMUNDOS Cali na parte superior, lendo nunha nube de ensoñacións:


O CEO DOS NAMORADOS

Gústache debuxar? Agora podes facelo:
Adica un debuxo a "esa" persoa especial coa temática do AMOR, claro está.
Todos os debuxos entregados na Biblioteca serán expostos xunto a CALI, a nosa pantasma favorita, nun mural por San Valentín.
Atrévete a debuxar!
"Esa" persoa especial o verá!.

O bosque das linguas do AMOR

-Chegado Marzo, e como o proceso deu o seu traballo, nunha segunda fase, e despois de respectar a exposición dos escritos de propia inventiva un tempo oportuno, pasamos a poboar as copas das árbores de máis e máis follas de todas as cores contendo os versos de amor de poetas do noso gusto que fomos seleccionando aquí e acolá, e tamén en diferentes linguas, xa que de fondo estaba a intención de "viaxar a través delas pola poesía de diferentes culturas". Este material está a mercede de seren utilizado por todos para traballar o recitado e a lectura, e serve para poñer en coñecemento dos mozos e mozas os nomes e palabras de escritores fabulosos: Neruda, M. Hernández, Machado, Salinas, Aleixandre, Lorca, Rosalía de Castro, Lupe Gómez, Ángel González, Félix Grande, L. M. Panero, Rimbaud, Pessoa, Xela Arias, Ana Romaní..., e moitos nomes maís de agora e de sempre. É a nosa contribución ao Día da Poesía (21 Marzo) e á Primavera.

primavera

-Será en Abril que, nunha terceira fase -este friso animado polas intervencións que durante todo este tempo fixemos todos os que por alí pasamos e quixemos debuxar ou pintar deixando o noso rastro creativo e a nosa interactividade espontánea-  servirá como decorado de fondo da representación de Contacontos que pensamos facer para os pequerrechos do lugar, no CRA, a finais deste trimestre.

verán

Por todo isto, a denominación de "Actividade Río" parécenos do maís axeitada. É un bo exemplo das destrezas que aprendimos a desenvolver para rendabilizar o tempo e o esforzo empregado por todas/os. Xa só nos queda dar as grazas pola colaboración recibida, que fixo maís lúdica esta actividade.
                                                        

2 comentarios:

BiblioArzúa dijo...

Me ha parecido interesantísima vuestra actividad. Por favor, ¿me podríais explicar con detalle las características técnicas (dimensiones, soporte, pinturas, etc.) del mural?
Muchas gracias.
Biblioarzúa.

Anónimo dijo...

SuperHermoso!!!! :))